Richard: «Para min un instrumento é unha obra de arte»

Visitamos a boutique de guitarras Estudio54 para coñecer a Ricardo Rey, Richard para os amigos, o soñador que imaxinou a tenda de guitarras perfecta e conseguiu abrir (e manter) a tenda de guitarras máis famosa de toda Galicia… e parte do estranxeiro.

Abriunos a súa porta e convidounos a sentar no Chester, no corazón da tenda.

 

Talento Galego: Cóntame. Cando xurdiu a idea de abrir a tenda e como?

Richard: Sempre tiven ganas de ter unha tenda de música, desde hai moitos anos. Fun músico profesional e estiven tocando en Madrid, non triunfei e vin a Galicia. Toquei en orquestras ata que, a verdade, quedei saturado. Un amigo meu traballaba nunha tenda, eu ía a visitalo e empecei a traballar alí. Logo pechou e eu montei a miña propia tenda, pero non aquí, senón na rúa Santiago de Chile en 2002. Estiven alí uns anos, foron anos bos, había vendas, había diñeiro, pero eu tiña un concepto diferente de tenda. Eu quería unha especie de boutique ou espazo onde te sentes a gusto. Un sitio onde comprar unha guitarra, que é arte, onde te sintas a gusto con todo, tamén coa decoración. Iso leva tempo, pero teño moita paixón por isto. Esta tenda monteina hai 6 anos.

Tiña un concepto diferente de tenda.

Xa tiñas a idea totalmente formada, xa sabías que non querías unha tenda como as que había ata ese momento, que eran locais onde tanto podes comprar unha guitarra como unha gaita ou unha frauta…

Si, eu non quería iso. E non estou a dicir que iso estea mal, pero é diferente. É outro concepto, outra historia. Ti entras aquí e creo que este lugar xa che da algo que non che dan outros sitios, un karma diferente. Nótoo eu e non é porque sexa miña. É polo que transmiten os instrumentos.

Creo que o día que non senta cóxegas no estómago cando vou recibir unha guitarra nova, deixarei a tenda. Teño 52 anos, que me pode quedar de vida 20 anos? Se cadra máis…  pero con ilusión? Eu montei isto aos poucos. Quería un local alto, con espazo, non quería enchelo en exceso, sobre todo o chan. E a verdade é que a xente vén e gústalle. Logo que salga a venda? Hai que ter en conta que internet fai dano. Eu vendo por internet tamén, pero máis a outros países. Algo tamén en España, pero non guitarras ao uso que haxa en todas as tendas. Pídenme cousas diferentes.

Polo que teño entendido, cando ti abriches fuches a primeira tenda que abriu en Galicia con este concepto é así?

Eu creo que en Galicia e en España, pero iso non o podo dicir…

Ti tiñas moi clara a idea, pero arrincar non debeu ser fácil tiñas facilidade ao principio para localizar aos provedores? Porque imaxino que cos instrumentos será como con todo, que haberá uns representantes que traballen cada zona…

Sabes cal é o problema dos distribuidores en España? Que queren traballar a base de rotación, que está ben para o negocio, porque vendes e sempre tes cash, e as cousas un pouco especiais non as traen, só chas traen baixo pedido. E eu compraba esas cousas, as máis diferentes. Así que chegou un momento no que cando eses distribuidores reciben cousas raras sempre me chaman a min, para que llas compre, porque eu as vendo. Teño guitarras de 9.000€ e máis… Poida que sexa das tendas que máis ten diso. E van saíndo.

 

Ese é para min un valor engadido moi importante, porque podes vir velas e probalas.

Iso é, mañá vén un tío doutra cidade e se quere probar unha L5 (Gibson) téñoa en stock, se quere probar unha Martin D45 eu téñoa en stock… Iso sempre o quixen ter. Porque eu como músico carecía diso. O ver unha boa guitarra, palpala… e que conleva? Que todo o diñeiro que gaño téñoo aquí. Non vivo mal, pero esta é a miña casa. É como un neno pequeno que nunca deixa para comer, que cumpre os 30 e segue na casa… Pero bueno. Hoxe, por exemplo, chegáronme un par de cousas interesantes e estou contento de telas porque iso é o que marca a diferenza.

Ao principio tiñas tamén baterías, verdade?

Eu son baterista e na outra tenda tiña todo máis apelotonado. Entrabas e molestaban as cousas.

As baterías encántanme e véndoas, pero o traballo baixo pedido. Teño un almacén onde gardo cousas. Se eu monto aquí tres ou catro baterías non terías este espazo diáfano para poder moverte. Tería unha por aquí, outra por alí… Estaría todo un pouco apelotonado. Non quero iso. Teño unha batería na entrada, que xa di que se venden baterías e sabes de baterías, de pratos… pero realmente a guitarra é o noso.

E hai coleccionistas que me compran guitarras que non saben tocar. Xente que ten 80, 90 ou 100 guitarras… porque ti compras unha Gibson, un Fender ou unha Zemaitis e iso nunca vai perder valor. Cada ano vala a rendibilizar un 10 ou un 15%. Son marcas históricas. Hai guitarras que se converten en históricas e guitarras que se fan vellas.

Eu mañá teño diñeiro e seguro que tería guitarras… O socio de Bill Gates é un dos maiores coleccionistas do mundo de guitarras, como Richard Gere, como moitos artistas. Primeiro, porque é xente con cultura e a música é cultura, aínda que en España non se vexa así… non quero entrar en detalles, pero en USA é impensable que alguén non teña unha guitarra en casa. Eu vou moito a Los Ángeles, unha vez ao ano. Sempre me traio algo comigo, algo diferente. Cousas que quedan aquí anos, pero que che fan vender outras cousas. Ves a guitarra, cóllela e ves que vale non se cantos mil euros… Pero o que che fai é que vendes outras cousas.

Hai guitarras que se converten en históricas e guitarras que se fan vellas

 

E como ti mesmo dicías, aquí non se aprecia igual a música como cultura como outros sitios, houbo anos nos que houbo un baixón moi grande, cara ao 2002, 2003… baixaron as contratacións de grupos…

As contratacións de grupos en bares sempre foron mal pagos. A outros niveis, de grupos con cachés altos… é certo que diso xa non hai. Aí si se nota a crise. Grupos que poden ser contratados por un concello por exemplo, un Amaral ou Los Secretos, xente que vén por aquí de cando en vez, e que teñen cachés altos, iso si que se nota.

E iso repercute nas  vendas na tenda?

Nótase en todos os sectores. Eu noto máis a perda do cliente de mil euros que o de cinco mil. Eu a unha marca como Fender fágolle máis cifra na guitarra de 4 e 5 mil euros que nas de 600 euros.

Un rapaz vén aquí e sabe que como mínimo a guitarra vaille custar 600 ou 700 euros. Noutras tendas telas desde 100, 300… Que é lícito, pero eu non podo ter esas guitarras aquí porque non tería espazo. O público que vén aquí vén buscando outra cousa.

 

Cal é o perfil de cliente desta tenda?

Pois mira… Desde o músico profesional, profesional, o que vive da música, a artistas, avogados, médicos, arquitectos… xente que ten o hobby. Un músico dunha orquestra vén comprar unha guitarra de 1000 ou 1200?, porque se cadra ten un salario de 1200€ ao mes… Pero o que máis vén por aquí son profesionais con certo poder adquisitivo e que colecciona guitarras. Xente que está enferma e ten o vicio 🙂

 

E como afectan as modas aos modelos que traes e aos tipos de instrumento, ás marcas?

É unha boa pregunta. As marcas como Gibson e Fender nos 80-90 morreron. Empezaron a subir Ibanez, BCRich… co heavy. E agora volve o rock clásico e a xente busca a súa Telecaster, a súa Stratocaster, a súa LesPaul… Sexa unha Gibson ou unha guitarra en formato LesPaul, que aínda que o inventou Gibson hai outras marcas que o ofrecen. Logo está o formato SX como Telecaster ou Stratocaster, que inventou Fender, pero tamén hai outras marcas que fan grandes guitarras. Pero nesas non pon na pala Fender ou Gibson. Ti non vés aquí a mercar unha Collins se non sabes o que é. Prezo por prezo vas levar unha Gibson ou unha Fender. Con todo, o que sabe e proba unha Collins sabe que é moi boa e que soa moi ben. É unha grandísima marca con moi bo luthier, sobre todo para as acústicas. Con todo, a xente, cando busca unha acústica, vén buscando unha Martin, porque escoitou aos Beatles cando era pequeno. Ou unha Gibson. Pero hai outras marcas moi boas, que eu teño e que traballo, como Collins.

É un pouco como a moda na roupa, que vai e vén, pantalón cinguido e pata ancha.. Pois agora volven as Fender, as Gibson… Despois de estar mortas nos 80.

 

E o que é na estética? Porque agora lévase o vintage… Iso chega ás guitarras?

Si, pero hai guitarras que teñen as súas formas estrañas que tiñan nos 80 ou 90 e que agora non están en auxe. Eu explico un pouco o tema das guitarras como o tema das cidades. Ti vas a Vigo e é unha cidade máis obreira, o obreiro é máis guerrilleiro… O empresario é un pouco menos. En Vigo cos conflitos do naval nos 90 usábanse moito as guitarras heavies, porque é máis unha protesta.

Por exemplo, hai unha marca que se chama SP que vendín moito no seu momento e ata o 2000. Agora non se vende nin unha. A xente volve ao de sempre.

Eu tamén son moi raro. Eu compro o que me gusta a min, non o que me mandan. A ver, parvo non son que vivo disto, pero compro un pouco máis coma se fose un cadro que un instrumento. É cuestión de gustos.

E algunha vez pásache que despois de comprar esa obra de arte queres quedar con ela?

(Resopla) Miles e miles de veces. Infinitas.

 

E quedas con elas?

Non, véndoas!  Non podo ser pasteleiro e comer os pasteis. Moitas veces, moitas veces… digo: “Vou quedar con ela”

Agora mesmo, por exemplo, Fender descontinuou as American Standard. Eu se fose intelixente debería quedar con 2 ou 3 no almacén, porque sei que se van revalorizar moito, pero teño que ser consciente de que o cliente vén buscar a súa peza e ten que estar dispoñible para el e non para min.

Eu son un home completamente baleiro, non teño ningún hobby. Gustábame tocar a batería, pero agora teño responsabilidades, teño que pagar as facturas, aos provedores… Son moi recto niso, gústame cumprir cos provedores, co meu empregado… Algunha vez doeume… Vendín unha Gibson preciosa que sei que non se vai a facer máis e non me gusta falar de cartos, pero vendina por 2.200€ e sei que en tres ou catro anos vai valer 5.000€. Podería tela deixado no almacén e sacala máis adiante e se ti foses intelixente compraríala. Pero non o podo facer.

Entendo que non o podes facer continuamente con todas as pezas.

Tería un museo na casa e estaría arruinado. Eu teño todo isto pago. Se mañá me detectan un cancro ou unha enfermidade eu pecho isto e voume para Rianxo a falar co concello, porque eu teño pezas de verdadeira colección aquí. Viñeron artistas americanos, de Estados Unidos, ou ingleses como Muse, que compraron cousas, o guitarra de Slipknot… Que xa é triste, que me trouxen dúas guitarras de Estados Unidos e as dúas volveron a Estados Unidos que mas comprou el (risas).

E é o que quero dicir… Claro que mas quedaría con moitas e dame moita envexa a xente que ten este hobby. Hai pouco vendinlle a un coleccionista da Coruña unha guitarra Zemaitis. Moi poucas guitarras desas se ven en tendas, e eu tiña dúas de madreperla, unha guitarra que custa un diñeiro… Podía coller unha e levala para o meu salón… Pero…

 

E non caíches con ningunha?

Teño tres ou catro gardadas. Do meu ano, do 64. Esas non me quero desfacer delas. Sei que as podo vender, pero quen vai gozar desas guitarras? Ás veces sabes que penso? Que o verdadeiro músico, o que que fai cancións, que debería gozar dun bo instrumento non pode, o que de verdade pode facer isto (sinala a tele, onde se está vendo un concerto de U2). O médico que a pode pagar non vai facer iso, tena por hobby e ás veces tamén dá un pouco de pena que o bo músico non poida ter un bo instrumento.

Aínda que un bo instrumento pódeo ter calquera. Compras unha boa acústica, unha de 3000€, xa non digo das de 4000 ou 5000€… Un Seat Panda custa 6 ou 7 mil euros e é unha merda de coche. Así que tampouco me vale que me digas que un instrumento de 3000€ é caro cando es un profesional. Se es un profesional fas como todos, vaste ao teu banco, pides un crédito, que como bo músico terás que ter o teu bo material. O que pasa que claro, un tipo que toca nunha orquestra non se dá conta de que é músico aínda que toque nunha orquestra, pensa que é un desgraciado que toca nunha orquestra. Eu toquei moitos anos nunha orquestra e é unha profesión marabillosa. Para min tocar nunha orquestra é como acompañar a Giorgi Dan ou a Amaral. Se eu realmente quixese ser artista faría a miña propia música, loitaría pola miña propia música, non?

Se eu mañá vou acompañar a Amaral ou a Leiva ou estou na Panorama, cal é a diferenza? As condicións de traballo? Que poidas ter un mellor salario?

Acompañar a Amaral ou tocar na Panorama son para min a misma cousa: os dous son profesionais da música

 

É a túa ferramenta de traballo

Efectivamente. E tampouco necesitas 60 ou 70 guitarras. Para min a xente que ten 60 ou 70 guitarras… penso… están tolos! Pero claro, se eu puidese tería unha colección de coches antigos 🙂 A mente é así.

Como loitades as tendas contra eses grandes emporios que son as grandes tendas por internet?

Diferenciándonos. As grandes tendas en liña seguirán existindo, pero a xente quere seguir vindo á tenda física. Quere sentar nun Chester, estar atendido… Eu tamén me podo medicar por internet. Métome en Google e cóntolle que me doe o oído. Pero acabo indo ao especialista. Eu son un especialista. Aquí non despachamos. Aquí ninguén vén e di “quero unha Fender” (que a temos) aquí falamos e aconsellámoslle. E hai marcas que non teño porque non nos gustan e negámonos a vender.

É importante ter as cousas claras

Eu abro a porta e síntome un Geiperman, porque estou seguro do que fago. Se eu a ti mañá che teño que vender un pedal (nomea unha marca) por dicir unha marca… Voume sentir mal. E eu quero poder ir a Vigo e poder tomar un café e falar. E sentirme ben, saber que che gusta. Porque eu de aquí á miña mesa fun legal. Iso garántocho. A nós vainos moi ben, non notamos a crise. As grandes superficies venden, pero non venden guitarras de 3 ou de 4 mil euros. Venden as de 100 ou 200€ e algunha de 1000€, pero un tío que quere gastar 2 ou 3mil euros colle o seu coche desde Vigo e vén a Santiago. Como o outro día, que viu un rapaz que levou unha guitarra boa; vén aquí, proba tres ou catro e leva a que lle gusta e se non atopa sabe que me ten a min, que sempre podo levantar un teléfono.

Eu teño amigos que ligaron por internet e vailles ben, pero é unha muller e comunícase con el. O instrumento non se comunica contigo por internet.

Eu tiña unha gran ilusión. O meu pai cando se xubilou de Suíza díxome “Meu fillo, ti que queres, un coche ou unha batería” Eu non tiña coche e facíame falta un coche, pero dixen “Unha batería” e fomos a Vigo a comprala, a Midi Música. Encantador, un profesional. Era unha tenda diferente. Eran profesionais. Sabían do que estabamos a falar. Sabía o que era un dobre pedal de bombo, que me dicían noutros lados que iso non existía… E esa é unha frase que na miña tenda non se pronuncia. Podo dicir que non sei, que teño que preguntar…Todo existe. E resulta que cando cheguei a Vigo non a tiñan en stock pero eu era profesional xa, sabía o que quería e interactuando con eles sentíame tranquilo, sentíame a gusto. Cando chegou a miña batería tiña unha ilusión incrible, e iso que aos 22 ou 23 anos as grandes ilusións xa se che van terminando…

As grandes superficies van existir sempre, pero o pequeno comercio sempre tratará de facer as cousas de forma diferente, dáche toda a súa atención… Non teño medo diso, teño medo a unha enfermidade. Eu son de Rianxo e son un loitador.

A miña muller compra por internet. E eu dígolle moitas veces: Ese diñeiro estás a deixalo fóra no canto de deixalo o diñeiro na túa zona, que logo vai repercutir aquí, en xente que pode vir á tenda a comprar.

Outra cousa é que o que busques non o teñas. Ou que esteas fóra de mercado. Eu parvo non son, sei que teño que estar dentro de mercado. Se eu teño unha peza a 1200€ e as grandes alemás como Thomann véndencha 20 ou 30€ máis barato… se por 20€ compras por intenet sen nin sequera vir a preguntar… E estamos a falar de 20€ sobre un instrumento, non dunha cousa que vale 40 e aforras 20… Por 20€? Non sei.

As grandes superficies van existir sempre, pero o pequeno comercio sempre tratará de facer as cousas de forma diferente

Cando compras unha guitarra aquí tráela a quintar e a axustar, fáiseche ese servizo, non se che cobra…. o que pasa que a xente a primeira vez compra por internet. Logo veñen os problemas. Veñen por aquí a preguntar como solucionalos e eu que fago? Repárocho e quedo de parvo? Non cho reparo e te mando así a casa? Nós reparámolo e non o cobramos. E non por captar ao cliente, senón por respecto ao instrumento. Á persoa tamén lle temos respecto, pero para nós o instrumento… E son dez minutos. E non pregunto onde o compraron, porque cada persoa compra onde quere. Mentres veñas á miña casa e non me faltes ao respecto…

É como o que vén e compra moitas cousas e dime “Joder, Richard, faime prezo” Pero xa lle estou facendo prezo. E sabes que me chamas un domingo que che quedaches tirado e eu ábroche a tenda, como lle fixen a moita xente.

Talento_Galego_Estudio64

Esa é outra pregunta, que non sabía como plantexar… porque hai tendas e negocios nos que ti preguntas o prezo de algo e non se ocorre pedir que che fagan prezo… Pois unha chaqueta: dinche 200 e son 200. Con todo, si que pasa nunha tenda de guitarras. Algunha teoría?

Porque os músicos somos artistas e o artista sempre é pillo. Ti soltas a un músico en Madrid sen cartos e vaise a buscar a vida para comer e para vivir. Eu fíxeno con 16 anos. Metinme nunha orquestra, funme para Madrid e non tiña nin para comer. Tívenlle que pedir 30.000 pesetas ao banco. Ao director do banco de Rianxo. Devolvinllos en agosto e leveille unha caixa de puros.

Aínda o crucei o outro día e díxenlle “Oiga, vostede deixoume a min 30.000 pesetas cando eu non quería pedirlle aos meus pais”. Sabes cal é a cuestión? Zara cóbrache por un pantalón 99,99 e devólveche un céntimo. Aquí valen unhas cordas 7,5 e estouche cobrando 7. Fágoo eu e os meus compañeiros. Se tes o mesmo prezo que Thomann vénche outra xente.

É verdade que aquí o fan, pero non moito. Ti entras nesta tenda con esta decoración e xa ves que é unha tenda que che dá outro tipo de servizo e non o fas. Se entro en Dolce Gabbana en Mónaco non abro a boca. Aquí o que entra pola porta xa sabe ao que vén. Sabe que se está sentando nun Chester de verdade, non nun Chester de plástico, que hai unha mesa de deseño, que te podes tomar un café, que te podes tomar un (nomea unha bebida) e eu non che vou cobrar.

Algúns comentan algo, sobre todo os que xa te coñecen, pero eu respéctoo tamén… Iso si, non me pidas nada ata que non pechemos a operación. Eu se quero ligar contigo terei que ligar dunha maneira… non me vou a botar en riba túa e ala… Terei que convidarte a un café, darche conversación… Ti vés mercar unha guitarra, pois mercas a guitarra e antes de pagar direiche que che vou regalar unha correa, que o fago sempre, unhas púas… Sobre todo porque eu xa sei que moita xente, sobre todo as nais ou os pais que veñen comprar a guitarra aos seus fillos, que se gastan mil euros, non van sobrados (que os hai tamén) e mesmo teñen que pedir créditos para comprar unha guitarra… Pois mira, hai quen se pide créditos para irse de vacacións… Ti mentres poidas ir pagándoo…

É o carácter do músico e os costumes. Eu teño un amigo catalán que ten unha tenda e a xente xa sabe que se vas alí… non hai ostias.

No meu caso se podo facelo pois igual fago. Se non podo, pois non o fago. E hai clientes que en realidade non interesan. Eu vou semana si, semana non a comer ao mesmo restaurante e non lle estou pedindo desconto por ir moito por alí. Que se me convida un día a un gin tonic eu agradézollo na alma. O primeiro é estar cómodo e estar ben, o resto son extras.

Aquí na tenda tes moita clientela famosa. Seguindo coa analoxía dos restaurantes: ás veces teñen a típica parede cuberta de fotos de famosos que comeron alí. Con todo, aquí non dás publicidade a ese tema, cando é algo que se sabe que pode reportar un beneficio.

Non, non damos publicidade a ese tema. E vouche a explicar por que. É porque ti tes o mesmo valor como cliente que calquera outro.

Ti imaxínache que entras pola porta buscando a guitarra dos teus soños. Ti chegas, despois de estudar a túa carreira, de estar nunha boa posición… Vés, ves unha guitarra, a Martin que usaba John Lennon, namóraste e lévala. Costa 3.500€.

Vén Leyva e leva unha guitarra de 3.500€ e eu fago unha foto con el e póñoa en Facebook. Que pasa? Que ti non vales nada para min?

Fito, Leyva, Amaral, Los Secretos, os guitarras de Luz Casal, de Ana Belén e de Víctor Manuel, Loquillo estivo o outro día na tenda e non lle fixen nin caso (o caso normal, enténdeme)… Pepe Solla é amigo meu e ademais levou xa unas cantas guitarras. El no seu restaurante tampouco ten ese tipo de fotos. O único famoso de aquí son eu (ri).

O outro día veu un mozo novo e díxome “Gústame comprar aquí porque me dixeron que aquí veñen moitos famosos a comprar, non tes fotos?” E díxenlle “Si, si, ven ao baño…” Porque á miña muller gústalle moito a decoración, moitas das cousas da tenda escolleunas ela… E no baño púxome unhas fotos miñas desde que era pequeno ata que fun un rapaz, que che parece?

Os músicos de Galicia eu creo que pasaron todos por aquí. Cando viñeron os de Bunbury dixéronme «Mira, faime unha foto que a subo ao noso Facebook» E se no seu Facebook o fan pois vale, pero no meu non.

Faime caso, non vale a pena.

Os músicos de Galicia eu creo que pasaron todos por aquí

E ti si que es famoso. Todo o mundo te coñece, polo menos no mundo da música.

Eu xa teño 52 anos e fun un batería recoñecido como bo batería. E pensarás que non teño avoa, pero a xente dicíao.

A min gustábame moito tocar a batería. Eu estaba na aldea en Rianxo, levantábame ás 10 ou as 11, que os músicos xa sabes que nos deitamos tarde, e tocaba a batería ata as 14. O mellor recordo da miña vida… desde os 20 anos ata os 28 ou 30 fun moi feliz. Tocaba e era feliz.

Deixei as orquestras por tensións. Estaba nun grupo que se chamaba Costa Oeste e faciamos versións. Tocabamos ben. Logo xa se empezou a levar máis unha moza que ensinase a perna desafinando medio ton, máis luces… que o espectáculo está ben, pero non se valoraba o factor humano. E chegou un momento que tendía á depresión. Deixei as baquetas.

Tiven que pedir cartos aos meus pais para comprar as primeiras guitarras, un diñeiro que enseguida devolvín porque a tenda foi moi ben. Aquela foi a miña etapa máis feliz. Agora na tenda estou encantado, abro a porta todos os días e córrome de gusto. Sabes cal é o problema? Que teño unhas responsabilidades… facenda, provedores, seguridade social… na etapa de músico era absolutamente feliz.

Con este negocio fun o primeiro en montar unha cousa diferente e chamábanme tolo… Pero tiña moi claro que quería. Só necesitaba un local nunha cidade, como Santiago.

O local que tiña antes era máis baixo, máis feo, pero eu estaba a aforrar como unha formiguiña.

Un día atopei este local, alto, espazoso, que entras e sorprende. Moitos músicos franceses e moitos provedores franceses que veñen (porque agora xa empezan os provedores franceses a venderme cousas) sorpréndense.

Antes traía material de Los Ángeles, dos Estados Unidos e pedíalle aos provedores de aquí que me trouxesen cousas. Non por telo en exclusiva eu, senón porque valoraba iso. O que dis de que me coñece a xente é porque fun o primeiro en ter estes produtos. Ti vas a calquera tenda en Galicia con 3500€ no peto e non tes unha acústica para comprar. Ti vés aquí e marchas sen comprar nada e ademais tes que vir dous ou tres días porque tes tanto para elixir que te emborrachas. E todas de calidade. Acábanos de chegar agora unha Custom Shop que a estrean o xoves en Los Ángeles. E xa a teño. Porque Fender sabe que eu collo cousas diferentes e que me gusta. Por iso me coñecen.

Para min un instrumento é unha obra de arte. Non é “dáme cen puntas e un martelo”.

E a decoración e a distribución da tenda ten moita importancia. Di moitas cousas. Moitas veces, antes de montar a tenda, chamábanme tolo. Agora moita xente aínda me di “se mo contas antes de abrila diríache que é inviable”. E con todo aquí está. E levo quince anos, bonita.

Moitos turistas pasan pola tenda a facerse fotos. Sen comprar. Se eu cobrase por entrar faría máis caixa de turistas facendo fotos que da tenda (ri).

Desde sempre quixen traer cousas diferentes e ofrecer un local diferente. Ás veces entro nalgunhas tendas de música e morro… Eu se entro na miña tenda unha mañá e non está perfectamente limpa, se lle falta un foco… Isto ten moito mantemento. E somos diferentes por iso.

Vén moita xente e todos os días vendo algo. Non todos os días vendo ben, pero tampouco é a miña meta. Eu o que quero é ser feliz. Ter a tenda e 20€ no peto. Se eu tivese 40 anos agora mesmo… monto a de deus é cristo! Abriría máis tendas, aínda que non puidese estar todo o tempo en todas 🙂 Igual montaba outra tenda, só de acústicas, súper exclusiva.

Agora mesmo, por que estou en Santiago? Pois porque casei aquí e vivo aquí. Se a montou en Rianxo aínda seguiría alí. Tamén temos unha páxina web, eu creo que aceptable, e vendemos ben fóra. A primeira vez que vendín unha guitarra para Holanda foi un orgullo. Logo saíron a Alemaña, a Suíza, a Francia…

Para min un instrumento é unha obra de arte

De Portugal tamén vén moita xente, mesmo xente coñecida, como Rui Veloso, que é como un Alejandro Sanz… E ben.

Vouche dicir outra cousa. Cando veñen os famosos eu o trato igual que o rapaz que entra a comprar unhas púas… Só me axeonllaría se entrasen Keith Richards… ou Amancio Ortega!

E fíxate que eu creo que iso lles gusta. Iso si, se están aquí e empeza a entrar xente e se lían a facer fotos con eles… Xa sei que nese momentiño xa non vou vender nada, pero todo o mundo é moi simpático e ao final te fas amigo de moita da xente que pasa por aquí.

Un día estaba arriba, no balcón, e vexo a un mozo falando por teléfono fóra da tenda comentando “Estou nunha tenda de guitarras? Si home si, esta a a que veñen famosos!” E pensei eu “Que pasa aquí?” E chamei a ver quen estaba e estaba Loquillo… Pois bueno. Slipknot, Def Leppard, Love of Lesbian, Alejandro Sanz, Fito… Moita xente.

E cóntalo pouco

É que se ti contas iso… O trato é igual que aos demais. Con moita educación, iso si. Pero moi posiblemente me desviva máis por ti, que che custou deus e axuda xuntar eses 4.000€.

Pepe Solla presentou un libro o outro día e veu aquí a facer as fotos. E puxo no libro “Grazas a Richard de Estudio 54 polas súas marabillosas guitarras”. E claro que todo isto me fai ilusión, faime moita ilusión, pero non o vou pregoando ou subindo as fotos ao Facebook.

Cres que iso me faría vender máis? Ti sabes o que me fai vender? O espazo e o produto. O demais son bobadas. A calidade do produto é o máis importante.

É verdade que iso axuda, que parvo tampouco non son e hai cousas que me xeran satisfacción.

En relación cos artistas famosos, o que si que me dá boa publicidade de verdade é cando o contan eles, cando contan aos seus músicos e aos seus colegas onde compraron a súa guitarra. O boca a boca.

Podo dicir que nunca en 15 anos tiven un problema cun cliente. Podo ser máis caro ou podo ser máis barato, pero sempre me esforzo en que o cliente estea contento, ás veces perdendo diñeiro. Eu non soño con ser millonario, soño con ter amigos, unha vida ordenada. Ter a fin de semana libre e poder irme coa miña muller uns días por aí. Iso é o que valoro. E estou moi, moi orgulloso do que conseguín.

Ás veces chego, e non é porque sexa miña, pero miro desde a porta e penso “Que tenda tan bonita temos”. É unha gran satisfacción.

Mira, o ano pasado estiven en Chicago e fun a unha tenda que me encanta, Chicago Music Exchange. Gustaríame ser como eles… Creo que me vou achegando. E resulta que cando estaba alí, que fun cun compañeiro de Bilbao, o dono vén e dime: “Oh vides de España? Hai unha tenda en España que me gusta moito e que sigo pola rede… Chámase Estudio54” E dille o meu compañeiro “Pois o dono é este” E dime “Amazing shop! (Unha tenda incrible) Cando vaia a España vou ir a visitala”. Incrible!

Que forte! 😀

A ver, Chicago é Chicago, 13 millóns de habitantes con diñeiro. Aquí estamos en Galicia e hai que saber onde estamos. Por iso a xente di que de partida non apostarían por min.

 

Ademais do que me acabas de contar de que te sentes orgulloso de toda esta aventura?

O ano pasado fun por Francia, que me convidou un provedor francés ao que lle compro pedais, e fun ver as tendas francesas. Eu sempre tiña en mente que en Francia había tendas mellores que en Galicia e cousas mellores que en España e levei unha pequena desilusión. En España hai cousas moi boas.

O mozo que me levou díxome “Non vas ver ningunha tenda como a túa”. E ningunha das tendas me dicía nada. É como cando entras nunha galería de arte. Tente que impregnar e facerche desexar comprar ese cadro. Se entro e me atopo nun supermercado…

Realmente que saquei de todo isto? Que se volvese nacer volvería montar a tenda. Porque miro aos ollos da xente e gozo coa súa ilusión. Miro aos ollos dese rapaz de 19 ou 20 anos que merca o seu instrumento… E iso é impagable. Eu vivo de ilusións, fago feliz á xente. Cando vou ao supermercado, o supermercado non me fai feliz. Vou alí e compro para comer. Esa é a diferenza.

Anécdotas? Pois cando teño ido a Los Ángeles, pasáronme cousas… De súpeto eses artistas que ves pola tele e nos vídeos están ao teu lado, estás con eles. Na feira velos a todos. E ao final falas con eles e ves que son persoas.

Pero realmente que saquei en limpo? Pois que son feliz. E o que soño, o que quero, é vender para manter o meu negocio e non perder nunca a ilusión. O día que non poida ter bos instrumentos pecharei. E é moi complicado manter un negocio como este, porque comer cómese todos os días e cómpraste se cadra tres ou catro chaquetas ao ano ( ou máis!) pero non todo o mundo compra seis ou sete guitarras… Pero hoxe vendín cinco. Esa é unha frase que me dixo o meu pai “Pero fillo que vai pasar cando lle vendas guitarras a todos?” E xa lle expliquei que o músico nunca deixa de comprar instrumentos. Levo 15 anos. Eu vendinlle a guitarra ao rapaz de 17 anos, ao de 32 anos e case lle estou vendendo ao seu fillo. Coñecín rapaces que estudaban, que agora son médicos e xa me trataron. Cando venda unha guitarra ao seu fillo xubilareime…

Houbo xente que me quixo comprar a tenda, pero non está en venda. Eu creo que moita parte da tenda son eu, para ben e para mal, coa miña pedantería ou non pedantería… pero o guay é que non me quero xubilar. Con 70 anos gustaríame estar aquí sentado, vendo á xente, falando con eles… Poderei facelo porque non teño problema cos meus clientes. A proba é que volven. Se non che dan bo servizo non volves. E veñen, non porque non estean contentos coa súa guitarra, senón porque queren cambiar. Eu antes de ter un problema cun cliente tiro a guitarra aí fóra ao contendor. Ti mañá vés dicirme que chegaches a casa e non che gustou a guitarra e devólvela e empezamos de novo a buscar outra.

Non pensas en abrir outra tenda?

Moita xente mo propuxo. Eu sei como actúo eu, non como actúas ti. Se eu monto unha tenda en Vigo, con esta decoración, non sei o que vai facer a persoa que teña alí, non sei. E aínda que outro abrise unha tenda, a modo de franquicia, de que valería iso, se a xente non di “Estudio54”, di “a tenda de Richard?” Iso é un problema.

Jumpi é máis válido que eu en case todo, pero teño unha visión que el non ten, sobre todo na compra e a venda, sei o que vai vir e búscoo. Gústanme marcas diferentes, cousas diferentes. E moita xente quere que eu estea aquí e chámame antes para ver se vou estar… e eu tamén teño a miña vida e ás veces teño compromisos ou estou de vacacións… E algúns queren poder dicir “Pois esa guitarra vendeuma Richard”.

 

É un valor engadido.

Si. E síntome ben, ás veces veñen rapaces a pedirme facerse fotos comigo (ri) e dáme un pouco de vergoña.

Será que fixeches as cousas ben

Bueno, sempre se poden facer mellor. Pero orgulloso estou. Este local ten moitas horas de min. Cada pequeno detalle. Eu son un pouco obsesivo, ten que ter todo o seu rollo. Non me valen unhas lambetadas calquera, teñen que ser lambetadas italianas. E despois queres regatear? Anda home… 😀

Estou orgulloso. Este local ten moitas horas de min

A verdade é que me encantaría ter un fillo que tivese o mesmo gusto ca min. Así seguiría con isto. E refrescaría todo, porque eu podo quedar obsoleto. E contaríalle que hai que facer as cousas con paixón. Tratar de ser feliz. Eu son feliz porque fago o que me gusta e iso non hai diñeiro que o pague.

Aínda me quedan ilusións e penso cousas que me gustaría facer… Ás veces penso que me gustaría montar unha tenda en Ibiza, que abrise só de xuño a outubro. Porque hai un ambiente cultural alí co que encaixaría. A xente está alí coa mente moi aberta. Pero ao final penso… Que carallo? Voume alí 15 días de vacacións, que me gusta porque fai sol, gústame moito Formentera, e estás alí moi a gusto, pero aquí vívese moi ben.

Gústame moito a miña profesión. Isto faime feliz. Como sentarme nunha praza en Porto do Son, só, en silencio e tomando unha caña. Iso para min é felicidade. Gústame esa praza, é un lugar que ten algo que me relaxa.

Prefiro ter isto que unha gran casa ou un gran coche, que co diñeiro que teño aquí investido probablemente podería facelo e ter outra clase de tenda. Pero isto é como eu o vexo, isto é o que me gusta e é o que quero.

→ Se queres visitalos, Richard’s Estudio 54 está na Rúa Gómez Ulla, número 8, en Santiago de Compostela

→ A súa web é http://estudio-54.com e podes atopalos tamén en Facebook, en Twitter e en Google+

Leave a Reply

*