X.A. Touriñán: “Hai que ser un mesmo e tratar sempre, sempre de pasalo ben”

A de Xosé Touriñán (Culleredo, 1980) é unha das caras máis recoñecibles de Galiza. Cómico e actor, está a vivir unha etapa profesional fértil e diversa.

Compartimos con el unha agradable conversa na que falamos da súa traxectoria e do sector audiovisual galego, especialmente da televisión.

Quixen que esta fose a primeira entrevista de Talento Galego, a que inaugura este proxecto e corta a cinta, porque Xosé Touriñán é un artista que se atreve con todo, que non se deixa encasillar e que ten demostrado que un cómico tamén é un actor con tódalas letras. Ademais, é un galego que presume de selo e de traballar no seu país.

 

Talento Galego – Cóntanos como nace Touriñán artista, como empeza todo.

X.A.Touriñán: Nós empezamos como dúo (a outra metade do dúo é Marcos Pereiro). Coñecémonos dende sempre, dende que Marcos chegou de Alemaña con sete anos. Iamos ao mesmo cole, el é un ano máis ca min, eu son do 80 e el do 81. Onde máis tivemos contacto, porque nunca estivemos na mesma clase, foi xogando ao balonmán, que coincidíamos un ano: cando eu era de segundo ano el era de primeiro e compartíamos aí ese tempo. E despois sobre todo no instituto, cando chegamos á Universidade Laboral da Coruña, aí estudiamos… bueno, non estudiábamos moito, iamos estudando para ir aprobando. Despois el parou e volveu para facer fotografía artística e eu fixen filoloxía galego-portuguesa.

 

TG – Fotografía artística, que bonito!

X.A.T. – Si, el é un gran fotógrafo. Aí si que empezamos, porque el facía teatro e empezamos no grupo de teatro do instituto. El lioume a min un pouco, porque eramos da mesma pandilla e, naquelas épocas de ir a Ortigueira e pandeiretas e gaitas e todo iso, combinámolo con empezar a facer teatro. E aí un amigo propúxonos facer algo para o Día das Letras Galegas e naceron Nucha e Mucha, que para o ano que ven fan quince anos.

 

TG: Caramba, quince anos xa

X.A.T.: Si, o ano que ven o día das letras fai quince anos. Empezamos a actuar en bares, en pequenos sitios, en festas e despois de dous anos ou así veu a tele e nace a empresa dos dous.

talento-galego-xatouri-02

TG: Entón como foi o paso, ti primeiro estudache unha carreira e un día chegache a casa e que dixeche “Ola, mamá, papá, quero ser artista”

X.A.T.: Mentres estaba facendo a carreira os últimos anos xa faciamos bolos por aí entón xa fun pagando eu os créditos que suspendía, que tiven que pagar moitos créditos, sobre todo de latín (cinco anos de créditos!) e xa os fun pagando. A verdade é que meu pai tampouco nunca lle deu moita importancia. Non entendían moi ben creo… miña nai sempre me apoiou e el nunca dixo nada máis que un día “a ver cando parades de facer o tonto” ou “ e logho onde ides…” pero tamén pedía menos pasta e tampouco se preocuparon demasiado, sempre me apoiaron. E a verdade é que foi todo bastante rápido.

Hai un cambio cando empezas a saír na tele, que xa te toman en serio. Cando os amigos lles empezan a contar “Ah mira teu fillo, que ben… que gracia fan, como son” E na miña casa parece que é media sorpresa, que eu son bastante serio no trato normal, ninguén sabía nin contaba (nin eu!) que podía facer as cousas que fago, de verdade!

Cando ía ao cole facía teatro e dábame moitísima vergonza, sufría moitísimo. Foi no instituto cando lle atopei o gusto. O aplauso que agora escoitamos [soa un aplauso no fío musical do bar. Soa un concerto] creo que é a droga.  No instituto o aplauso foi a droga que me enganchou. Pouco a pouco sen querelo e sen pensalo, un pouco por diversión. Tamén agora intento que siga sendo así.

“Intento seguir pasándoo ben no que fago”

Ás veces tomei isto un pouco en serio e para a cabeza non vén ben.  Foron épocas que non o pasei ben, entón intento seguir pasándoo ben no que fago.  É o que máis me interesa… gañar diñeiro por suposto (sorrí) pero pasalo ben e facer cousas coas que disfrute. No meu caso é o que me deu máis rendimiento emocional pero tamén máis rendimento económico, unha cousa vai coa outra. Teño esa sorte.

 

TG: E cando ves que a cousa empeza a funcionar, non pensas “Teño que ir vivir a Madrid que vou ter máis oportunidades”, “máis traballos”… Ese pensamento xurdiu nalgún momento?

X.A.T.: Non, eu sempre quero estar aquí porque eu son de aldea.  Eu estou encantado. Nacín nunha aldea, estiven fóra, estiven traballando… e fixen a miña casa na aldea onde nacín, porque hai moitos lugares no mundo pero mellor ca ese para min non hai (fala de Castelo en Culleredo).

Hoxe estamos en calquer parte do mundo, con internet, nun voo, depende o que necesiten de ti.

Eu sempre tiven aquí moito traballo e teño unhas condicións moi boas. Non sei se todo o mundo pode dicir o mesmo. Levo dez anos traballando moito e gañando moi ben a vida. Tiven ofertas de irme para fóra, non tiven que ir eu buscalas e probar. Podía terme ido con traballo e decidín que non. Estou aquí coa miña familia, eu teño muller e teño fillos e estou ao lado da casa. Estar en Madrid supón… Bueno non supón nada, pero xa tan só no plano económico non me compensa. Vou a Ilustres Ignorantes porque me convidan, fun un par de veces por amizade con Coronas, porque é un tipo encantador, agora me chaman para ir ao Club de la Comedia. Primeiro dixen que non, pero por que non? Por que eu non fago  un monólogo do Club de la Comedia? Volveron insistir e entón digo, bueno, é un día, voume. Chamáronme para Seis Hermanas e era un ano e medio. Non podo, non podo. En parte veume moi ben para aquí porque eu chamei á Galega e díxenlle “mira, queren que me vaia a Madrid a facer isto, vai Buscando Ardebullo ou non vai?” E dixéronme “Si, si, xa queríamos falar con vós”. E así a cousa tamén se acelerou un pouco gracias ás outras ofertas.

Creo que se te vas fóra é para facer cousas que aquí non podes facer, pero sexa ficción, sexan series ou cine aquí podes facer de todo. Igual estou máis encasillado na parte de entretemento, en Mucha e Nucha, LandRober…Nese tipo de personaxes, aínda que  tamén me ofreceron facer cousas en series. Se chegara un proxecto totalmente distinto que non poidas facer aquí…

Coma o teatro. Voume poñendo cousas que quero facer cada ano. Imaxínate, cando fixen Fenómenos foi a casualidade. Eu creo que teño un súper poder niso, porque digo “molaríame facer cine” e de aí a un mes chamoume Zarauza para dicirme que tiña unha cousa que tiña escrita para min… Foi maravilloso. Despois digo “podía facer teatro”, porque fíxeno no instituto e desde ese teatro afeccionado non volvera. E veu Amigos ata a Morte e foi un éxito.

O que eu vivín no teatro con Amigos ao final de cada función non me pasou nunca. Nin con Marcos facendo Mucha e Nucha en festas de cinco mil persoas diante… A sensación que tiven no teatro é outra historia. Agora estou  no Monólogo do Imbécil que foi durísimo! Os ensaios… xuntóuseme con función de Amigos ata a Morte, con LandRober, con grabacións de Buscando Ardebullo… case me reventa a cabeza para poder facer Monólogo do Imbécil (sorrí).

Como dícía, todo depende dos proxectos. Eu agora mesmo teño a sorte de poder escoller. Non sei o que me vai durar, é complicado no noso oficio dicir que podes escoller. E estame pasando agora. Por iso é un gran momento, é un moi bo momento profesional nese sentido.

 

TG: Dirías que estás agora mesmo nun dos mellores momentos da túa carreira?

X.A.T. É o mellor porque estou facendo o que quero e me gusta, porque teño que dicir a cousas que non… E pódesme dicir “Non, pero tiveche un programa!” Pero para min foi o peor momento da miña vida profesional, porque cando tiña Tourilandia foi unha carga excesiva. Non me colleu preparado. Foi quizais onde máis aprendín, porque foi onde peor o pasei. A nivel profesional dis ti “é o teu programa e tal” pero eu quedaríame no momento de hoxe. Son feliz traballando con cada cousa  que fago.  Naquel momento foi a primeira vez que me planteei para que servía isto… Igual me amarguei eu de máis, igual foi un rollo de “yo conmigo mismo” non? O mellor momento profesional, sen dúbida, agora.

Pero bueno, sempre foi un gran momento dende que empezamos foi un gran momento profesional, sempre, non teño malos momentos profesionais aparte destas cousas… De liarte ti mentalmente.

talento-galego-xatouri-05

TG: E neste momento tan doce, coa conciliación familiar como se apaña un?

X.A.T. – Uf, moi difícil. É moi difícil organizarse e facer plans a un mes ou dous meses. A ti chámante mañá e un día que tiñas libre pois ocúpase… e como eres autónomo e como eres artista e tal é complicado. A única maneira de conciliación familiar é levantarme ás oito da mañá para almorzar tódolos días cos meus fillos, é o que intento facer. Ás veces podo e ás veces non, pero non sei… Supoño que todo é cuestión de organización pero eu son un súper desorganizado. Son un tipo que nin son constante nin son organizado a nivel persoal. Agora digo: non, os domingos non vou traballar … polo menos un día á semana. Xa non por eles, tamén por egoísmo, porque eu creo que cando ti lle das todo aos fillos no tempo que estás, aínda que sexa pouco, os nenos nunca cho van botar en cara.

Pero é complicado. Pídolles perdón todo o que podo (sorrí).

 

TG: E despois de todo o vivido, que lle dis a un rapaz ou a unha rapaza que está empezando como actor, por exemplo

X.A.T.: O consello que lle podo dar é que disfrute facendo o que faga. Que busque disfrutar, que non busque copiar. O primeiro é ser cada un un, un mesmo, xerar a túa marca, en calquer traballo, non falo xa do noso. Tes que ter algo distinto aos demais para que te chamen a ti e desfrutar, intentar pásalo ben sempre, sempre. E non falo de facer comedia, falo de facer o que sexa, de facer drama, de facer teatro, cine, o que che guste, pero disfrutando. No traballo en xeral, xa sei que é difícil, e parece que nós traballamos nunha cousa que é maravillosa e que sempre o pasamos ben… pero nós somos persoas e temos días que tamén estamos jodidos, que tamén estamos agobiados ou tristes e hai que saír a facer rir á xente e realmente a min tamén me vale como terapia, para min. Axúdame a estar mellor. Ti entras alí e xa olvídaseche todo, olvídanseche as tristezas, as preocupacións e todo. Entón por iso digo: hai que intentar pásalo ben. É o mellor consello que eu podo dar dos dez ou quince anos que levo eu dedicándome a isto.

“Hai que tratar de facer productos que a xente demande”

TG – E tal e como ti ves o momento do audiovisual galego, en xeral, tanto cine como tele, hai oportunidades?

X.A. T. – Si. Só hai que ver as series por exemplo, ou os formatos novos, hai un montón de caras novas.

Houbo momentos mellores, no plano económico, e houbo momentos moito peores… fai tres ou catro anos foi un momento no que había un montón de compañías que non tiñan curro e que pasaron unha chea de tempo sen traballar. E agora hai un montón de xente nova, moitas máis series, moitos máis programas, un montón de xente traballando… durante menos tempo e por menos diñeiro, igual que en todo. A verdade é que non quero que sigamos indo de choróns, de subvencionados… non é iso. Hai que tratar de facer productos que a xente demande, que é o que nos falta por facer.  Ao mellor había un vicio excesivo antes, cando se facía cine ou teatro: se a subvención se cobraba daba igual que houbese trescentas persoas no teatro ou que non. Se facemos cousas que a xente demande e que á xente lle gusten, eu creo que podemos ter choio para tempo.

talento-galego-xatouri-03

 

“Creo que conseguimos chegar a xente que non era público da Galega”

TG –Falando da TVG en particular, hai algo que está cambiando? Nótase outra mentalidade en canto a aceptar cousas novas? Porque por momentos parece que haxa un retorno de espectadores que se perderan. Dende fóra é confuso porque parece ademáis que hai moitos programas que intentan algo diferente pero que non se queren, que non se chegan a emitir ou que se emiten a horas intempestivas e ao mesmo tempo vese que hai certo espazo de liberdade co que se di ou se fai no LandRober…

X.A.T. – Creo que é porque conseguimos chegar a xente que non era público da Galega, entón hai manga ancha nese sentido. É dicir, o difícil é chegar a ser valor de producción. É que por exemplo, eu con Marcos, Mucha e Nucha cheguei a dicir cousas que se as di outra persoa na Televisión de Galicia non volve traballar alí nunca máis, pero dixérono Mucha e Nucha e como o din elas (pon voz de Mucha) “… bueno muller non contes iso… Ai perdón muller escapoume…” Con esa foto, que son dúas señoras, o de sempre, as cantareiras, rollo tradicional… Pero o que saía da boca desas señoras hai que pararse a escoitalo porque non son cousas políticamente correctas na maioría dos casos. Metido así con moita cousa de “jústame este, jústame o outro” ou non sei que… Despois con LandRober chega un montón de xente á TVG que non é público da TVG, pasou antes con AirGalicia e tamén co Xabarín… é esa xeración, a xeración que enganchas e perdes porque non tes contidos para eles e que despois podes volver enganchar neste tipo de contidos. Contidos como Era Visto, que ten moito público maior pero tamén moito público que non é da Galega, xente moi urbana que nos di “A min o que me gusta é o Era Visto”.

O mérito das novas cousas é da xente que está detrás, LandRober é Roberto Vilar e o equipo de guión de LandRober. Era Visto fanno os guionistas e os directores de Era Visto, e Ardebullo facémolo nós, non hai alguén que che impoña cousas, que impoña marcas de “isto funciona así, así ou así” como o que che ensinan nas universidades. Se eu o fago ao revés que pasa? Hai que facer ese tipo de probas.

Supoño que os novos, e eu declárome novo con 36 anos, deberían estar creando contidos para a Galega. Hai dúas canles e vale que non hai moito diñeiro, pero ninguén pediu moito. Hai un montón de novos creadores, chavales que fan webseries, youtubers… que saben qué contidos interesan.

É unha tele pública, non podemos olvidarnos diso, pero debería haber moita máis entrada de probas, de cousas novas, de novos proxectos, de traer novas audiencias neste caso, porque temos que crear audiencia. En dez anos vai morrer un montón de xente que ve a Televisión de Galicia e hai que terlle recambio. As únicas armas que temos distintas aos outros (porque nós temos  presupostos dez veces inferiores. Se aquí un capítulo dunha serie vale 40 ou 60.000€, en Madrid vale 400.000… na mesma hora, na mesma franxa horaria) tes unha diferencia, o cercano e o idioma. Son as únicas pezas que nos fan distintos, as nosas historias, que moitas veces son máis universais do que nós cremos, pero o idioma e os nosos rasgos particulares son o único co que podes competir, é a única arma, e é o que hai que manter e xerar contidos para iso.

Non sei se está a cambiar. Se cambian os creadores cambian os programas.

Cando hai un cambio de goberno nótase cando empeza e que hai novos formatos… non digo nin mellores nin peores, mandan uns (é unha tele pública, mandan os políticos ao final) e a uns gústalles máis unha cousa ou gústalles máis a outra. Gústalles menos que te metas con eles a uns que a outros…

talento-galego-xatouri-06

 

TG – E aí hai algún tipo de comentario ou recomendación, que non quero dicir a palabra censura…

X.A.T. – A nós nunca. Eu nunca tiven censura. A única historia que eu vivín directamente, ou case directamente  porque somos moi amigos, foi unha vez que a alguén se lle escapou un “me cago en dios” e non lle gustou nada a alguén de arriba e dixeron bueno pois… este tipo é mellor que non traballe, por escaparlle un “me cago en dios” e o razonamento  foi… “non, é que foi sen querer” e entonces o que tomou a decisión dixo “pois por iso, se aínda fora querendo aínda pode paralo, pero igual outro día vólveselle escapar”.

“Nunca un humorista, un que se dedica a isto, fai un chiste onde el vexa que está facendo dano.”

TG – Últimamente parece que hai un movemento estrano de humoristas pedindo perdón por cousas que fixeron sempre como o tema de José Mota hai ben pouco

X.A.T.: É que non vin o sketch, pero eu creo que agora tomamos moi en serio opinión dunha persoa. Hai comentarios de xente ou dunha asociación que se queixa… E realmente esas cousas están na cabeza de quen denuncia. É dicir, creo que nunca un humorista, un que se dedica a isto, fai un chiste onde el vexa que está facendo dano. Eu e Fede por exemplo co espectáculo de Curtis e Teixeiro podíamos ir presos perfectamente. E créase por iso, para saber ata onde, onde están os límites do humor, usar os chistes que se usan na taberna o una familia… eses de “que animal eres, que bruto eres”. Non sei se é necesario ou non , pero me parece que estamos nunha época na que somos demasiado delicados con certas cousas, que tomamos moi en serio moitas cousas e para todo na vida o mellor é tómalo con máis humor, con máis comedia.

Dende o rollo dos titiriteiros ata este rollo de pedir perdón… Tampouco pedir perdón costa nada, é dicir, ao final tamén é absurdo, pedir perdón por iso. O humor é unha medicina, unha terapia, faiche rir, ben, non che fai rir, non o consumas, cambia, cantas canles hai? Cambia.

talento-galego-xatouri-08

TG: Se quixeras impresionar aos teus fillos, aos netos e tiveras que escoller algo que foi para ti un logro espectacular, na túa vida profesional, cal sería?

X.A.T. – Non sei dicirche unha cousa… é que este é un traballo de fondo, unha carreira de fondo. Eu traballo e veñen vindo as cousas, estou súper contento con Fenómenos. Un logro e algo que me fai sentir maravillosamente ben é un aplauso ao final dunha función de Amigos ata a morte. Para dicir de que estou orgulloso, ven ver o final, ven ver como o pasa de ben a xente. Para min ese é o maior logro, facer que un auditorio ría… que alguén se achegue a ti, que se achegue unha señora e que che diga “miña nai estaba pasándoo fatal estivo enferma non sei canto tempo na casa e o único momento que se ría era á hora que tiñades o programa ou cando te ve na tele….” Ese é o maior logro que podes pedir de calquera oficio. Se es médico estarás afeito xa a esas cousas, pero logros… a min tamén me gusta desmitificar o noso traballo. O tempo das estrelas pasou.

As mellores satisfaccións son esas. E pasándoo ben! Porque eu pásoo ben e aínda encima de pásalo ben pásache iso, es capaz de conseguir iso, eu creo que é o maior logro.

 

TG – E gracias a estar onde estás, algunha vez coñeceche a alguén a quen de verdade admirases ou que che faga gracia ter coñecido, que digas “que sorte ter coñecido a…”

X.A.T. – Siii, si si. Son pouco mitómano nese sentido, pero coñecín a moita xente que nunca na vida tería pensado coñecer e que eu de rapaz era súper fan… Eu son moi afeccionado ao fútbol por exemplo, e coñecín aos meus ídolos a case todos a Fran, a Donato…

 

TG: Aí tes un problema, porque aínda se foran do Celta…

Si si, constante… o que pasa que nacín na parte de arriba. Se nacera na parte de abaixo seguramente sería do Celta, a verdade. A filosofía do Celta ten máis que ver comigo pero son do Deportivo e non o podo negar. Encántame o que fai o Celta, o curro da canteira e a filosofía de club que levou ata agora… pero tocoume o Deportivo, e son do Deportivo a muerte. Aparte tocoume a época do Súper Depor, que disfrutei tanto en Riazor.

Coñecín a moita xente que eran ídolos nese sentido e despois coñecín a xente por Luar… imaxínate… toda a xente que pasou… Eu estiven falando con Raphael como estou falando agora contigo. Pero tampouco lle din importancia. Eu creo que co tempo vaslle dando máis importancia a todo iso. Por exemplo, Boney M. É un tipo que agora morreu, ninguén vai volver a velo. Ninguén lle deu moita importancia a que viñera a Luar. Boney M era un puto fenómeno e eu estiven no seu camerino con el cantando, ensaiando “Move o cu”, vino sen peluca… e ese tipo de detalles. Nunca na vida soñei que me ía pasar iso. Manolo Escobar, Peret… E outra xente, como Luis de Matos por exemplo, que para min é un tío que é un monstro a nivel mundial e claro, aquí era o mago que viña ao Luar. Pois é un xenio, é incrible. E gracias a isto que fago hai moitos que son compañeiros e serían ídolos… Marcos, Fede, Roberto, Gayoso… Gayoso é máis ídolo desde que o coñezo, porque como persoa aínda é mellor!

Coñeces a xente que agora son compañeiros, xente que vin toda a vida! Miguel de Lira! Se estou nisto é por Carlos Blanco, Miguel de Lira, Kiko Cadaval… Eu cando ía ver os monólogos ou vin Río Bravo con once anos e pensaba “joer, que divertido é isto” pero eu aínda sufría no teatro. Eran os meus ídolos e hoxe son compañeiros e amigos algúns. É estupendo.

“Eran os meus ídolos e hoxe son compañeiros, amigos algúns. É estupendo.”

TG: E un desexo para o futuro?

X.A.T.: Seguir desfrutando do que fago. Eu cheguei á conclusión de que pasándoo ben as cousas veñen. Distintas, mellores… mellores non o sei… distintas. Igual un día toca ir a currar a España, a Portugal ou a Francia ou a Hollywood! Nunca sabes, pero por qué é mellor que o de aquí? Non, é distinto… vivir novas experiencias e gozalas, intentar desfrutalo, iso é o que desexo.

 

TG: Iso é o que desexas. Ogallá se che cumpra. Pois moitas grazas por esta conversa, grazas.

Galería de imaxes

Trackbacks for this post

Leave a Reply

*