Federico Pérez: «A cultura e as manifestacións artísticas fan máis libre ao ser humano»

Federico Pérez (Alemaña, 1976) é un actor coñecido e querido en toda Galicia, especialmente polo seus papeis nas series da TVG Padre Casares e o seu Moncho de Era Visto. Participou en Libro de Familia, O show dos Tonechos, Mareas Vivas ou Air Galicia.

Tamén fixo películas de cine e ten algún papel en series de canles nacionais, como o seu doutor na recente serie Tiempos de Guerra, que emite Antena3.

Ademais, Federico, artista inquedo por natureza, fai teatro (ultimamente seguro que o viches nalgunha cidade galega con Get Back), humor negro con Curtis e Teixeiro e ata ten un dúo musical con Marcos Pereiro. Un home culto e curioso, coa súa propia forma de ver a vida e o humor.

Sempre quixeches se actor ou foi unha casualidade que xurdiu despois de estudar a carreira?

Eu nunca fun un neno como outra moita xente que ten claro o que queren ser, que queren ser científicos, astronautas ou médicos… Pero a min sempre me gustou e sempre fun moi paiaso, no bo sentido da palabra (que é o que eu creo que ten, aínda que ás veces se utilice como insulto). Sempre fun moi paiaso, moi exhibicionista… Nas distancias curtas son tímido, pero gústame moito a exhibición e disfrazarme, facer paiasadas, son bastante clown nese sentido. Miña nai sempre mo di “Ti sempre facías moita paiasada”.

No cole estaba no teatro e todo canto aparecía e se organizaba sempre me gustaba, sempre me apetecía e nunca me botaba para atrás. E gustoume tamén sempre moito a música.

Meu pai era, que xa está xubilado, pintor de bocha gorda e eu con 5 ou 6 anos collía os caldeiros da pintura e as tapas, os paus… e facía baterías. E aínda llo recordo a miña nai e digo “se vos fixarades naquela ansia miña de tocar a batería ao mellor hoxe estaba por aí tocando nun grupo” Pero sempre me gustou a creatividade, inventar cousas, imitar voces, personaxes…. O que pasa que nesas idades, nesa etapa na que empezas a ser consciente das cousas e dos gustos, entre os 6 e os 16 máis ou menos, gústache e fas cousas pero non pensas “eu quero ser actor”. Eu non o pensei, a lo menos.

Acabando o instituto, coñecín a un tipo de Vigo que foi profesor meu de historia, que lle chamaban “O Indio”, Ricardo, que tiña un grupo de teatro el e máis outro (non me lembro do nome) e que me marcou moito. Tiñamos así moi bo rollo e en COU en díxenlle “marcho para Santiago” e preguntoume “A facer que?”, “Non o sei, vou para Santiago porque estou máis cerca da casa” E díxome: “Pois moi ben, a universidade está moi ben, pero aproveita e aprende sobre todo da vida, aprende pola rúa, sal moito, anda por aí e coñece xente, que é a mellor aprendizaxe que levas da vida”.

Como o teatro me gustaba moito e el facía teatro, fíxenlle bastante caso. Apunteime a cousas, a cursos, e cheguei a Santiago. Como a miña nota non era moi alá e sempre me gustaron os idiomas e a fonética das linguas, cheguei aquí e (aínda me acordo do día que vin a Santiago a facer a matrícula) viña sen saber onde me ía meter, porque tamén me gustaba a historia e tamén a xeografía… pero miña nai, que viña comigo, comentou que historia xa a fixera a miña irmá e non lle valera para moito, haha… e dixen “Mamá, agáradézoche moito ese comentario tan exhaustivo e científico que me das de que non vale para nada a historia”, pero entón decidín facer filoloxía… E dime miña nai “Iso para que vale”, pois eu sempre que me preguntaban, especialmente a miña avoa… “Para que estudas filliño?” Eu sempre lle dicía, “Para mestre avoa, para mestre”. Porque efectivamente, en filoloxía ou te especializas en algo e investigas ou vas para a docencia.

Matriculeime en filoloxía galega, que era o primeiro ano no que se dividía galego-portugués e que pasou a ser Filoloxía Galega e Filoloxía Portuguesa. Eu fun a primeira promoción de só galego. E empecei aí.

O tema da interpretación funo aparcando, pero á vez, apunteime á aula de teatro da universidade, fun facendo probas e chamáranme para unha montaxe, pero ao final xa non sei por que non a puidera facer. Acabei filoloxía e unha amiga de Mazaricos de toda a vida, que estaba traballando de asesora lingüística en Mareas Vivas, díxome que facía falta unha persoa para botar unha man co tema ese, pola especificidade da Costa da Morte, co seseo e a gheada, e que ademais de ter acabado a carreira eu son da zona.

Había dúas unidades de gravación, ela estaba nunha e facía falta outra persoa para a outra. E eu encantado! Pensei “Vou pagando, case!” E así empecei, en Mareas Vivas, co tema do acento, da língua.

A formación actoral máis grande que teño, aparte dalgúns cursos pequenos e obradoiros que fun facendo, é coñecer a Miguel de Lira, a Carlos Blanco, a Luís Tosar, a Isabel Blanco… a todos os que pasaron por Mareas Vivas.

Eu tiven a sorte de traballar con eles, porque o asesor lingüístico dunha serie está nas mesas italianas, por exemplo… agora menos, porque agora como hai menos orzamento, vanse cargando figuras que para min son fundamentais e importantísimas nun país no que o galego é unha lingua que está nunha situación bastante débil. Paréceme realmente inxusto e realmente unha putada que non se lle dea máis importancia … entón cando faciamos mesas italianas (que quere dicir que antes de cada secuencia repasas o texto) e aí botaba unha man co tema do idioma, á vez que me valía a min tamén para aprender daqueles grandes actores.

Aprendes dun, doutro… e empezaba a meter baza no lado máis interpretativo ou actoral e aprendín moito e claro… o de sempre… este rollo tan galego de “Xa que estás…” E xa que estaba e seguía sendo como son eu, moi clown, moi paiaso, en secuencias nas que ás veces facía falta alguén (e isto non é moi loable a nivel profesional) empecei a aparecer.

Non me pagaban nin nada. Hoxe en día penso, e son dos que o digo, que cada profesión hai que respectala, hai moita xente que o loitou detrás para que haxa uns dereitos e un convenio e penso que todo se ten que pagar. Pero a min valeume para ir metendo a cabeza pouco a pouco.

Á vez, tamén me gustou sempre escribir, que son bastante creativo.  O equipo de guión tamén me fixo probas e escribín algún guión, ademais de facer así algunha aparición diante da cámara.

Despois pasei directamente a Terra de Miranda. E así fun pasando. Pasei como asesor lingüístico e guionista, pero tamén fixen algo de actor.

Pouco a pouco xa fun tendo relación con xente que estaba en guión, que estaba en dirección e que me dicían “Por que non das o salto?” E o tema disto non é dar o salto… porque ti dalo, pero se non hai quen che ofreza a oportunidade ou quen te contrate, por moito salto que ti queiras dar… A min gustábame, pero…

E pouco a pouco a xente foi confiando en min. Fun facendo outras cousas, de guión sobre todo, pero que me permitían tamén ir aparecendo, e aí xa si que era remunerado e profesional: en Máxima Audiencia, programas de scketch e despois xa chegou a época de Air Galicia, xa cos Zopilotes, cos creadores de Era Visto posteriormente, que foron os que máis confiaron na miña bis cómica e ese foi o salto definitivo a facer máis traballo de actor e ir, non deixando, porque nunca deixas de ser lingüista nin guionista, pero si aparcando máis esas facetas.

 

 

En definitiva, tes unha preferencia pola actuación por riba do guión

Si, eu o prefiro, pero os monólogos que fago eu só ou o que fago con Touri por exemplo, con Pepo, con Marcos, un grupiño que traballamos moito xuntos, aí a metade das cousas son nosas, de colleita propia, entón nunca deixas de ser guionista. Pero si que me fun decantando máis polo outro lado, aínda que como comentei non só depende de que ti te decantes, tes que querer e ter a oportunidade…

 

…E facelo ben

Efectivamente, hai sorte tamén, pero tes que encaixar e gustar dalgunha forma para ir tendo oportunidades.

Despois veu Padre Casares, outra grande oportunidade. E como na vida, vas coñecendo xente que di “ti podes encaixarme para isto ou isto outro” e aí estamos.

A parte cómica está un pouco máis afianzada, seguimos aprendendo, facendo cousas para aprender máis, facendo cursos e agora é o risco de… Dicíame Carlos Sedes, director de Padre Casares, que traballou tamén en Velvet, en Bajo Sospecha… dicíame “tes que ter coidado de non encasillarte”. E eu díxenlle “Home, eu non me quero encasillar, pero moitas veces encasíllante, porque solo chaman para certas cousas”. Eu considérome un actor que creo que podo facer as cousas que me pidan. Igual polo meu físico ou forma de interpretar podo encaixar mellor para algo en concreto, pero a min se me chaman para un papel dramático penso que o podo defender perfectamente. Non é so que eu me encasille ou acomode a certos papeis. Se me chaman para facer dun psicólogo que é unha persoa concienzuda, un maníaco… pois tamén o podo facer. É so cuestión de traballo, de coñecer as armas e de explorar os límites. Ata onde podo chegar eu? Aí é onde vén a parte pola que a min tamén me gusta facer cursos e prepararme, porque un, ao non ter unha formación específica actoral, ten que intentar facer cousas que te leven a dar todo o que podes dar.

 

Pero ti xa estás facendo teatro, máis alá dos monólogos e das comedias

Si, fixen personaxes non de humor, pero a tendencia é a encasillar. A dicir, “estes son actores cómicos e só valen para iso”. Hai moita tendencia a iso neste país, en Galicia, e xa che chaman “actor de comedia”.

 

Será que a tele pesa moito?

Si, está Moncho de Era Visto entón… moitas veces téñenme dito que non me chamaron porque pensan que só estou na tele. Pero non é asi, estou máis na tele, pero se me chaman e me propoñen outras cousas e me apetecen e podo… pois ao mellor vou de cabeza. Pero eu penso que o interesante é facer cousas que queiras facer, comedia ou drama. E bueno, hasta estes días. Con Curtis e Teixeiro e outras cousas.

A min o que non me gusta é estar esperando a que me chamen. Gústame intentar facer cousas. Eu teño a sorte de que estou na tele e é unha plataforma para chegar a outras cousas, pero procuro darlle voltas á cabeza e pensar monólogos, facer cousas con compañeiros, ir dous ou tres… disfrutar con máis xente no escenario. Cando nos xuntamos os catro é moi gozoso e moi satisfactorio, pero por compromisos duns e doutros… e porque tampouco está fácil hoxe e día montar espectáculos e que chos compren e que sexa facil vender… pero a min gústame pensar cousas, crealas e probar.

 

Tamén tiveches a oportunidade de probar no cine

Si, con Encallados, Os Fenómenos (ambas de Zarauza)… En cine tamén tiven a sorte de facer un pequeno papeliño en Mar Adentro.

Foi a época na que estaba de asesor lingüístico de Bardem e de Lola Dueñas, porque ao ser una peli ambientada en Galicia chamáronme. Luis Tosar coñecíame e Bardem e Tosar eran colegas e pediume se podía axudar co tema dos acentos. E cando estabamos traballando, sabendo que eu xa estaba pasándome ao outro lado, o día que fallou unha persoa xa me puxeron a min, de conductor da ambulancia. E fíxeno. E foi o primeiro que fixen en cine. Moi pequeno, pero está aí.

Despois fixen tamén 18 comidas, de Jorge Coira, Retornos, con Luis Avilés e as máis recentes con Zarauza. Encallados moi unha cousa moi curiosa. Foi ó principio unha TV movie, de baixo presuposto, sobre o Prestige. Fíxose con moi pouco tempo, pero eu estou moi orgulloso dela. Como se xestou todo, o proceso, estou moi contento e o resultado é moi bo. O que pasa que non había pasta para facela e menos para distribuila e pasou moi desapercibida.

Xuntáronse estres tres personaxes (Zarauza e os Zopilotes) a  pensar, con pouco tempo, e a peli acaba sendo sobre a dificultade de tres tipos para facer unha peli. É metacine. Unha peli feita en dez días, unha peli de baixísimo coste, na que todos fomos productores, pero moi satisfactoria. Foi todo moi experimental e eu estou moi contento. Despois xa veu Os Fenómenos, unha película con algo de presuposto e máis estándar. E moi ben! Esas son as miñas incursións no cine.

 

E entre tele, teatro e cine, tes algunha preferencia?

Todas. A min gústame interpretar, ser outras persoas, ser actor, meterme en líos… que é o que máis me gusta de ser actor. Meterme en líos e non saber moi ben quen eres nin o que vas facer. A min un amigo, que xa considero amigo, que me ensinou moitas cosas e que traballa moito a interpretación e o traballo do actor para chegar a un resultado final satisfactorio, da posta en escena…. dime “Eu aproveito moito o feito de non saber o que vou facer. Ese conflicto, ese nerviosismo, axúdanme moito a interpretar” Por exemplo, se interpreto a un médico nun hospital de campaña nunha guerra… ao mellor o temor de non saber moi ben como facelo intento metelo no personaxe, ese nervio, esa dúbida, axúdame moito a crear o personaxe

E pregúntanme moitas veces como creo as personaxes. E moitas veces non sabes como facelo. Eu non son un tipo metódico, guíome moito polo instinto, porque penso que é algo do que podo fiarme. Eu crieime nun bar. Meus pais tiñan un bar e aprendín moito da vida de xente moi sabia, da sabedoria popular. Gústame moito ver, escoitar… iso dache moita escola. Cando te enfrentas a un guión pensas “como se parece esta personaxe a fulanito…” E aproveitas iso. O mesmo cun conflicto, por exemplo. Para min é bo ser unha esponxa e todo iso procuro metelo nos personaxes que fago.

Entón se me dis cine, tele ou teatro… todo é ser outras vidas. O teatro ten o punto máis complexo, de que tes ese período de ensaios, que a tele e o cine de hoxe en día non che dan. Se hai máis presuposto igual tes lago máis de tempo para preparalo, pero ao mellor en pre-producción tes tres días ou catro nos que traballas co director, fas unha proposta, se ensaia algo igual con máis xente… pero é pouco tempo. A tele é así, hai un periodo moi curto de creación.

No teatro tes máis tempo para explorar, para pensar, para darlle voltas, levas unha proposta e o director despois te orienta, ou é el o que fai a proposta e chegas a un punto de encontro… o teatro ten esa parte máis espaciada no tempo que che da marxe para probar máis cousas. Despois o bo do teatro é que cada función é diferente. É coma os monólogos ou cando facemos Curtis e Teixeiro, que cada día é diferente e asegúroche que cada día máis.

Nese formato está moi ben o rollo de sorprender ao outro, non? Que non sabes con que che vai saír o compañeiro e hai moita improvisación.

No teatro cada día e diferente porque un nunca é o mesmo. Por moi actor que sexas e moito guión que teñas igual nese día pasouche unha cousa ou recibiches unha mala noticia e intentas que non che afecte, pero iso está aí. Ao mellor ese día sáeche dunha forma ou doutra. Pero ser actor é iso, xestionar paixóns, emocións, sentimentos. Intentar que Federico canalice todo iso e o leve á personaxe que estás interpretando. É o bonito disto, o que apaixona. Que dis “hoxe é diferente”. E na tele tamén, porque vas un día e outro… pero pode ser que o vaias mecanizando máis. Tes unha cámara diante e se tes un pequeno erro podes cortar e facer outra, e nese sentido mecanízase máis, pero non che sei dicir que prefiro. Son tres manifestacións diferentes.

É como a música. A min gústame moito a música, que non canto nin nada, pero eu axúdome moito da música para preparar cousas e canto moito na casa. Iso dame moita soltura.

Parece que son as formas de expresión o que che atrae

Si, desde pequeno. Gustábame moito debuxar e hoxe en día non, pero hai algo que está aí, coma un nexo. Que tes algo que che apetece sacar fóra dalgunha forma… como escribir un poema. Se che apetece contalo, cóntalo, como sexa. Mellor ou peor, pero sácalo para fóra.

 

E en que momento te deche de conta de que eras popular, coñecido na rúa?

Cando vas pola rúa e ves que xente mira. Non no teu pobo, senón en lugares nos que non estás normalmente, que ves que a xente mira ou che di algo… ou miran e rin.

Con Josito de Padre Casares foi moi evidente, porque era moi popular. Air Galicia era máis gamberrete. Con Josito as señoras me falaban…

Recordo que un día aquí en Santiago no Mesón do Pulpo, estaba comendo cuns colegas, que viñamos de xogar unha pachanga de fútbol sala, e unha señora colleume así pola cara (xesticula) “Aaaai Josito non te deixes liar polo alcalde, non sexas parvo….” E eu… bueno…. Gajes del oficio. Máis que a popularidade ou fama penso que trascende a familiaridade. Para moita xente, especialmente a xente maior, eres como una especie de mascota… un máis da familia! Non es un personaxe televisivo. Con esa señora era unha confianza de… bueno, aproveito xa que te teño diante para dicirche que non te deixes liar polo alcalde que está facendo de ti un pandeiro.

Nesa época foi a máis evidente. Xente que lle gustaría falarche e non o fai por respeto, hai xente máis descarada…

Un día incluso, con isto de Padre Casares, na praza de Galicia aquí en Santiago un tipo cuspiume… Ostia, tío, que pasa? “Ti e máis o alcalde representades o caciquismo máis….” Digo “Tío, non me cuspas. Eu interpreto un papel, eu non estou dacordo coas cousas que fan, representamos unha figura… Dimo, pero non me cuspas”.

Pero polo xeral a xente é moi respetuosa. Pode ser que ás cinco da mañá algún solte algún improperio, pero forma parte deste negocio. Como torees a situación xa depende de ti. Podes non frecuentar según que sitios, pero eu procuro facer a miña vida normal. A presión que poida ter eu tampouco é tanta.

Eu estou moi cómodo facendo iso, quero facelo, pero considero que podemos facer moitas máis cousas

Todo isto ten relación con tema do encasillamiento que comentabamos antes. Cando a xente espera algo moi concreto de ti e non llo das, choca. Ou incluso decepciona e non gusta. Pode ser difícil saír de aí. E quen contrata, aínda que non te encasille el ou ela en concreto, pode sentir ese reparo de pensar que o público pode estar esperando outra cousa…

Si, por suposto. De Touri poden esperar o que fai en LandRober, de Marcos a Kevin José… Algunha vez pasou que me contrataron dun sitio e te atopas con un cartel que pon Federico Pérez en pequeno e “Moncho, de Era Visto!” en grande. Porque ao mellor a xente lle pediu así, dixo “Oes, tes que traer a este”, e despois cando chegas aí, poste a falar de Breogán ou de Jesús na cruz e claro… pensan “O Josito falando de María Magdalena” indignados. Eu que sei…

Forma parte tamén dunha cultura televisiva que hai en Galicia moi subsidiaria da TVG, con contidos moi populares, moi orientados a iso, a un humor máis branco, co que a xente se identifica, e eu tamén me identifico, por iso o fago. Sería necio e absurdo pola miña parte dicir que fago unha cousa coa que non estou cómodo. Eu estou moi cómodo facendo iso, quero facelo, pero considero que podemos facer moitas máis cousas. Por iso eu máis Touri nos aventuramos niso, porque é unha forma de dicir: Facemos máis cousas!

Despois está facer que a xente vaia aos teatros e aos auditorios, que tampouco a cultura teatral en Galicia, por moito que nos empeñemos, está moi alá.

Hai que facer de todo. Sendo un pouco crítico co a nosa profesión, moita xente criticou cando fixemos por exemplo O florido pénsil con comentarios de tipo “Xa están os da tele facendo teatro”, ou cando Touri, David Amor e Ledicia Sola fixeron Amigos ata a morte, enchendo teatros e quedando xente fóra, como xa nos pasara  a nós co Florido. E cal é o problema de que a xente da tele faga teatro, cal é? O tema é que a xente vaia ao teatro e colla o hábito de ir ao teatro e vexa de todo no teatro.

Isto non é Madrid, a nosa tradición ven de onde ven, desafortunadamente, porque aquí o franquismo foi parte dos séculos escuros galegos. Aquí, grazas a xente como Manolo Lourenzo, como Vidal Bolaño e outra xente, empezamos… Hai que facer de todo pero o primeiro é ter o hábito de ir ao teatro, que paguen por ir ao teatro. Ofrecerlles de todo, teatro experimental e cada un que faga o teatro que queira, que non é mellor nin peor un teatro que outro. O teatro máis “puro”, o máis clásico está ben, pero o outro teatro é  igual de bo, de válido e lícito.

Está claro que alguén sen formación ve un cadro de Van Gogh e di “Posi mira ti, unha silla mal pintada…” E se lle explicas como foi a vida dese señor, como foi a súa infancia, como era a súa psicoloxía, igual o entende mellor… A educación é moi importante. E neste país, a educación non está tendo en conta ás artes. O público está afeito a ver unha cousa ou a ver outra. Témonos que afacer a todo. Forma parte dese espectro de educarnos, de ver moitas cousas. Despois elixes e poderás valorar cando un monólogo é  máis teatral ou cando ves algo distinto. É outra forma de ver o talento de Touri, de Marcos, de Pepo ou de Miguel de Lira.

Chévere arrasou con Eroski Paraíso e teñen arrasado con moitas outras cousas. Son Premio Nacional de Teatro. Eles, pola súa liña de traballo son máis experimentais, un teatro máis social no sentido de explorar cousas. Un proceso de creación que non é coller un texto cerrado e interpretalo. Gústalles traballar máis experimentalmente, escoller un tema e explorar, facer traballo de campo… Pero siguen tendo esa parte popular. Eroski Paraíso é arrancar nas raices do pobo, darlle un traballo social e acabar no pobo.

Eu creo que a cuestión é facer moitas cousas, facer cousas diferentes, que a xente se afaga. Despois cada un que elixa o que queira ver.

O tema é que a xente vaia ao teatro e colla o hábito de ir ao teatro

Puristas hainos en todos os sectores, na música, no cine… Existe unha “división” dos actores? Están os do teatro, os do cine, os de tele…

Si, pero ao final ves xente que fixo máis teatro pero que tamén fai tele e ninguén lle pregunta que por que ocupa o lugar doutra xente… Non, somos actores. E nun país coma este… que se por exemplo, eres un actor inglés, un país de longa tradición teatral… E moitas veces, para cambiar de tele a teatro e de teatro a tele, non se trata de querer, trátase de poder. Fas o cambio porque podes.

 

 

A nivel internacional hai moitos exemplos de carreiras que cambian de rumbo. Un tipo como Mathew MacConaughey, que pasou de facer películas de calidade cuestionable a facer unha interpretación inesquecible en True Detective, e o que veu despois…

Efectivamente. E que pasa, que antes era tonto ou mal actor? Pois se na vida che presentan oportunidades así, falas. En primeiro lugar, penso que cada un ten que facer o que queira. Despois tamén depende das oportunidades ás que teñas acceso ou que ti vaias adquirindo un certo nivel no que poidas escoller. Ou de producilos ti, como Mathew McConaughey neste caso, que diría, mira, agora quero facer isto. Que non quere dicir que o outro non quixera facelo… hai moito nisto de aparentar… de dicir, “eu iso non o fago”, e ao final ti es un intérprete e estás interpretando cousas…

Que o que hai que educarse un mesmo e educar ao público para apreciar todas as formas de arte.

Cantos máis libros leas, máis películas vexas, canto máis vaias ao teatro, terás a mente máis aberta e serás menos prexuicioso, tes menos preconceptos e serás menos racista… serás unha persoa mellor e máis aberta

O teatro, a música e a danza están totalmente desaparecidas dos curriculos académicos. E mesmo no teu caso, que mostrabas inquedanzas intepretativas ou artísticas, ninguén che propuxo ou sinalou que estudaras teatro ou ser actor, porque non se ve (ou vía) como unha profesión de verdade. E aínda hoxe. Os estudantes que din na casa que se van matricular na ESAD Galicia, poñamos por caso, aínda dan un desgusto

Segue sendo difícil, seguimos tendo ese rol dos titiriteiros, de bueno… Pero a min dame igual, nese sentido. Dame igual que non me tomen en serio, que eu me río moito de min mesmo. Agora, penso que hai que respectar as inquietudes e as profesións de cada un e paréceme tan loable unha cousa como a outra. Iso si, se o mundo fose un pouco máis xusto, Cristiano Ronaldo non cobraría cen millóns de euros e un cirurxán, que está operando a vida ou morte, non cobraría tres mil euros ao mes.

Eu reclamo dignidade para os actores e as actrices, pero non para que cobren un pastizal, senón para que teñan a posibilidade de vivir diso dignamente e para seguir tendo o papel que lle corresponde. Non é por darse importancia, senón por deixar claro que creo que a cultura e as manifestacións artísticas fan máis libre ao ser humano. Cantos máis libros leas, máis películas vexas, canto máis vaias ao teatro, terás a mente máis aberta e serás menos prexuicioso, tes menos preconceptos e serás menos racista… serás unha persoa mellor e máis aberta.

Os actores e actrices, ao igual que o médico ten a función de operar, temos a función de crear e interpertar cousas para que a xente as poida ver e poida ter un espírito máis crítico, rindo e chorando á vez. Rirnos de todo. A min encántame rirme de todo, por iso fago os espectáculos que fago.

Non sexamos… non nos poñamos barreiras. Non tapemos os ollos. Non digamos de que podemos rirnos e de que non. Non por rirte do holocausto xustificas o que se fixo, ao contrario, para que non volva a acontecer hai que poder rirse da cousas.

 

 

Así é, con ese pensamento, como vos decidides a montar un espectáculo como Curtis e Teixeiro

Si. Por explorar os límites do humor, por ver ata onde se pode chegar. De que cousas podes falar. E para facer ver que podemos facer máis cousas, non só humor branco ou o humor da tele. E nos atopamos con Prieto, que está moito na nosa liña e nos botou unha man con iso. En vez de facer monólogos por separado, decidimos facelo xuntos, porque ademais nos mola ir aos sitios xuntos e tomar algo por aí. Curtis e Teixeiro é un compendio de cousas, pero artística e tematicamente aparece porque cremos que nos podemos rir de todo, ou case todo.

 

E os textos, aparte da improvisación, de quen son?

É consensuado con Prieto. Deulle a forma final a ideas e un texto que tiñanos. Pero é moi sui generis de nolos dous.

 

Ides modificando algo? É dicir, se algo funciona nun sitio ides un pouco máis lonxe no seguinte? Como experimentades?

Pois vai mutando. Polo día a día, pola política, por exemplo a parte dos partidos políticos cambiaba cada semana. Cambia segundo o sitio… e non é o mesmo, aínda que nós non o facemos, non pensamos se é unha zona máis rural ou máis urbana, que poden ter outras referencias. Cambiámolo en todas partes, segundo a reacción que vai tendo o público. E ao mellor tras varias funcións, en vez de cortarse e evitar algo, dilo doutro xeito. Pero si que modificas. Iso forma parte do actor e actriz, que ten que estar aberto e disponible a esas cousas e ao que poida pasar.

Imaxina que estás nun sitio e alguén che di “Terrorista!” Tes que saír diso, tes que contestar… “Terrorista, si, de sete a dez, despois son fraile” ou eu que sei. Tes que saír.

Houbo algunha función en concreto na que detectarades malas reaccións?

Si, houbo. Pero mira, sempre acabas reconciliándote un pouco con esa xente co sketch final, o de Tejero. Porque é un rollo máis… máis de sketch de andar por casa. Touri ten un papel de señora… aí acábaste reconciliando un pouco, que che din “bueno, menos mal que aí ao final…” Pero si, houbo sitios nos que notabas que a xente marchaba. Un sitio no que a concelleira de cultura chamou a Ainé para queixarse pola parte do cura… Non pola política nin familia real, que non lle molesta a ninguén nos tempos que corren. Pero isto é así.

Cando faciamos Florido Pénsil, que faciamos de nenos que ían á escola no franquismo, houbo xente que o vivía con saudade, pero para ben. outra xente para mal… “Eu vivín iso e…” Hai de todo. Na sociedade hai de todo. E iso é o bo, que haxa de todo. Que a xente saia pensando nalgo e que ti xeres reaccións. Que removas algo. Ou que rían!

Curtis e Teixeiro é un compendio de cousas, pero artística e tematicamente aparece porque cremos que nos podemos rir de todo, ou case todo.

 

E comparando iso co humor da tele. Hai autocensura ou hai cometarios e suxerencias para que sexa todo máis branco?

Por parte da tele e das productoras? Está aí. Eu dígolles sempre, e o falo moito con Touri disto, que nós mesmos nos poñemos moita censura. Pero temos que probalo e que nos digan que non. Probémolo, por que non? E o temos feito, por exemplo en Era Visto, ou Marcos e Touri. En Era Visto hai moita cousa aí metida e nunca tivemos problemas, nunca pasou nada.

Eu penso que hai que deixarse levar, sen entrar no insulto ou na crítica directa, claro. Hai que intentar despertar as reaccións “ostras, dixo isto ou o outro!”. Vacilar a Feijóo non é meterse con el (refírese á súa presencia no LandRober da CRTVG). Esas cousas están ben. Eu faría outras cousas, aproveitando que estaba el alí, pero iso está ben. E descoñezo como se pactan ese tipo de programas, nin me importa. Procuro non saber. Non quero que se hipoteque o meu traballo. Procuro facelo o mellor posible, meter cousas de colleita propia. Penso que debemos aspirar a poder falar un pouco de todo na tele.

 

E cal é a túa percepción? Imos avanzando?

Vanse facendo cousas, novas, diferentes. Algunha cousa con máis crítica e trasfondo. Vaise compaxinando humor de diferentes tipos. O tempo nos dirá se imos cambiando ou non. Eu loito para que nunha televisión pública teñan cabida todo tipo de manifestacións.

No teu caso, que es un actor coñecido, que se posiciona incluso políticamente de forma aberta e pública, pensas que iso te pode perxudicar ou condicionar nalgún sentido? Porque noutros países é máis normal ver a actores apoiando partidos ou candidatos, pero non aquí.

É que falamos de latitudes completamente diferentes. Físicas, sociais e políticas. Ao mellor xente que se posiciona fóra ten outro peso específico dentro do seu país. Teñen capacidade de decisión en productoras ou en canais. Non é o meu caso. E fágoo como Federico Pérez e máis que posicionarme, emito a miña opinión como persoa. Son un tipo galego, nacionalista e considero que non teño que escondelo. Nunca penso se iso me reporta algo, algo positivo ou negativo, que perxudique ao meu traballo. Se o pensara non o faría, penso eu.

Ás veces dinme na casa “coidado co que escribes”… pero é que eu son así e o meu humor é así. Eu exprésome soltando burradas ás veces, ou falando de Marcial Dorado e Feijóo no Twitter. E é que se alguén o fixo e non se cortou en facelo, por que me vou cortar eu en facer un chiste sobre iso? Non preguntaron se podían facelo e eu non teño que pedir permiso a ninguén para facer o chiste. E repito, non entro no insulto. Podo comentar un “que sorte que un narco che bote crema nun barco, quen me dera a min…” Eu que sei, é así. Ás veces penso que lle damos demasiada importancia a pensar de qué se pode e de qué non se pode falar ou ás formas… Hai que ser máis abertos, máis críticos, hai que rirse de todo. Sería unha sociedade moito máis sá.

Si que me teñen tentado a ir en listas. Eu son de Mazaricos e me din “Se te presentas a alcalde de Mazaricos gañas” E eu digo “E que?”

Eu loito para que nunha televisión pública teñan cabida todo tipo de manifestacións.

E nunca entrache nunha lista? Porque lembro verte nalgún folleto…

Non. Si que estaba no papel, pero era un folleto. Saía xente máis ou menos coñecida, e estaba eu e estaba Isa Risco, que ela si que ía na lista pola Coruña, pero eu non. Eu só aportei un texto, cómico (unha parte do monólogo Ración de Breogán) pero ao final saiu con outro texto e asociouse con que ía nesa lista.

Eu non teño problema en facer cousas, en colaborar e así o fago. Ir en listas non. Pero porque a miña ideoloxía e a miña forma de estar na vida é que, sen ser nacionalista furibundo, penso que a mellor forma de acender o teu entorno é que o faga a xente que vive no teu nel. Nese sentido, comulgaba máis con esa parte máis galeguista do PP, aqueles Cuíña e Baltar… A parte caciquil non me gusta, claro, pero si a de mirar polos veciños dun. Enténdeme, eu estou a anos luz da súa forma de ver a vida, non son conservador, pero vexo a Feijoo ou a Xesús Vázquez, alcalde de Ourense e parece que lles importa tres pitos Galicia. E non só polo idioma, que xa demostra moito… E o propio Rajoy, que non se molestou en falar en galego nin cando veu aquí. Fraga díxolle: casa e aprende galego. Casar casou, pero gallego no aprendió. E non é so aprendelo. Eu falo coa xente de aquí, escoito. Esa parte do ti a ti…

Non teño problema e falar de todo isto, non penso que me vaia afectar. Creo que non temos que calar as cousas. Tampouco temos que estar no Facebook todo o día dicindo “Eu son disto ou do outro”… sen exhibicionismo. Agora, se me piden que colabore o fago. Porque se hai posibilidade que teñamos representación en Madrid, eu quero que a haxa.

 

Volvendo falar de interpretación e do sector… Hai oportunidades para todos? É dicir, se unha persoa che conta que se quere dedicar a isto, pode ter traballar saíndo da nada?

Aínda hai pouco saían uns datos sobre a porcentaxe de actores que traballan a miúdo e eran un 4%, entre o 8 e o 10% traballan ás veces e as pasan putas para vivir e o outro 85% ou 90% nada… que hai moita xente? Tamén no sector da construcción. E mariñeiros. En todas as profesións hai moita xente. Cada un chora polo seu e dóelle o seu… pero a xente que lle gusta e tal eu anímoos e que o fagan igualmente.

Eu teño dúas fillas e vounas animar sempre a que fagan o que queiran. As posibilidades de traballar despois? Pois mira, eu sen formación nisto tiven sorte. Eu son moi futbolero, acórdome de Guardiola dicindo que el traballaba moito toda a semana para que os seus xogadores fixeran as cousas como el quería e que o facían ben, e que tiña a sorte de ter a Messi e compañía… agora, a sorte non sei que porcentaxe ten, pero está aí. E nós considero que temos sorte tamén. Eu considérome un tipo moooi afortunado e con moita sorte de ter estado aí no momento oportuno. Evidentemente, algo tiven que facer ben para que se fixaran en min. Hai que traballar, formarse, crer nun mesmo… pero esa compoñente de estar no momento xusto no lugar adecuado é sorte, como todo na vida. Chámalle destino ou como queiras. As cousas pasan e xa está. Ás veces tes sorte e cadra todo. A xente preparada debería ter máis oportunidades, nisto e noutras ramas e profesións… Mira os científicos e tal, cantos tiveron que marchar… pero a nosa profesión é un pouco máis artística e xoga un papel máis grande esa compoñente persoal, intuitiva… claro, que canto máis te formes, mellor, pero tamén é unha profesión moi emocional, dun mesmo, de vocación… entón xa che digo que a compoñente sorte é fundamental. No meu caso estou moi agradecido non sei a quen… e a moita xente que me deu oportunidades. Estou moi agradecido.

Cando teñas netos, se os tes, ou cando as túas nenas sexan máis maiorciñas, que escollerías contarlles como algo do que estás moi orgulloso. Algo que teñas dentro, que penses, “que ben que fixen isto, que tiven esta oportunidade”, ou algo que teñas no corazón que che faga sentir orgulloso e feliz

En primeiro lugar, e sei que é moi tópico e xenérico, é falarlles da sorte de poder facer o que me gusta. É algo que seguramente nin sequera teño que transmitirlles con palabras. Elas xa o ven. Dalgunha forma iso transmítese cos feitos máis que con palabras.

O que máis orgulloso estou é que elas vexan que estou orgulloso do meu traballo e poderlles transmitir esa parte de creatividade. Elas que fagan o que queiran, evidentemente, pero eu póñolles música, facemos teatro entre nós, imitacións, lévoas a ver pelis, teatro contacontos… Intento transmitirlles todo iso. Que o día de mañán elas vexan que tiveron a oportunidade de facer iso. Porque creo que hai nenos e nenas con esa parte artística máis desenvolvida, mente máis aberta…

Estou orgullosísimo e agradecido de que a vida me dera a oportunidade de facer a miña primeira obra de teatro con Morris e con Pico, que desafortunadamente xa morreu. Xente que o foi e o é todo no teatro galego. E emociónome aínda ao falar deles. Porque eu estaba cos ollos abertos, cos oidos limpos… Estou orgullosísimo e diréillelo. Bueno, xa saben porque temos un cartel na casa e fálolles do tema.

Tamén de poder, máis recentemente, toparme con Marcos, con Touri, con Pepo… cunha serie de xente ue facemos unha piña moi grande e que non agardamos que veña o traballo a nós senón que creamos cousas e nos apetece facer cousas xuntos. Moi orgulloso diso. E orgulloso de poder traballar no lugar do que ti es e que a xente che vaia ver, pero non por vaidade, senón poder facer cousas e que a xente poida ir ver cousas, cantas máis mellor. Este orgullo si que llo quero transmitir.

 

Leave a Reply

*