Leandro Lamas: «Hai que buscar algo orixinal, buscarse a un mesmo no traballo»

Unha mañá collín o coche e fun ata Neda, un pequeno concello na Ría de Ferrol que non chega aos 6000 habitantes. Alí, afastado do barullo da estrada xeral e do centro da vila, ten o seu estudio o pintor e ilustrador Leandro Lamas. Se polo nome aínda non sabes quen é, ben seguro que as súas ilustracións e o seu estilo único sonche ben coñecidas. Ademais de ilustrar libros, Leandro Lamas pinta retratos moi especiais, ilustra acontecementos da vida, historias bonitas de parellas, de pais, de nais, de amigos, de familia. Leandro pinta o amor. 

 

Talento Galego: Como se decata Leandro Lamas de que o seu é a pintura? Cando empezas a pintar?

Leandro Lamas: A verdade é que desde moi pequeno sempre me gustou moito debuxar e pintar. Fun aquí a unha escola en Narón, que foi na que comecei a una escola pública de EXB, e tiña un profesor que se chamaba Jesús ao que lle gustaba moito pintar. Sempre que había un concurso me avisaba e me animaba para que participase. Iso quedoume moi grabado, porque era un profesor que lle daba moita importancia ao de debuxar, supoño que porque a el tamén lle gustaba. Logo pasei a outra escola e alí abandonei algo o tema. Despois fun a clases de Xaquín Marín, que é de aquí de Fene, e coñecelo a el e o empezar a ir con el foi o definitivo. Aínda que eu estudei delineación, so traballei unha temporadiña pequeña de delineante e a verdade é que non me gustaba, pero como era o único que podía recordar algo ao de debuxar foi un pouco polo que tirei.

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: Non pensache en estudar Belas Artes?

L.L.: Nunca me plantexei nin estudar fóra. Na miña casa somos seis irmáns e a verdade é que nunca se me pasou pola cabeza sequera estudar fora, como non o fixo ningún de nós.

A primeira exposición que fixen foi no 97 no Café da Vaca. Nin eran óleos, era outra técnica con acrílicos, e o ano seguinte expuxen en Sargadelos, en Ferrol tamén. E desde aquela fun expoñendo en sitios moi diversos e variados, tanto galerías como cafeterías… todoterreo. Leveinos a moitísimos sitios, sobre todo por aquí por Galicia. Tamén teño ido a Asturias, Portugal, Madrid… pero sobre todo por aquí. Teño tido dúas exposicións a un mesmo tempo, porque a verdade é que pintar pinto moito, son moi productivo. Non sei si de calidade pero son moi producitivo (sorrí).

 

TG: E desde que empezaches coas exposicións xa tiñas definido este estilo, xa atoparas o teu camiño?

L.L:. Digamos que algo si, logo foi variando, pero si. Vendo os cadros daquela creo que se sabe que son da mesma persoa, aínda que estea cambiado… A alma si que está por aí rondando.

 

TG: Cales son as túas referencias en pintura ou ilustración?

Referencias a verdade é que teño moitas, porque a min gústame moito ver o que hai, sobre todo ilustradores e ilustradoras, que hai moitísimos e cousas boísimas por aí adiante. Influencias non sei, pero mirar miro e admiro a moitos.

 

TG: E agora con todas as posibilidades que ofrece a tecnoloxía, que relación tes coa ilustración dixital?

L.L.: Ningunha! Non teño nin idea! E non é que o descarte, pero tampouco teño moito onde formarme e como a verdade teño bastante traballo para facer, pintando, así en plan artesanal, pois non me puxen nunca coa ilustración dixital, pero entendo que é moi práctico sobre todo para ilustrar libros.

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: E poderíasme contar como é ese proceso?

L.L.: Case sempre son os autores os que, se lle dan algo de importancia, escollen e lle din á editorial quen lles gustaría que lles ilutrase. Eu pinto un óleo nun lenzo pequeñino e despois se escanea ou se fai unha boa foto. A maior parte das veces vou enviado fotos de cómo vai o resultado, pero case nunca hai moitas pautas. Falo algo co autor ao comezo, pero só unhas cantas notas. Hai moito marxe de maniobra para facer o que queiras.

Logo o que é a composición da páxina xa o fai o deseñador gráfico. Pode ser que a ilustración leve algún texto por riba, pero xa non o fago eu.

 

cantarolas-leandro-lamas-talento-galegoTG: Tes algún autor favorito para o que che guste facer cousas, que vos entendades especialmente ben ou que a súa obra che guste especialmente?

L.L.: A verdade é que todos os que fun facendo me resultaron agradables. Para min foi unha honra inmesa facer os de Neira Vilas, que ilustrei dous. Coñecelo, traballar con el… Que non foi no día a día nin moito menos, pero para min foi unha honra… Tamén con Antón Cortizas fixen varios, con Miguelanxo Romero, tamén libro CDs ilustrados, con Magin Branco, con Uxía, con Olga Brañas… E claro, teño a sorte de que sempre me chaman para facer cousas que a min me gustan. Case sempre a xente que me encarga cousas creo que, aínda que non os coñeza moito, son xente que teñen moito que ver cos gustos que teño eu e que coincidimos bastante.

 

TG: E como chegache ao das encomendas personalizadas?

L.L.: Isto a verdade é que non foi dado por min… Foi alguén que me encargou o primeiro. Contoume a historia de para quen era e eu o fixen. Despois dese viu outro e despois outro…. e cando me din conta é o que estou facendo básicamente. Ven sendo ilustrar un conto, pero un conto de vivencias, anécdotas ou un pouco de todo. Algún encargo é moi específico dun momento determinado e está contando o que pasou, outros ao mellor simplemente me din as afeccións que teñen: gústalles andar en bici, bañarse no río… As veces son parellas e se representa como se coñeceron, algunha profesora que se retirou e llo regalan os compañeiros… Ás veces facemos os cadros desde un grupo de WhatsApp e a xente vai vendo o proceso e opinando… Sempre se fai con moita marxe, non me din como teño que pintar, pero á xente gústalle ver como é o proceso. Ademais, sempre hai cousas que se me poden escapar, algún detalle que me contan e que se engade. Cólloo e me vén ben.

Ven sendo ilustrar un conto, pero un conto de vivencias

Este, por exemplo, é dunha parella. Formaban parte dun grupo de amigos e os amigos sospeitaban que había algo entre eles… E nas festas do Carme de aquí de As Pontes se liaron J Entón vése como se van eles e os colegas quedan alí mirando (sinala o cadro que está pintando). E logo hai algunha referencia a Roma porque viviron alí, as festas do Carme, as chemineas das Pontes… Cousas simbólicas da zona… Hai infinidade de anécdotas moi chulas ao redor dos cadros.

Por exemplo, houbo unha rapleandro-lamas-talengo-galego-panderetaaza que me encargou un para o mozo polo aniversario e contoume como se coñeceron: ela iba en bicicleta e el saía marcha atrás nun 600 dun garaxe. Atropelouna… Así que pintei o momento anterior ao atropelo. E hai centos de historias por aí que cando ves o cadro, se non tes o conto detrás, non sabes igual a que ven, pero o que o leva sábeo ben. E ten ese plus, ese engadido.

 

TG: E é todo moi bonito, alegre, optimista… e colorido!

L.L.: Claro! Quen encarga un cadro normalmente encargao porque quere reflectir un momento que lle resultou agradable. Eu poño o foco nas partes positivas da vida.

 

TG: Houbo etapas de cores máis escuros?

L.L.: Cando empezaba ao mellor, pero a verdade é que enganchei na cor e estou moi cómodo. Algúns teñen máis cores e outros simplemente están nunha gama de verdes ou de azuis…

 

TG: Nótaseche o gusto porque tes as paredes de cadansúa cor…

L.L.: Si, é que a min éme moito máis agradable e por qué vas renunciar á cor! A min as cores non me causan ningún trauma senón todo o contrario.

 

TG: E cando non tes encargos, que pintas?

L.L.: A verdade é que xa levo anos pintando encargos pero antes pintaba o que se me ocurrira. Se algún día deixo de ter encargos ou paro de facelos…

leandro-lamas-talento-galego-meninasEste (sinala) é unha versión das Meninas. Non foi un encargo, fixen algunhas versión de cadros clásicos: Meninas, Frida, o nacemento de Venus de Boticelli co de Nunca Máis e algún máis. Esa é outra cousa que teño pendiente algún día, facer versións de cadros clásicos moi recoñecibles.

Tamén fixen un mural en Canido, o barrio de aquí de Ferrol, que empezou unha iniciativa de pintar Meninas polas paredes e agora está moi recoñecido. Hai visitas ao barrio e ven moita xente. O mural é un pouco parecido a este cadro. Hai un montón delas, un barrio moi recomendable para visitar.

 

 TG: E como “entrena” un pintor?

L.L.: É que a pintura é infinita. Entrenar básicamente é pintar e pintar. Facendo é como aprendes e como melloras, escollendo o camiño. Non hai outra máis que practicar, como case calquer cousa. Se tocas a guitarra terás que practicar e coller habilidade. Isto é algo similar. Eu normalmente cando fago un cadro sempre fago un deseño anterior a lápiz, o que é o bosquexo, e é aí onde vou madurando a idea. Parto da idea inicial en bruto e logo vou cambiando para aquí e para alí as figuras, a composición… o mesmo cadro ten infinitas combinacións… Sendo a mesma temática non tiña por que ser así.

O mesmo cadro ten infinitas combinacións

TG: E unha vez estás pintando xa no lenzo cambias moitas veces de parecer ou estaba xa bastante claro?

L.L.: Hai poucos cambios… Máis que cambios o vou completando. Pinto e por enriba, vou engadindo outras cousas, pero si que vai bastante madura a idea. Non tanto as cores e todo iso pero as formas si.

 

TG: Non me parece tarefa fácil. Se fas algo de deseño gráfico no ordenador, partindo de cero, engades e quitas elementos e reordenas, sen máis consecuencia que dedicarlle algo máis de tempo, pero non o estragas…

L.L.: Por iso se fai a idea iniciar a lápiz no papel. Eu sempre o comparo con facer unha casa. Ti tes un terreo e queres poñer unha casa… non empezas metendo no terreo o lavabo, senón que empezas con espazos en bruto e logo vas ao detalle. Os cimentos, a base da composición, está dende un principio aínda que logo pode haber modificacións, como se ten barba ou non a ten, a lúa ten cara ou non a ten, pero grandes modificacións sería absurdo, a decisión ten que ser anterior. O que implicaría un cambio é tapar todo e técnicamente é complicado.

 

TG: E no proceso, esa primeira parte de bosquexar e pensalo todo, canto tempo che pode levar?

L.L.: Eu os tempos non mido moito, pero igual unas tres horas o primeiro debuxo a lápiz. Pintar… xa boto días. Ás veces tres días… estou a xornada completa, todo o día. Procuro aproveitar moito o tempo. Afortunadamente teño bastante traballo entón se me deixo levar…

leandro-lamas-talengo-galego-acampada

TG: Supoño que terás moita lista de espera

L.L.: Si que teño si, agora mesmo teño como 20 agardando…

 

TG: Caramba… Se chega alguén e fai un encargo canto tarda en recibir o encargo?
L.L.: Buf, iso tamén é moi complicado, pero en xeral podemos estar falando duns tres meses. Ás veces, se son para datas sinaladas podo ir priorizando… Outros que non teñen apuro os pobriños van tardando un pouco máis. Normalemten non é unha cousa que teña urxencia, non é como se tes unha casa sen tellar que che chove dentro, a xente é comprensiva, pero cada vez me resulta máis complicado calcular se me da tempo. Entre que falas no correo, WhatsApp, no Facebook… teño varios frentes abertos e claro… Botar contas é moi difícil.

 

TG: E así é como contactan contigo aqueles que non te coñecen, ven a túa obra en Facebook e escriben

L.L.: Si, sobre todo polo Facebook. Mándanme mensaxes privadas e despois pasamos ao teléfono ou correo, pero como primeira toma de contacto case todos veñen por Facebook. Chegan maioritariamente de Galicia. Algúns de fóra, de España ou do estranxeiro, pero básicamente de aquí. Sobre todo porque é complicado enviar cadros e tal e se podo dedicarme a facelos por aquí xa veñen recollelo ou se envían… depende. Teño feito algún para Barcelona e facelo todo por WhatsApp, enviar o cadro e non coñecer á persoa nunca.

 

TG: Entón no teu día a día tes tamén bastante traballo “administrativo”

L.L.: Teño… E non me gusta. Pero bueno, dame rabia porque ás veces te vas aturullando de traballo e é o que máis rabia me da, cando non das feito. Porque a min gustame moito a tranquilidade e seguir o meu ritmo, que non é lento! Vou avanzando, pero se de pronto non dou acabado… Procuro levalo ben, pero iso é o que menos me gusta. Porque ademais isto é algo que merece ir ao teu ritmo, isto non é unha liña de producción… Vou disfrutando de todo o que fago.

Isto é algo que merece ir ao teu ritmo, isto non é unha liña de producción

TG: Tes unha relación moi estreita coa música e o teatro

L.L.: Si, son dúas cousas que me gustan por igual, xunto coa pintura, mais non lle podes adicar tempo a todo, pero encátame. De feito, un dos privilexios que teño, segundo eu o vexo e que pode parecer unha tontería, é poder estar pintando e escoitando música. Hai moitísimos oficios onde isto non se pode facer e eu estou aquí, á miña maneira, doulle o volume que queira e poño música e música… parece unha tontería pero para min éme moi importante. E creo que iso tamén vai influindo no que vou facendo. Igual non influe tanto a música que escolla pero como a música inflúe no meu estado de ánimo… digamos que o de crear nun ambiente agradable influe, sobre todo nun traballo como este. Ou sexa, se estás nun ambiente que non te remexes tampouco estás cómodo, ou se hai barullo fóra… aquí estou de maravilla, creo un escenario para estar a gusto e logo xa vai…

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: E tes aí un ukelele…

L.L.: Hahaha si, levo un tempo practicando, pero ando só aprendendo uns acordes para cantar nas caralladas cos colegas, pero nada máis. É moi divertido e non é demasiado complicado para facer algo básico e para andar de parranda… e é cómodo porque é moi pequeniño e non pesa.

 

TG: E no teatro tes feito tamén moitas cousas.

L.L.: Estou nunha asociación que se chama o Aturuxo de Melpómene e o a maioría da xente que estamos aí saímos da escola de teatro de Narón. Alí facemos teatro afeccionado pero si que lle dedicamos moito tempo e nos dirixen moitas veces profesionais e bueno… é afeccionado pero bueno, está moi traballadiño. Dentro diso tamén hai un colectivo que se chama Carracha na Cacha e aí escribín tres textos e dirixinos e tal. Nas outras obras estiven como actor, nesta fixen de director e de autor e a verdade é que tamén é moi, moi gratificante.

 

TG Un artista multidisciplinar, daslle a todo: pintura, música, teatro…

O malo é que non se pode dedicar tempo a todo! Esas tres cousas son as que máis me gustan, pero necesitan tempo e hai que dedicarlle a unhas máis e a outras menos e hai que poñer o foco nalgún lado. E a verdade é que na pintura vou tendo moito traballo.

 

TG: E tes relación con outros ilustradores galegos, xente que se dedique a pintar ou ao mundo do cómic…

L.L.: A verdade é que non teño moita, ando un pouco en solitario nese aspecto… Así como noutras cousas, noutras disciplinas como a múscia a xente se xunta, esta é máis… cada un fai o seu. E vivo no rural, que ten as súas vantaxes pero non é como se ao mellor vives en Santiago e te atopas con outros compañeiros. Aquí polo arredro non hai moita xente que se dedique a algo parecido. Con Xaquín Marín ainda que que non nos vemos moito, si que é unha persona que aprecio e admiro moitísimo e que vive aquí preto.

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: E hai un sector de ilustración e pintura en Galicia?
L.L.: Si, si, hai moitos profesionais que se dedican a iso e aínda que non estou moi posto hai moita xente que traballa no dixital, moitos ilustradores boísimos. Claro, eu non son ilustrador… Pero isto que fago aúna as dúas cousas… tampouco son tan distintas, porque eu ilustro as historias que me contan.

 

TG: Se un rapaz novo quere dedicarse a pintar ou debuxar, como pode formarse?

L.L.: Supoño que o ideal sería ir a Belas Artes e aprender. Logo hoxe en día hai moitos medios para aprender no que é debuxar e pintar. Unha cousa é a técnica e outra e a parte creativa e aínda que todo o mundo pode ser creativo, aí é onde hai que escarabellar máis, que tamén se aprende. Esa é a parte máis interesante, aínda que un mínimo de técnica hai que ter. A parte creativa é a que máis me interesa. Hai que saber técnicas de debuxo e pintura e que cada quen busque o seu oco e profundizar, ir buscando…

Hoxe en día cos medios que temos non é necesario (no sentido de obrigatorio ou imprescindible) irse a Madrid ou outras cidades grandes. Podes traballar dende aquí, funcionando co correo electrónico. É un traballo onde se ve moi claro o que fas, porque mandas un pantallazo e o están vendo tal cual. Non es un actor, que te teñen que ver alí en directo. Desde calquer aldea hoxe en día podes traballar en Nova Iorque se queres.

A parte creativa é a que máis me interesa. Hai que saber técnicas de debuxo e pintura e que cada quen busque o seu oco e profundizar, ir buscando…

TG: E no teu caso as editoriais coas que traballas tamén son de aquí?

L.L.: Si, eu traballei con Xerais, con Galaxia, con Kalandra e con Embora, de aquí de Ferrol

 

TG: Tamén vin unha vez unha ilustración nun blog de El País…

Si, eses son cadros que xa teño feito e que me pediron permiso para usar e ilustrar uns relatos, pero non o fixen para iso. Son cousas que van aparecendo e a min non me importa, ao contrario. Hai xente á que non lle gusta, pero eu non teño ningún problema… Eu encantado. É diferente se mo pedirán para facer un negocio, para empezar a facer camisetas…

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: E xa che saiu algún imitador?

L.L.: Penso que non! Ás veces mándame a xente cadros que fan de versións , xente que vai a clases de pintura e copia os meus cadros e é moi gratificante. Nas escolas tamén se traballan moito. Por exemplo, aquí teño uns debuxos duns nenos dun cole de Noia que me trouxeron unas profesoras. Moitas veces me chaman de escolas para ir, porque os nenos están traballando a miña obra ou algo así.

Nesa escola cheguei alí e tiñan todo o traballo feito cos meus cadros, facendo versión dos de mulleres, facían a súa versión e poñían a cara da súa nai recortada dunha foto… moi ben traballado.

Nalgúns colexios dou extraescolares durante o curso, de primaria ou de secundaria e é moi gratificante, porque nos que botan moitos anos contigo vas vendo como evolucionan. Teño por aí un vídeo dunhas nenas que cando empezaron comigo que non lles chegaban os pés ao chan… e cando se foron xa ían ao instituto, nunca deixaron de vir. Graváronme un vídeo moi emocionante, unha pasada… Creo que é como o que decíamo antes, a debuxar se aprende. Todos somos creativos, o que pasa que ás veces dicimos que non se nos da ben e non se investiga.

O gratificante é cando ti podes traballar e dedicarte ao que che gusta. Iso é para min o éxito.

E hai unha parte vocacional. Igual que a min non me atraen as matemáticas e podería ser un crack se me poño, pero como non sinto interese por iso, é moi difícil chegar a ser un gran matemático. O que me pasa a min coas matemáticas pásalle a moita xente coa pintura. O gratificante é cando ti podes traballar e dedicarte ao que che gusta. Iso é para min o éxito. Que guste máis ou que guste menos… xa da máis igual. Cada quen ten que facer o que lle guste.

 

TG: Mais nas escolas non se valora esta parte creativa, non só a pintura senón outra artes como música que está apartada totalmente, incluso historia da arte…

L.L.: Si, menos mal que quedan profesores polo medio que digamos que fan de defensores, que fan un traballo por riba do que terían que facer e fan horas e horas fóra do curso escolar e que… bueno, eu teño casos de que me chaman de escolas de que están facendo un traballo e vese que botaron alí horas, que ían polas tardes… Pero hai de todo.

 

TG: E normalmente os que chaman son da zona?

L.L.: Teño ido a Pontevedra e a outras ciudades, pero non acostumo ir moito porque se vou váiseme a mañá e aínda que me gusta non teño moito tempo para facelo. Fun aquí a Pontedeume por exemplo e tíñanme toda unha festa preparada, cun poema que me fixo Séchu Sende e que cada neno recitaba un verso, ían vestidos de pintores, cada neno dunha cor… cousas así moi gratificantes.

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: E hai algún rapaz por aí que seguira pintando?

L.L.: Algún hai, pero non demasiados. Non é unha cousa que haxa moita xente que se dedique a pintar… nin que o intente. En cada clase parece que hai un ou dous, pero…

 

TG: Porque non é algo que se fomente moito, non? Normalmente non se ten en conta como unha profesión potencial para gañar a vida…

L.L.: Si, non só é que non se fomenta… moitas veces os mestres tampouco saben, son todos doutras especialidades. Eu teño pasado mañás enteiras en escolas e pasar por alí tódolos alumnos do centro. Eu vou explicando como se fai un cadro, paso a paso: o bosquexo e tal, e os profes quedan flipados co tema do bosquexo porque non tiñan ni idea, non todos, pero é o máis básico e facéndoo así calquer persoa fará o traballo máis fácilmente. Collo a pizarra, divido en partes, vou marcando onde van as figuras… algo tan básico como iso e moito do profesorado nunca aplicou ese método e facilita todo moitísimo… O de debuxar é unha cousa como que está aí… que a quen se lle dea ben pois ben, pero senón…

 

TG: Pensas que se deixou de valorar a pintura como disciplina?

L.L.: Penso que si que se valora. Cando as cousas chegan si que se valora. Hai contos por exemplo que son un éxito absoluto porque as ilustracións son tan boas que non poden pasar desapercibidas do bo traballo que se fixo. Hai outras que son máis do montón, pero hai libros que son obras mestras e que seguirán aí anos e anos.

Como o “Onde viven os monstros”, que non sei cantos anos ten… e segue sendo un éxito, as ilustracións son unha pasada. Tamén están Benjamin Lecombe ou Rébecca Dautremer… con estilos similares, pero fan uns traballos que claro… ves estes libros e… E co formato así grande, é unha pasada. E eses libros son éxito absoluto. Fixéronse axendas e todo tipo de merchandising arredor deses traballos. Ou Paula Bonet, que ten un éxito… E ves o seu traballo e igual non reparas moito, pero velo e… Bueno, hai camisetas con debuxos dela…. Usa sobre todo branco e negro e engade alguna cor, como o vermello. Tamén fai murais e é unha pasada.

portada-donde-viven-monstruos-talento-galego

Esa é unha ilustradora que influenciou moito a outros, que a copian moitísimo, pero ese é o estilo dela. Non sei se inspirou en alguén, como todo o mundo, pero o traballo dela ten moitísimo éxito, dalle o seu toque diferente. Tamén me gusta moito Marina Anaya (irmá de Elena Anaya, a actriz). Hai tanta cousa que por exemplo miras no Instagram e aparecen centos que dis “buah, este tipo é unha pasada” e ven outro e tamén… Eu non uso moito Instagram, pero gústame mirar o que hai. Tamén me gusta unha ilustradora que é rusa que se chama Anna Silivonchik a descubrín e vin que temos cousas en común

 

TG: E antes das redes como se contactaba cos clientes?
L.L.: Facendo expos en todos sitios cantos había, cafeterías ou que fixera falta. As redes están aí e son unha ferramenta, pero moita xente ven por aquí a ver os encargos ou o que teño. Eu ía co esta antiga rede social… Ibas coas fotos pegadas (saca un caderno con fotos dos cadros) e o mostrabas para organizar unha exposición. Teño exposto en sitios moi variados. Algunha galería e tamén cafeterías e de todo. Nun bar mítico de Ferrol que se chama Café da Vaca Un fin de ano daquelas cando aínda se podía fumar nos bares e quedoulle o cheirume impregnado aos cadros durante vinte anos, hahaha. Son cadros todo terreo.

 

TG: E tes un representante que che busque esas cousiñas? Pregunto sen coñecer o sector…

L.L.: Non, nunca tiven. Parece que fai todo menos persoal… Podo ser un desastre pero son como son. Nas galerías teño levado eu todo. Daquela tiña un R4 e teño ido cargado de cadros para Ourense… Eu son de pasear corredoira para arriba e corredoira para abaixo, en sitios moi variados. Eses que están aí (sinala) leveinos a Ortigueira no festival, a unha expo enorme onde está o teatro. Outros foron a Pontedeume… A moitos sitios.

Leandor Lamas - Talento Galego

Leandor Lamas – Talento Galego

Agora a través das redes chega o primeiro contacto. Logo imos por outras vías. Si que para chegar á xente é moi práctico, porque se eu fago este cadro e non o poño en ningún lado cando o leven os que o encargaron non o ve ninguén maís… salvo as persoas que van á súa casa.

Ao non facer exposicións, que si que o vería a xente que fose alí… Algún día non estaría mal xuntalos todos nun sitio (senón todos, moitos) coa súa historia ao lado… nun sitio grande. Iso estaría bonito… Están desperdigados por moitos lados, pero xuntalos así durante un mes e poñerlles as historias ao lado e que vaian os representados no cadro 😀 Ao redor dos cadros hai historias moi chulas.

Hai cadros que fixen para vodas e que xa se separaron, algún que ía ser para invitación da voda e non chegaron a casar, algún que pintei e que non tiñan fillos e despois houbo que incorporalos… moitas historias así. Un dos primeiros que fixen de encargos foi para unha parella que tiñan daquela un fillo e despois tiveron outro e fixemos outro cadro.

Chámame moita xente á que eu tamén admiro, a verdade. Xabier Díaz, Guadi Galego… gústame moito que a eles tamén lles guste o que fago eu porque é como unha cousa mutua.

 

TG: Da a sensación de que che gusta o coantacto coa xente, que eres un tipo extrovertido

L.L.: É que como che dicía dame a sensación moitas veces de que de ter oportunidade de coñecer un pouco máis á xente que contacta comigo, podía andar por aí de viños con ela, e esa sensación para min é moi gratificante. Non mo encarga un señor que é cliente do casino de Ferrol… Que podería perfectamente, pero creo que non é ese o meu público. Non é o habitual.

Dame a sensación moitas veces de que de ter oportunidade de coñecer un pouco máis á xente que contacta comigo, podía andar por aí de viños con ela, e esa sensación para min é moi gratificante

TG: Dalle un consello a un rapaz ou rapaza que quere adicarse á ilustración ou pintura.

L.L.: É difícil aconsellar. Traballar hai que traballar moito… Son incontables as horas que levo dando pinceladas, se poño unha diante de outra chega a China…hahaha. Hai que currar moito e explorar, buscar o mellor de ti mesmo e mostralo. A técnica é fundamental, pero hai que buscar algo orixinal, buscarse a un mesmo no traballo. E ter a sorte de que iso guste, que xa é outra historia, igual lle gusta a un mesmo pero ao público non…

Leandor Lamas - Talento Galego

TG: Dime algo do que estás persoalmente moi orgulloso do que teñas feito na túa carreira. Que penses: que gran sorte poder ter feito isto!

Traballar con el foi para min o máis importante, polo que siginifica Neira Vilas para a nosa cultura

Ilustrar un libro de Neira Vilas. Nunca na miña vida se me pasara pola cabeza facelo e foi moi, moi gratificante. Igual non foi o traballo mellor feito, igual teño algún cadro máis bonito, pero digamos que foi unha das cousas máis bonitas que me pasaron. Tiven a sorte de coñecelo, non en profundidade, non cheguei a ter esa sorte, pero si coñecelo, saber que el foi quen quixo que o ilustrase eu… e é moi gratificante. Estar con el e ver que unha persoa con tanto talento e con tanta historia e con esa lucidez con eses anos… Foi… buf. Eu lémbrome de Memorias dun neno labrego, que me impactara moito, eu era pequeno… e que cos anos coñecera a esa persoa foi moi emotivo. Do primeiro, de O Xardín de Irene fixemos xuntos a presentación en Santiago. Traballar con el foi para min o máis importante, polo que siginifica Neira Vilas para a nosa cultura. E este libro, Cantarolas, editado por Kalandraka chegoulle á casa, igual que a min, un xoves. E o venres pola mañá morreu. Eu estaba aquí, escoitando a radio, e Kiko Novoa anunciou: “Última hora, morreu Xosé Neira Vilas” e quedei… foi… Dixéronme desde Kalandraka que si que recibira o libro e o vira, e que o tiña enriba da mesa…

Leandro Lamas está en Facebook e en Instagram.

Leandor Lamas - Talento Galego

 

 

 

Leave a Reply

*