Martín López Nores: «En China hai unha compoñente cultural de admirar o que fan outros»

Se che conto que hai (a lo menos) un galego cunha masa de fans en China, Vietnam, Tailandia e Corea e que non é futbolista, nin cantante, actor, nin tampouco escritor… de que pensas que se trata?

Ás veces, as grandes historias están na porta do lado e non chegamos a enterarnos nunca. Por sorte, eu si que coñecía a Martín e a súas andanzas.

Que Martín López Nores era fóra de serie, un “cerebriño”, xa o sabiamos dende que o vimos en Cifras e Letras na Televisión de Galicia. O que quizais é menos coñecido é todo o seu percorrido posterior. Da TVG pasou á tele nacional e despois deu o salto á televisión chinesa.

Durante a nosa conversa falamos de moitas cousas e Martín contounos ademais como preparou cada unha das probas. Saiunos un texto algo extenso, todo moi interesante de ler! Para axudar na lectura, indicamos aquí o índice.

1. Por que deciciu estudar unha enxeñaría.
2. A experiencia na TVG
3. Participación en Los increíbles de Antena3
4. The Brain, Martín na televisión chinesa
5. A experiencia española fronte á chinesa

martin-lopez-talento-galego-01

Talento Galego. Martín, cóntame como chegaches até aquí. Es enxeñeiro por vocación? De neno tiñas inquietudes “científicas”, gustábache a tecnoloxía?

Martín López Nores: Realmente non. De pequeno gustábame absolutamente todo! Todo o que fose aprender, de calquera cousa. O contacto coa tecnoloxía empezou no momento en que unha profesora no colexio avisou aos meus pais e díxolles “Estamos a desaproveitalo e se se aburre dórmesenos. Hai que complementar con algunha outra cousa. Corremos o risco de que o potencial que poida ter quede desaproveitado”. E propuña polo menos meterme en clases de idiomas ou informática, que era o que podiamos ter preto (en Marín). E tal cal, con 10 anos empecei nunha academia de inglés dúas horas á semana.

O inglés é a día de hoxe é unha ferramenta fundamental no meu traballo. Foino desde que terminei os estudos e en toda a carreira que empecei como docente e investigador, que se viu facilitada até o infinito por iso.

A parte da informática, que che vou a dicir, outro tanto do mesmo. Empezar a coñecer aquelas cousas… unhas foron tirando doutras; por curiosidade ías tomando contacto con novas linguaxes e novas ferramentas. Tiven a mala sorte de que na contorna non había xente coa que puidese formar un grupo con interese por isto, como souben despois que si existiu Cangas na mesma época. Máis tarde coñecín xente que facía cousas incribles por alí xa a principios dos 90, con dez ou doce anos. Tremendo o grupo que se formou. Eu iso non o tiven, pero si tomei contacto co encargado de informática do Concello de Marín. E alí estaba eu, con dez ou once anos axudando a programar as bases de datos para os impostos, que aos poucos se ían informatizando… E vía que aquilo era un filón, que se podían facer moitísimas cousas.

Con dez ou once anos estaba axudando a programar as bases de datos para os impostos no Concello de Marín

Tamén no eido da informática tomei contacto coa docencia por primeira vez. En determinado momento, a academia de informática viuse desbordada e á metade dos alumnos despachábaos a profesora e á outra metade eu. Con doce anos estaba a resolver as dúbidas de mozos de FPs e das carreiras viñan algúns… Eu non sabía o que era a universidade e alí estaba, resolvendo problemas de programación e pensaba “Pois que ben, todos encantados”. E xa notaba que me gustaba a docencia.

Entrar en teleco foi a continuación lóxica de todo o anterior. Tiña o condicionante que me quería quedar preto de casa e pensei que hai en Vigo? Teleco. Boto un ollo á documentación sobre a carreira, decido que me interesa… bueno, había unha parte de electrónica que me chamaba un pouco menos, pero todo o demais soaba fascinante e aquí me quedei.

No momento que ía case a terminar a carreira, a finais de cuarto ano, ían as cousas moi ben a nivel académico e dirixiuse a min José Pazos do departamento de telemática e preguntoume se me interesaría quedarme dedicándome á investigación e facer carreira docente, se chegaba a darse o caso de que había algunha praza, que tampouco mo aseguraban, claro. E dixen: sen dúbida! Gustábanme as dúas cousas! Nunca fixera investigación, pero todo o que sexa meter man en cousas novas e mesmo ir máis aló do que estean a facer outros me interesa, gústame. Logo saíron sucesivas prazas de profesor axudante, asociado… até chegar á situación actual de contratado doutor, fixo e acreditado para titular.

No momento no que haxa algunha praza tentarei quedarme con ela e desde aí, co plano laboral máis ou menos resolto, poderei ser máis audaz en canto a que tipo de cousas me enfronto. Até agora, nunha carreira onde tes que ir asegurando uns méritos porque si, que se van a avaliar por volumen normalmente tendes a apostar ao seguro, a buscar un retorno máis ou menos asegurado. Se en determinado momento me vexo máis asentado, poderei meterme en temas que non me metín até agora e tentar perseguir contribucións de maior repercusión na sociedade, que son as que lle darían xustificación a todo o demais.

Mentres tanto, tentamos asegurar facendo cousas interesantes. O entorno no que estou e gocei desde 2003 xa é estupendo. Tes moita liberdade para orientar a túa investigación, en todo momento dispuxemos de medios para poder asistir a congresos e discutir ideas coa xente máis relevante de cada tema. Que se había unha reunión en Luxemburgo, en Bruxelas ou me convén saber do que se vai a falar tal día en Finlandia pois fun. O sitio é estupendo e as oportunidades están aí. Agora xa chega o momento no que teño que devolver o que fun recibindo e gozando e esa é a miña prioridade nos últimos anos. Conseguir proxectos europeos, colaboracións con empresas e que a miña actividade xere riqueza, que teña un impacto social e económico que até agora era moito máis discreto. Ese é o obxectivo. Nada de pensar “consigo unha praza de funcionario e acabouse” Non, ao contrario, vexo ese como o momento de empezar a facer cousas aínda máis ambiciosas, dando conta das condicións que se gozan. A ver se chegamos 🙂

 

E como acabas na tele?

O da tele foi algo máis fortuíto. Eu a tele véxoa prácticamente… nada. Como curiosidade, un día navegando polos menús da tele cando houbo que sintonizar para a TDT deime conta de que había un contador de horas… E era ridículo. Non saía nin a 20 minutos por día. Moitos serían cero e outros algún partido ou película… Pero si recordo de pequeno aquel Cifras e Letras que presentaba Elisenda Roca en La2. Nas clases de primaria tiñamos profesores que nos motivaban moito a explorar cousas, no canto de contentarse sempre co temario que había. Ensinábannos moitas máis cousas para ver até onde podía chegar cada cal e esa era unha das actividades que discutiamos nas actividades pola tarde: “Hoxe fixo unha palabra de cinco, hoxe de seis…”. Era o único formato que me gustaba realmente e polo tipo de cousas coas que xogamos en Teleco, por deformación profesional, dunha forma ou outra sempre dedico algo de tempo a exercicios de números, cálculo, combinatoria… mesturar cousas e ver que sae. O tipo de habilidades coas que se xoga nunhas Cifras e Letras é moi próximo a aquilo que me gusta facer.

E que sucedeu? Que nunca lle prestei máis atención, pero alá por 2008 deuse unha mala circunstancia a nivel persoal, un divorcio, e como momento de autoestima baixa díxenme “necesito facer algo que me suba a moral”. Apetecíame algo disruptivo respecto da rutina diaria. Non podía estar as mesmas horas no traballo e do traballo a casa porque vía que podía estar mal… que me afundía. Un día quedei vendo a televisión e pensei “Por que non vou a este programa?” Nin mo plantexara ata ese momento. Vou ao casting, uns meses despois chámanme e o resto foi rodado.

Cando a TVG contactou comigo e me contaron as condicións, a miña rutina pasou a ser: sobre o sete da mañá levantábame. Ás oito tiña que estar en Santiago, gravar 5 ou 6 programas seguidos até as tres ou tres e media da tarde, e ás catro e pouco estar en Vigo a despachar todo o traballo. Por sorte, coincidiume nun cuadrimestre sen docencia e somos razoablemente donos dos nosos horarios. Mañás en Santiago, tardes en Vigo. Foi durmir catro ou cinco horas e seguir ese ritmo cada día tamén algún sábado. Ata que se terminou.

Un día quedei vendo a televisión e pensei “Por que non vou a este programa?”

 

Cantos programas fixéchesche?

59 máis algúns especiais, con motivo do programa mil. Saen un puñado de días de actividade frenética, de cansarse moito… pero tamén quede dito, a maneira na que gravaban os programas era moi agradable e levadía, un ambiente moi familiar… E non te dás conta, se non queres pensar que estás nun estudio de televisión, onde estás sendo gravado e que iso pode ser visto por alguén, non te decatas de nada. É como xogar na túa casa con calquera familiar e si, tes alí a Paco Lodeiro, Jorge Mira… Pero é xente do máis accesible e do máis normal termina por facerse cómodo.

Ese desgaste de gravar seis programas ao día, se o tiñas que compatibilizar co traballo e non podías botar unha sesta pola tarde, víalo en que moita xente, súper campións do seu, levaban tres programas e parecía que xa ían afrouxando, ao cuarto levábano peor e ao quinto… xa perdían. Sucedía con moita xente. Eu dalgunha forma conseguía levar ese ritmo. A nivel físico son “tirando a frouxo” pero aguanto se fai falta dous ou tres días sen durmir, se teño que pasar catro quendas sen comer tamén aguanto…

martin-lopez-talento-galego-03

Ou sexa, que es de baixo mantemento 🙂

Si, non se onde teño as reservas pero… se cadra é unha inercia ou personalidade de tender a queixarme pouco… a pensar, é o que hai e hai que tirar para adiante. Tiven moito exemplo diso na familia. Se non penso que me estou cansando non me canso. E termina funcionando! En resumo, que empecei motivado por unha situación persoal, por unha fochanca, e terminei en China.

Empecei motivado por unha situación persoal e… terminei en China.



Pero imos detallar este percorrido un pouco, terminas Cifras e Letras e pensas? Acabouse, que bonito foi, pero como veñen máis?

O pool de persoas ao que podes recorrer para facer un programa de televisión é reducido e ao final unhas produtoras contactan con outras para atopar xente que non se vaia a ver intimidada pola presenza das cámaras ou o público para facer un programa piloto.

Cando foi para Increíbles de Antena3, a produtora púxose en contacto con outras produtoras para buscar canteira para facer un piloto a custo baixo, sen necesidade de facer un casting propio. Tratábase de ver se funcionaba o concepto e tiraron de xente que xa participara noutros. Todos os que estabamos no primeiro e segundo programa, mesmo no terceiro, xa tiñamos algunha aparición en televisión no noso historial. E podémonos remontar a xente que apareceu no ¿Que apostamos? de Ana Obregón! Ás veces hai que buscar un pouco máis atrás, pero case sempre había algunha participación anterior. Mesmo os nenos que levaban xa estiveran en concursos a nivel rexional, aínda que tamén houbo que contactar con colexios ou centros que fan determinadas actividades xa orientadas a ter boa memoria ou cálculo. Pero para os adultos houbo que buscar en experiencias previas doutros programas. Por iso é polo que chamaron á Galega e foi a través de Jorge Mira, que propuxo directamente aos tres que participaramos no especial do programa mil de Cifras e Letras. Fer, un mozo de Cangas que estivera máis de noventa programas e un mozo de Foz, David, que estivera trinta e moitos.

Chamounos para pedir permiso e darlles o noso contacto… porque Jorge Mira é un tío moi próximo e mantén o contacto coa xente. Entón chamáronnos e nos fixeron unha proba mínima de trinta minutos, porque xa sabían máis ou menos o tipo de cousas que podiamos facer.

Non definiran un tipo de proba específica. Fíxose unha proba de cámara e non houbo maior problema. Dixéronnos que nalgún momento chamarían e proporían algunha proba, dentro dun conxunto que estaba por definir.

Compraran o formato a unha produtora alemá e non sabían que nos ían pedir nin cantos programas ían facer, canto duraría… Naquel momento non sabían practicamente nada.

E con tres semanas de antelación tiven que preparar aquela proba do percorrido do cabalo por un taboleiro de xadrez, co engadido de facer un cadrado máxico con números por filas e columnas. Presentáronme outras probas a escoller a ver cales sabía facer. Déronme cinco e ás toas, ao cabo de media hora vendo vídeos, dígolles: ningunha, pero se penso cal delas podería estudar un intre para chegar a solucionala á miña maneira… quedo con dúas. Como unha estaba collida, quedoume aquela.

Naquel momento non tiña nin idea de como resolvela. Nunca abordara o paseo do cabalo de xadrez nin nada polo estilo, nin o do cadrado máxico, pero tiña toda a pinta de que eran dous problemas disxuntos: unha cousa é o que fagas co taboleiro e outra cos números. E efectivamente. Documenteime un pouquiño e busquei posibles formas de resolvelo.

Cando atopas documentación sobre o problema séntete abafado, vin que necesitaba máis memoria que a que eu podo pór sobre a mesa e penso entón que teño que parir unha solución propia. É moi de enxeñeiro o dicir: o problema é só este, non o que fixo aquel señor, non teño por que replicar o que fixo o outro. Pregunto “cales son as condicións que me ides a dar?” E dinme que as que eu queira… Pero as que eu queira non poden ser, porque podemos facer unha cousa trivial na que non teña que facer máis nada que recitar. Entón puxéronme un par de condicións para facelo máis interesante.

En dúas semanas pensei que o podería ter e o que fixen nese tempo foi buscar o… soa moi friki… pero foi buscar o algoritmo adecuado para completar a proba, adaptándoa á miña maneira de pensar as cousas e á profundidade que eu podo ter lembrando o que levo feito no pasado. Foi adaptar o problema á miña maneira de resolvelo. Chegamos e funcionou suficientemente ben. A calquera que vexa o programa xa lle salta algunha mosca detrás da orella de dicir “eu vexo certos patróns e certa regularidade” Faltaría máis! É que se fose algo para facelo ao chou a min non me vale! Necesito que sexa unha cuestión de lóxica e que haxa uns patróns e procedementos para poder atacalo.

Gaño aquel primeiro programa e entón dannos dous meses para preparar outra proba.

 

Polo que vexo ti nin o pensas. A ti propóñenche todo este reto e aceptas enseguida

Por que non? Dábanme unha gama de posibles retos e eu cría que algúns podería afrontalos co debido tempo de estudo. Ao final, coas condicións que se negociaron e vendo que alí no programa non tiñan intención de complicalo demasiado nin de que tivese un mérito real, máis aló do que se vía… Moitas cousas eran moi sinxelas e… adáptoas nun par de semanas e listo.

Para a seguinte proba había dous meses e quixen propoñer algo con máis interese e pensei o tema dos códigos QR [Podes atopar o vídeo nesta ligazón]. Un exercicio moito máis vistoso, que obriga a un esforzo un pouquiño maior e quedei moi contento con esa proba. Ía moi tranquilo. Se esa era a miña baza para tentar gañar o programa, ía cómodo. Non é algo do que ruborizarse, que che poidan atopar o truco. Non, ten a súa complexidade e aí queda.

Despois foi un pequeno chasco cando, vendo como o programa tivera certo éxito, alárgano máis do que tiñan pensado, vense con demasiados concursantes para unha final e sacan da manga dúas roldas máis.

E claro, eu tiña preparada unha proba e chamaron para preparar unha a maiores. Iso non se improvisa nin se fai en dous días. Pedíanme calquera cousa ocurrente e vistosa e con mérito… e buf… é que non me daba. Foi unha improvisación tremenda. A mesma semana que me din iso nacera o meu fillo e eu non paraba, do hospital a casa e á universidade cada día, mesmo me colleu nun pico de traballo… aqueles días veu todo así e nin baixa de paternidade nin nada… E no medio diso, ao ter que facer unha terceira proba dixen: Mira, non conto con pasar da semifinal, que hai xente moi boa que me vai a dar leña por todos lados e propúxenlles unha proba un pouco sinxela… E para a miña sorpresa dinme “É estupendo, é xenial!” E eu alí… pero se é unha parvada! “Non, non, é xenial, que total aquí ninguén se decata de nada, mentres teña números e tal…”.

Pois era un xoguiño. Eu mesmo lles dixera que podía coller os números das matrículas que me fosen pasando e facer o exercicio que facía de pequeniño cando tiña tempo para sentarme á beira da estrada a ver pasar coches, que era aplicarlles aos números das matrículas as regras de divisibilidade do 2, do 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12 e do 13?

martin-lopez-talento-galego-04

E isto facíalo ti de neno sentadiño á beira da estrada?

Si, a partir de sexto de EGB, que foi cando nos contaron as regras de divisibilidade… porque son xogos cos números: divisibilidade por 2, termina en número par, divisibilidade por 3, a suma dos números é múltiplo de 3, por 4 é divisible por 2, dúas veces ou ben ves os dous últimos números ou teñen que ser uns determinados, por 5, trivial tamén, por 6 ten que ser por 2 e por 3, por 7 ten unha regra propia… ao final hai seis ou sete reglas que son as que teñen un pouquiño de complexidade, pero son as guais e para traballalas con números de 4 cifras non é custoso… ao final terminas facéndote de memoria a lista de todos os números de 4 cifras que son divisibles por 13… pero iso pérdelo cando deixas de facelo. Cando lles digo tal cousa dinme que é moi complexo de explicar e pídenme que me quede só con un. Pois vale. E queda unha cousa moi deslucida, pero certamente ninguén se decatou de nada… O público coa boca aberta, cunha cousa así!! Non pode ser, trágame terra! Non quería eu chegar a aquela final. Tivese quedado moi tranquilo palmando na semi. Porque ao final é unha cousa moi vistosa con certo mérito na que non estás a tentar coar nada. Ao final da outra proba de feito quixen explicar en que consistía e dixéronme nin se che ocorra! Non imos gastar 20 segundos de programación en quitarlle peso ao que acabas de facer, porque para unha parte do publico vai funcionar. Pero para terminar gañando cero quedábame máis tranquilo na outra.


A continuación diso, o programa chegou a China, vendeuse o formato e os chineses, para ir adestrándoo, organizaron un especial con catro chineses contra xente dos países onde xa se fixera o programa.

E de novo tampouco o pensaches, e dixeches pois a China?

Claro, por que non!! (ri) Non estivera alí antes e era unha experiencia interesante. Iso si, intereseime un pouco polas condicións, a ver que me ían a mandar facer, que parte de gastos se cubrían, canto tempo ía estar alá… porque o tempo que estea alí despois teño que recuperalo no traballo, que o traballo non se fai só. Tendo a coller bastante máis traballo do obrigatorio e despois, como o deixe ir, acumúlaseme.

Eran cinco días. Sen problema. Pregunteilles se podía aproveitar o sexto e o sétimo día para organizar unha reunión con universidades de Nanjing, e dixéronme que unha vez gravado o programa dábanme os dous días e podía aproveitalos como quixese.

Ben, vale, xa non me sentía tan mal como se fose un salto ao baleiro. Falamos do que me ían pedir facer. Expliqueilles o que fixera, que onde me sinto cómodo é en facer calquera cousa que se poida traducir a un procedemento algorítmico con moi pouca necesidade de memoria, pero moito cálculo e razoamento lóxico, que eu con iso me desenvolvo ben. Estudaron un conxunto de propostas e dinme que tería que facer o do taboleiro de xadrez, pero engadindo algunhas condicións máis, porque aquilo era moi fácil. E eu dixen, “Efectivamente, era moi fácil, tédelo estudiado!” Imos ben, pensei. Non é que o tomen a coña. Entón preparo esa proba, cos condicionantes que me engadían eles, lévame un par de semana tentar parir un procedemento novo adaptado a como a min se me da ben pensar, para poder resolver aquilo. E foi unha sorte que máis ou menos fixese o meu estudo preliminar, porque cando cheguei alí… resulta que hai uns certos estereotipos dos chineses cos que podes contar que se vaian a cumprir… Un pouco que van facer todo o posible para que no seu programa gañen os chineses… porque é a moral nacional a que está en xogo e alí teñen unha cultura do sacrificio e as recompensas que van con ela a misa.

E alí atopeime, no momento dos ensaios, con que lle deron unha volta de torca ao problema. “Oes, pero isto non estaba no acordado!” … “Non, é que o fomos vendo, estudando… e ten que ser así…” E non hai forma de negociar con eles. Dinche: Non, é que ten que ser. E a min tampouco me gusta queixarme nin ter rabechas, así que lles pedín un pouco de tempo. Se me dades un día e pico vexo como tentar resolver o problema co condicionante novo, díxenlles. Ao final puiden adaptalo. Había un caso concreto, dentro de que eu tiña oito formas básicas de abordar o problema… Sete delas púidenas adaptar aos novos requisitos… e pensei… Malo será que me vaian a buscar a situación concreta onde teña que resolver o oitavo procedemento, que é o que non se me dá tan ben.

Bo, pois resulta que facemos ensaios, catro días de ensaios de 8 da mañá a 11 da noite… Alí pregúntaslle “Pero vós non ides a casa? Cal é a vosa xornada?” e dinche “Como imos para casa se o traballo está sen acabar?” Impresionante. Non hai queixas tampouco. Se ti non estás contento tranquilo que hai 2000 chineses aí fóra agardando para facer o mesmo ca ti. Unha cousa moi curiosa. E nada, ensaio tras ensaio… E pensaba… “Se estamos a facer o mesmo” Pero caramba! Estaban a estudarme! E así saben cales son os casos de que resolvo ben.

image2Cal foi a miña sorpresa, que no momento de facer a gravación de verdade, o meu rival, que todos os días anteriores dixera que non sabía absolutamente nada do problema que eu quería resolver (ela facía outro que xogaba cos mesmos ingredientes pero era distinto) que dicía que non sabía nada do meu, vai e ponme xusto a peor combinación que podía darse.

Despois vas atando cabos e ves que non é casual, porque aos outros españois puxéronlles tamén certas “trampas” no camiño. Que non son trampas… Pero bueno, se cadra entra dentro daquelas cousas das que ti non te decatas que están a falar, porque é un idioma distinto e a ti o teu tradutor bo é que te fai chegar unha parte do que está a suceder. Se queres pensar mal…

E veste nesa encerrona nun momento dado, onde resolver o problema xeralmente me leva cinco ou dez minutos, nese caso foron corenta dando voltas, que non me saía… Pero antes tentei o truco de dicir… “Non, creo que este en concreto non ten solución” Dicirlles así… pero de súpeto sae a moza (quince anos tiña) e di: “Si, si que se pode resolver, porque de feito fíxeno eu onte mesmo” Aaaaah entón non é exactamente a mosquiña morta que se me presentaba os outros días. Non me queda máis remedio… E digo “Vale pois… Si, si que se pode, veña, dádeme tempo para pensalo!” E levoume 40 minutos de suar a gota gorda e dar mil voltas! Ao final saíu. Entón, a sensación que causou o programa alí en China, co apuro no que me meteron e o resolvelo ben, foi moi boa. De feito, fun o único español ese día que gañou a un chinés e a ollos dos 30 millóns de chineses que vían ese programa fun un heroe. E sáeche unha lexión de fans alí! Que en pouco tempo se esquecen de ti! Pero bueno, si que foi un pequeno impacto o que se fixo nese momento.

E aí quedou a cousa. Tan tranquilo, vou ás miñas reunións coa universidade de Nanjing, reunións que tampouco chegaron a nada, porque é moi difícil traballar con eles desde cero. Si, ábrenche a porta e podes falar, pero sácaselle pouco proveito.

Ao cabo de dous anos vólvenme a chamar. Dinme que “É que causou unha sensación moi boa o doutor Martín… Queres vir outra vez? Imos facer un especial xa con expertos seleccionados de todos os países que pasaron por aquí”.

E alí fomos un español, un australiano, un sueco e un mongol. Era algo máis sostido no tempo e tamén había un peruano, un xaponés? Pois a ver que me mandades facer. E igual que a vez anterior, fun tentando adaptar a proba ao que podía facer. Explícolles o que me podo preparar nun par de meses para chegar alí en marzo e facer algo presentable e aceptaron. De feito, pareceulles moi ben e entre aquela impresión do outro programa, de saír vitorioso, sumado a que estaba a aprender chinés e eles iso tómanno como un afago, pois dixeron: veña, traémolo a ver canto máis de chinés aprendeu.

 

Así que dobre exame! A proba e o chinés!

Claro, claro. E nada, fixéronme o capitán do Equipo X! Unha parafernalia, unhas cousas alí… E moi guay. Ao final tómalo como un xogo e foi moi ben. Que sucedeu? Esta vez, entre un jet lag (que non me afectou nunca nesa medida) e unhas sensacións que tiña que me atopaba un pouco mal (porque a contaminación do lugar que me afectou) eu notábame bastante máis espeso do habitual. Díxenlles que non me atopaba en condicións de asegurar que puidese saír medio ben a resolución da proba, pero no momento de gravar saíu mellor que todos os ensaios anteriores.

image1

 

Si que nalgúns ensaios saírame o reto ben resolto, pero quedei a un número de poder resolvelo. Era resolver un sudoku 3D de cento cincuenta posicións cunha chea de relacións. Dábanche unha serie de números e a cegas había que enchelos todos respectando as regras do sudoku. E eu fallei nun número que, de feito, móstrase como o erro máis parvo que se pode cometer, porque é algo de inercia. A continuación dun 8 e un 7 nunha fila puxen un 6 porque a interface que me deron era basta e por esa inercia. Tiña clarísimo que tiña que pór un 2…

Tamén había unha compoñente de presión: había un chinés resolvendo o mesmo problema ao meu lado e o que antes terminase, gañaba. E eu pensei: pola experiencia anterior, como os chineses sempre se gardan o mellor para os programas, eu vouno a facer á máxima velocidade que poida.

Entón termino de construír aquel sudoku 3D en dous minutos e medio e bueno… íase vendo en tempo real como levaba o triplo de velocidade que o amigo chinés. Cando termino, doulle a enviar pum! E é cando din que houbo un erro. Eu estaba convencido de que o fixera ben, pero miro para atrás e alí está, un 6 parpadeando que non tiña ningún sentido. Era nun nó do sudoku onde nos ensaios cometía erros habitualmente, porque por esa mesma inercia se non había nada que facer alí, cos patróns que eu tiña, pois como que se me escapaban o 8, o 7 e o 6.

E probeino con eimages-2sa interface que eles me daban, sabía que me pasaba iso, pero coa presión da présa díxenme “vou moi confiado, moi seguro, malo será que me suceda tal cousa”. E maldita sexa, o erro que sería o primeiro por onde repasaría para evitar o problema se tivese tempo… Pero deille moi rápido a enviar.

Puiden ter a intelixencia de mirar ao público a ver que caras teñen, porque son tan histriónicos, tan explosivos que se estás a piques de envialo e está ben xa arrincan a aplaudir, pero non me dei de conta polo enfrascado que estaba. Tamén podía mirar ao chinés, que a súa pantalla estaba medio baleira… Pois non. Quixen ir así, máis de honrado e non xogar con ningún elemento de información extra… Envíoo e patapún!

Con todo, q20160324051028775ueda unha sensación de que está ben armado e de que foi un descoido froito das présas, ademais dese desaxuste do horario, do ataque de asma, etc. Que dis, bueno, queda razoablemente justificado que sabía facelo… Tamén o dixeron os chineses… “quedou claro que sabías facelo, décheslle un baño ao rival”… de feito, ao chinés que perde danlle unha leña e a min deume pena… Son moi duros. Ao que triunfa enxálzano até arriba. É unha cultura onde se aplaude moitísimo o mérito, pero tamén son duros cos fracasos. A xente que patina de súpeto non vale para nada.

Eu, a pesar de perder, quedei o suficientemente ben por todas esas cousas. De feito, o presentador dicía “Non, non, hai que contar con que estivo durmindo pouco e ten un ataque de asma e hoxe tomouse o Ventolín chinés…” E eu dicía, “Non, non, quita, que me equivoquei, polas présas e demais. É algo que me sucedía tamén en ensaios e debía tomarme a molestia de corrixilo. Que o mozo o fixo moi ben porque fíxate, puxo cento e pico números correctamente e eu non!” ,“Moi ben, moi ben moi amable”.

 

Postos a perder, é a mellor sensación que me podía quedar.

Despois, como xa coñecía a contorna de estar dous anos antes, xa era un pouco amigo dos chineses que están a traballar en primages-3odución, tes os teus propios amigos na cidade, xa te veñen a visitar e pasa a ser unha experiencia moito máis positiva e se lle engadimos que xa podo chamar á porta dalgunha universidade de alí dicindo “Son o que saía na tele” 🙂

Aínda que non teña nada que ver coa área de investigación de ninguén, é moi rechamante, dicían: “Ah! Este mozo é o que sae na tele, este é listo, é da universidade!” Uso a palabra “listo” porque é a tradución literal de como o din eles.

E de súpeto, non tes que chamar ás portas, 0ábrenchas e (isto é impactante) fan cola para falar contigo e chámante, escríbente contándoche o que están a facer. E entón te desbordan.

De aí si que manteño uns contactos bastante máis regulares e potencialmente frutíferos con axencias en China. Aquí de momento estamos a facer cousas con Europa e énchenos todo o tempo, pero teño recursos dos que poder tirar nalgún momento, se me ofrecesen unha estancia para dar unhas clases… pois estaría estupendamente ben.

Aínda que o da contaminación é terrible. A primeira vez non notei nada, pero esta última vez foi peor. Tiña que ir con máscara e necesitei que alguén me fose buscar un Ventolín (o seu equivalente chinés) porque eu o prospecto non o podía ler! Non teño vocabulario como para iso? Pero salvo iso da contaminación, a min paréceme un ambiente social bo… Bueno, a contaminación e tamén a censura…

 

0325_6

Un detalliño de nada…

Si, a censura e o acceso a internet. Paréceche que estás nunha gaiola dalgunha forma… é algo inquietante, pero logo te quedas coa parte social do que aprendes vendo á xente do lugar, falando con eles…

China é un choque especialmente notable que che fai reformularte tamén cousas que dás moi por feitas sobre a democracia, a liberdade e demais… porque a cambio dunhas cousas que perderon (unhas cousas que nós temos pero que se cadra non sabemos darlle uso! Que xa ves o que facemos co noso dereito ao voto en moitos casos!) alí gozan dunha igualdade de oportunidades real.

O chinés que nace na aldea máis remota da Mongolia interior ten acceso a uns servizos educativos, sanitarios, até onde dan as dotacións e os medios, pero que se no colexio empeza a render e destaca, o estado chinés non desperdicia o talento. Córrese a voz entre os distintos estamentos, comarcal, rexional, provincial etc e a ese neno termínanselle ofrecendo todos os medios que fagan falta, lévaselle a un colexio máis potente con máis medios e se segue dando de si pois até onde el queira chegar, independentemente de en que estamento social nacese. E iso a ti coméntancho, ensínanche as vantaxes que ten, casos reais. Algún dos amigos que fixen eu alí, nun sistema distinto deste, non poderían chegar a máis en toda a súa vida que a pastorear por alí por onde o estiveron facendo os seus antepasados toda a vida. E pensas, bueno pois ten sentido. Hai unha mobilidade da xente moi grande, por cuestións de traballo, ademais hai unha cultura do esforzó… Hai moitas cousas que me gustan.

E estes receos típicos que se teñen co chinés que é malo, que é desconfiado… Nada que ver con iso. Xente máis aberta custa atopala. Si, tiran un pouco a infantil, son moi entusiastas de calquera cousa, moi fáciles de impresionar… Pero faste amigo de calquera chinés nun cuarto de hora e despois se mantés o contacto están súper encantados de levarte aquí e alá e ensinarche o mellor que teñen. Hai unha parte de sociabilidade, cousas que funcionan a nivel social que me gustan. Isto púideno aproveitar mellor nesa segunda viaxe. Total, que se me chaman para un terceiro… ningún problema! Este programa en China é en prime time, os venres pola noite, é o programa máis visto na tele chinesa, un programa de facer probas de cálculo e lóxica.

 

Crees que alí se valoran máis este tipo de probas? Pensas que o público comprende mellor a dificultade que poden ter?

Si, moléstanse en entender moitas cousas. No programa de Antena3 ninguén se preocupaba de que realmente houbese un mérito real, nin os produtores, guionistas… Dinche: “Calquera cousa que sexa minimamente aparente xa vale”.

Alí non, alí tentan asegurarse de que as cousas que se fan teñen un custo que o fai inaccesible sen un esforzo ao 90% da poboación. Teñen que ser cousas que sorprendan e que non che vaian a saír xornalistas ao día seguinte dicindo “Non, é que isto se resolve desta forma e é unha parvada”, porque entón é un descrédito moi importante para o programa. Alí se se descobre que estaban a tentar inflar algo, que ten menos mérito do que pretendías ter, a cantidade de merda que che cae enriba… É que non volves facer outro programa. Entón mírano moi ben.

É unha cultura que fomenta moito o esforzo, o ir máis aló de onde chegaron outros e son máis duros co que non o consegue. Ao que se equivoca dáselle moita leña… Pódese volver levantar, pero de entrada non se lle fan máis entrevistas nin nada, terá que volver gañalo por outros circuítos ou novas probas, pero en principio cáeche a indiferenza de súpeto enriba, a de todos.

Tamén é un contexto que socialmente se xustifica. Aquel que non estea á altura nun momento determinado ten detrás millóns que poden ocupar o seu lugar.

 

Pero iso é moi duro…

Si, pero ao mesmo tempo a eles xéralles esa necesidade de superarse, non hai concesións nin autocompracencia. Hai un nivel de esixencia que impón unha gran presión e iso eles percíbeno e van marcados desde nenos. Sucede a nivel educación e na contorna laboral.

Unha vez no mundo laboral, se tes que traballar 20 horas seguidas pois as traballas. É evidente que estás a renunciar a unha parte do teu benestar, pero con todo encaixa ben na mentalidade chinesa, porque xa nacen e crecen niso.

martin-lopez-talento-galego-06

E cos rivais notaches algunha diferenza na relación con eles de como era en España e como foi en China? Eran máis competitivos?

Si, si, totalmente. En España, salvo dous ou tres persoas que van con mentalidade de gañar e que chegan mesmo endiosados polo que son capaces de facer, o ambiente xeneral era sumamente distendido. Tomábanse moi en serio as súas cousas, con nivel de auto esixencia moi grande, pero en xeral non había ambiente de competición nin nada semellante. En China si. Esíxense individualmente e notas que o público tamén impón unha certa presión sobre a xente. Pero bueno, iso é algo distinto e enriquéceche moito. De feito antes comentábache que este programa é dos de máxima audiencia alí en China e tamén se ve moito noutros países veciños e, por exemplo, saíronme unha chea de fans e contactos en Vietnam, Tailandia e Corea. Ao final coñeces a esa xente e iso é un luxo. Alguén que se te achegas por alí poida ensinarche os lugares. Sabes que non vas ter que buscar o típico restaurante italiano que é o que che dá máis seguridade, senón que vas ir aos sitios onde se preparan ben as cousas de alí e non te estafan.

Está aí no aire unha terceira posibilidade de ir a China e tamén para ir a estes outros países.

 

E eses fans, como contactan contigo?

En Facebook e por todos lados. Durante un tempo tiven conta en Weibo, o Twitter de China, e en dous días tiña máis de dez mil seguidores e un caudal de tráfico que era unha barbaridade. Era desbordante. Xa non a manteño porque perdín as credenciais. Chega un momento no que che piden validar a conta e como a internet de alí está pechada ao exterior en sentido entrada e saída… Para seguir usando a conta necesitas validar o teu contrasinal nun SMS a un teléfono que só pode estar en China e en dous países máis.

É unha lea. As dúas primeiras veces arranxeino cun teléfono dun amigo de alí, pero cada vez pedían esta validación máis a miúdo, porque notan que o tráfico entra e sae do país. E non teño tempo para dedicarme a todo iso. Está moi ben para algunhas cousas, pero pódese converter en algo moi absorbente…

 

Necesitas un axente en China…

Chegarona facerme esa proposta tamén! Porque saían cousas! Pero eu non estou cómodo poñendo a miña cara a cousas que non sei que son ou que non sabes que hai detrás… Ofrecíanme facer anuncios… Máis adiante, quizais. Eran propostas de cousas moi pequeniñas, cousas moi menores, nin sequera a escala nacional. En banners en internet e tal, que aparecese a miña cara no anuncio dalgún produto…

 

Pero agora que xa sabes chinés xa saberás de que van

Pero moi pouquiño! Estaría ben nalgún momento poder ir un par de anos, para consolidar o que vou aprendendo do idioma. A primeira vez fun con tres meses de clases, sen entender nada… E dous anos despois volvín e aínda que seguía tendo a sensación de que non sabía nada do idioma, de súpeto vas pola rúa e entendes cousas. Faiche falta buscar unha estación de metro e sabes interromper a unha persoa para que che indique e sabes seguir as indicacións! Sénteste coma se fose un súper poder! Sénteste funcional e sería marabilloso poder asentar iso, pero require unha dedicación que agora mesmo non lle podo dar.

martin-lopez-talento-galego-05

Cando fuches aos programas en España coñeciches a algúns famosos?

Bah, a uns cantos. E é unha experiencia moi diferente do que é a nivel Televisión de Galicia. Aquí é un estudio pequeniño, coñeces a todo o mundo… E é xente moi normal. Na tele nacional o famoso profesionalizouse. Vén a aquilo e a absolutamente nada máis… sen dar nomes, ves que o personaxe que se dá ás cámaras para nada, nada, nada ten que ver coa persoa que hai por detrás. Tendemos a facer esa asociación, a pensar que esa persoa que está aí é así e é súper guay… Pero esquecemos de que por detrás hai unha persoa e que todo o que fai pode estar encadrado no papel que representa… O cal é normal e perfectamente xustificable, pero si que levas algún chasco niso.

En China? que che vou contar. A xente, os invitados que levan ao programa son mega estrelas do seu pero aínda así, de cando en vez tes o teu ratiño de corte nas gravacións e falas con eles. Aquí iso non pasaba tanto. Son xente. Son persoas, pero notas que hai unha diferenza entre a persoa e o personaxe que se mostra gravando. Todo o mundo vive cos seus abafos e as súas présas e cando lles gravan teñen que mostrar a mellor dos seus sorrisos, porque cobran e viven diso e non queda outra e detrás de todo iso hai unha persoa cos seus problemas e as súas historias…

Alí en China, a pesar de que o famoso está aínda moitísimo máis lonxe da masa de fans, porque se contan por decenas de millóns… o de China é unha barbaridade… vense obrigados a manter unha distancia máis grande… porque si, por simple “hixiene” porque non podes estar a atender a todo o que che piden uns e outros, ao final acaban sendo tan accesibles como calquera outro chinés. Detrás das personaxes que ves na tele, en última instancia, hai unha persoa cos seus problemas e as súas circunstancias. E iso iguálanos a todos.

Moitas veces cando estou a ver a tele e vexo a algúns, xa sexa do mundo da política ou o deporte, penso que me gustaría coñecer a máis dun na intimidade da cociña, como fai Bertín Osborne, pero sen cámaras. Para ver o que non che ensinan.

image10

Eu preguntábache pola curiosidade de saber se deras con alguén entre eses famosos ou persoas coñecidas que fose capaz de valorar unhas capacidades como as túas ou que tivese coñecemento de matemáticas.

Notei que en China hai unha compoñente cultural de admirar o que fan outros, que sexa meritorio, que teña mérito de verdade e a xente moléstase en entender de verdade se o que feixeche ten un valor ou non, canta máis xente sería capaz de facer iso mesmo e si que queren entrar ao detalle diso.

Notei que en China hai unha compoñente cultural de admirar o que fan outros

A sensación aquí no programa de España é “ti fai calquera cousa que a xente se vai a quedar pampa e onde hai números ninguén se molesta en entender”. Senten que é impresionante, pero non nos achegamos a tentar ver canto hai de complexo ou entender o que se está facendo. En China si o vías. E preguntábanche aqueles famosos que che avaliaban “Como o fas, explícame ben isto…” De feito, xusto despois da proba alí hai dúas ou tres minutos para cada persoa para preguntas, críticas sobre como o fas, se cústache máis ou menos e as razóns, que compoñente de memoria, expoñen se serías capaz de afrontar novos retos… indagan, cada un desde o que coñece, sobre o valor que poden ter esas probas.

Mentres que os comentarios en España son tipicamente de tipo: “Alaaaa que cousa!”, “Xa me doe a cabeza só de mirar!”, “Iso que é!? Bruxaría!” De feito alguén me criticou que na proba dos QR eu pedira que me deixasen explicar un pouco que é o que estaba a suceder… E déronme leña, que é iso de explicar o que estás a facer? Pois para que se entenda o que hai de valioso no que fago. A crítica vén mesmo da propia produción ou dos famosos que hai alí. Para min, explicar iso non lle quita valor, que se queres que se asombren por algo que non queden coa fachada! Parecía que había un interese de canto máis escuro e máis místico, máis estraño ou inalcanzable, mellor… Pero o bonito sería poder explicar cal é a parte máis complexa, dicir onde está a dificultade… Pero, ollo, eu falo dunha experiencia moi concreta.

Os comentarios en España son tipicamente de tipo:“Iso que é!? Bruxaría!”

 

Pensarán que a audiencia non vai entender o que vas explicar

Si, é a sensación. Pero a idea é deixar unha semente, que faga que a xente teña curiosidade. Rózaslle un pouco a bruma e se en 1 de cada 20 xeras esa curiosidade… é moi positivo, por pouco que sexa. Se moitos máis contidos en televisión remasen nesa dirección… Eu comparo a tele que viamos de nenos fai trinta anos e a que se ve agora. Antes Barrio Sésamo ou A Bóla de Cristal expoñíache a un caudal de cultura xeral tantísimo máis amplo que ao que se enfrontan agora os nenos e dá mágoa.

Antes non había ningún neno que vendo eses programas non terminase por soarlle o nome de Chopin, Velázquez ou do mesmo Einstein. Pregunta ti agora a un neno quen é Chopin. E como iso, moitos feitos históricos que nin lles soan nin polo máis remoto. Vocabulario que antes se usaba de forma profusa… non, non o coñecen. A semana pasada nun anuncio da radio alguén dicía a outro que lle ía a ensinar a súa colección de fósiles precolombinos! Bueno, todos os fósiles teñen que ser precolombinos, pero onde imos! Pero preguntábame eu: a cantos nenos de hoxe en día lles atizas coa palabra precolombino e dinche que a escoitaron algunha vez? O vocabulario ao que nos expuñamos antes era maior e as referencias culturais tamén, moito máis amplas. Cantidade de programas empezaban con sintonías de música clásica recoñecible, as grandes obras. No propio Con las manos en la masa as transicións entre receitas, eran A Primavera de Vivaldi e termínache soando. Unha bagaxe, un conxunto de referencias que se che van metendo na cabeza e que a día de hoxe non existe. E paréceme que hoxe canto máis se quite, canto máis masticado poidamos darllo ao espectador, mellor. É tremendo ver mesmo no cinema o triturado que vai todo, o trivial que resulta, o lineal das narrativas… É que non me están contando nada en moitos casos! Excepto en nichos moi concretos, como as series, que a día de hoxe en internet atopan a un público moi crítico. A tele que chega ao público xeral é moi, moi plana. As películas que se facían para nenos fai vinte anos… Ves A historia interminable e ves Buscando a Dory…

 

É que A Historia Interminable é un grandísimo libro

Xustamente, e expúñase aos nenos a iso e se non o entendían non pasaba nada. Quedabas facéndote as túas preguntas e había espazo para a imaxinación, para seguir dándolle voltas á historia. Se cadra saíndote da que se pretendía contar, pero había posibilidades de manipular aquilo na cabeza. A día de hoxe moitas pelis non teñen máis nada que esa lectura totalmente lineal, onde as reaccións van moi calculadas: aquí un susto, aquí unha risa… E xa está, xa non teñen máis lecturas. Vai ben mastigadiño para que non haxa que pedirlle ao cerebro un esforzo. Dáche pena e ves que, polo menos dentro da miña pequena historia televisiva, hai sitios onde se tenta traballar unha cultura do esforzo e noutros onde vai todo mastigado, de “non vou cansar ao espectador” E non sei se será bo.

 

De cando en vez hai que relaxar a mente?

Claro, pero a mente pódese relaxar mesmo sobre contido construtivo. Pódense dar referencias culturais nun ambiente distendido. Non hai por que caer no zafio.

 

Bo, e os teus alumnos coñecen toda esta traxectoria televisiva túa, sábeno cando chegan á túa clase o primeiro día?

Cada vez menos. Vai pasando o tempo e as cousas de China só ven en determinados lugares e non chega. E case mellor 🙂

 

Ata que lean esta entrevista 🙂 A pregunta final. Cando teñas un neto, hipoteticamente, e lle contes algo do que esteas especialmente orgulloso desta etapa da que falamos, que lle contarías?

Contaríalle a experiencia que supoñen as viaxes. O saír do cascarón de onde un naceu. Parece que o mundo se reduce a aquilo que aprendiches, co que estás familiarizado… Direille que vaia a tantos lugares diferentes como lle sexa posible, que entre en contacto con tantas culturas e maneiras de organizar o traballo, os estudos, os espectáculos, a vida… tantos como poida… Exponte a cousas tan distintas como sexa posible, porque empezarás a matizar todos os teus prexuízos, a pór cada gran “verdade absoluta” no seu lugar e terminarás destripando o que é fachada do que son as persoas que hai detrás. Separar moi ben o que che queren ensinar, o personaxe das persoas. A capacidade que adquires de analizar de maneira critica o teu propio mundo e os mundos que vas visitando dáche un percorrido como persoa moi importante.

Eu véxome moi enriquecido nos últimos 12 anos, por pasar por vinte e nove países en distintos continentes, tomar contacto con distintas culturas de traballo, investigación, ensino, dinámica social… radicalmente distintas da nosa. É a bagaxe que che dá o entender as cousas novas que poidas ter por diante e afrontar novos desafíos. Se me chamasen para ir a un programa de 400 millóns de espectadores tomareino como o que é, que vas a un sitio a ensinar as túas cousas e que logo xa o que queira velo que o vexa e se gusta, gusta, e se non pois non pasa nada, aí queda.

Enfróntaste mellor ao mundo por moito que vaia crecendo en complexidade se acabas entendendo que todo se reduce a moi pouca cousa, que o pouso humano é practicamente o mesmo aínda que o vaiamos aderezando cunha chea de convencións e cousas que son distintas, pero sabes que o que queda é o pouso, o desenvolvemento humano propio que non consegues se limitas o teu mundo ao lugar onde naces.

Veñan de onde veñan as oportmartin-lopez-talento-galego-07unidades: bolsas, ofertas de traballo, invitacións para ir a calquera lugar, ao meu fillo e ao meu neto direilles que as collan todas, que se suban a todos os trens que os poidan levar a un lugar canto máis distinto de onde estiveches, mellor. Ademais, co que vai mellorar a tecnoloxía de transporte nos próximos 20 ou 30 anos… Mira o Hiperloop, por exemplo. Quen sabe.

O moverse… que é algo que eu de pequeno percibira como unha desgraza, un reto… “Ai se me teño que ir de Pontevedra?!” Eu quería estudar en Vigo porque me quedaba preto! Empecei a abrir o cascarón un pouco dentro da universidade e logo ao empezar a traballar, pola obriga da carreira investigadora de presentar o teu traballo en distintos lugares. Aos poucos empezas a collerlle o gusto e aprecias o valor que iso che achega, pero durante moito tempo non o vía a así.

Fíxate, a raíz do premio nacional de final de carreira, fixéronme unha entrevista no Faro de Vigo e saín dicindo “Antes de ter que marcharme da miña casa cámbiome de profesión” … E agora véxome naquela entrevista e entre os pelos e a barba que tiña por entón e as lentes, non me recoñezo xa a nivel físico… pero tampouco me recoñezo no que alí está escrito.

Lonxe de ver iso como unha vergoña, véxoo como unha parte da evolución persoal que tiven e faime graza. Vexo en que me fun transformando co paso do tempo… e de momento douno por bo, non sei máis adiante… Igual cambio… Ou chegará un momento onde todo me importe un pito!

martin-lopez-talento-galego-08

Leave a Reply

*