TalentoGalego_LaBocoque

La Böcöque: «Fainos sentir moi orgullosas facer o noso traballo aquí, en Cangas, en Galicia»

La Böcöque é una marca de moda feminina. Nacida e criada a medias entre Moaña e Cangas, medra cada ano un chisquiño. Máis lenta que as grandes marcas pero segura, chega cada vez a máis mulleres que buscan roupa de calidade, elegante e sobre todo diferente, con personalidade propia.

Con tenda online e tenda física en Cangas (Pontevedra), La Bocoque vende prendas por todo o mundo e cada vez é máis habitual ver ás celebrities na televisión vestir as súas prendas, en programas diarios ou en galas nocturnas.

La Böcöque son Sara Álvarez e Olalla Casas. Falamos con elas de cómo crearon La Böcöque e o seu día a día.

TalentoGalego_LaBocoqueLogoTalentoGalego_LaBocoque_1

 

Talento Galego: Que é La Böcöque (e por certo, como se le?)

Olalla: Pronúnciase tal cal a ves escrita. Somos unha marca de roupa sustentable que deseña, fai patróns, corta e confecciona todo aquí, tentando contar con provedores o máis próximos posibles.

TG.- Tamén as teas, os tecidos?

Sara: Iso é o máis difícil. Somos sustentables no que é o proceso, pero aínda en materiais non podemos aseguralo ao 100%. Non é como ter un selo Organic Cotton. Os mínimos para unha marca coma a nosa son inasumibles, porque hai que facer a lo menos 100 pezas iguais por cor. Nós facemos pouco máis de vinte pezas en distintas cores en seis meses. Non vendemos tanto e ademais queremos que as prendas sexan diferentes.

Olalla: Atopar as teas sempre é o máis difícil. Tentamos que sexa provedor nacional sempre e gustaríanos dar o paso, pero para optimizar agora mesmo non podemos aspirar a ese tipo de tecidos. Si que tratamos de mercalos sempre a provedores españois, en Barcelona, en Valencia…

En Galicia temos Latitude, pero a nós non nos saen as contas. Nós compramos como moito 25 metros de cada tea. Necesitamos moitos tipos de tecido porque tamén tratamos de facer coleccións ricas, tanto en texturas coma en estampados e iso non nos permite comprar grandes cantidades, como poden facelo outro tipo de marcas. Facemos unhas poucas de cada e se se nos acaba a tea, buscamos outra e cambiamos, non podemos facelo todo igual. O noso é diferente.

Necesitamos moitos tipos de tecido porque tratamos de facer coleccións ricas en texturas e en estampados e iso non nos permite comprar grandes cantidades

Sara: Iso nos diferencia e en parte nos limita, igual que non podemos dar un salto a un taller grande en Galicia porque a nosa produción é moi pequena. Non podemos comprar tecidos por xunto porque aínda non abarcamos tanto. Nun futuro, quizais.

Olalla: Nós imos paso a paso. [As dúas sorrín]

 

TG: Cal foi a semente de La Böcöque, como empezou todo?

Olalla: Empezamos facendo accesorios, porque era o que tiñamos máis a man, con materiais máis fáciles de manexar e coa inspiración que sempre tivemos, un rollo así naif, romántico, campestre… Logo foron os bolsos, facendo patróns sinxelos. Logo estudamos patronaxe e empezamos coas coleccións de roupa e aos poucos fomos evolucionando dentro dunha mesma fonte de inspiración.

Sara: Unha cousa foinos levando a outra. As primeiras coleccións tiñan 8 modelos como moito, na última son vintesete. E a verdade é que non nos plantexamos subir a moito máis.

O gran salto vai ser deixar de producir sobre pronto moda (porque o facemos na tempada xusta, non imos por diante. A nosa idea é o próximo inverno sacar inverno e verán do mesmo ano, para ter máis marxe de manobra e estar máis relaxadas.

Olalla: Si, é que o noso proceso de traballo empeza co deseño e os patróns e os prototipos, pero cando tes que escalar, sacar todas as tallas (facemos 5), leva moitísimo tempo. Logo está o corte, que é moito traballo e moito tempo aínda que non o pareza.

Sara: Neste punto, se nos chega un pedido de tenda é xenial pero tamén é morrer, porque temos que facelo todo nós, sen mandalo a ningún taller. Por iso a nosa idea é sacar as dúas temporadas o ano que vén para ter unha marxe de seis meses e poder recibir pedidos e responder con tempo. Se chegas tarde as tendas xa compraron todo.

O gran salto vai ser deixar de producir sobre pronto moda

TG: E todo isto aprendéstelo vós soas? Como traballan as tendas, as tempadas, os ritmos…

Sara: Si. Empezamos coas feiras e nesa época fóronnos saíndo as primeiras tendas e foi cando empezamos a ver un pouco como funcionaba.

Depois da etapa dos complementos fómonos estudar moda a Allariz. Cando empezamos eu estudaba Publicidade e Olalla estudaba Belas Artes. Viviamos xuntas e a verdade é que nos asociamos de forma natural. Vendiamos artesanía e se había vacacións de Nadal nós faciamos feiras. Eran épocas moi boas, vendíase todo! Estabamos a estudar e tiñamos esa afección común. Faciamos o que podiamos e solucionabámonos a nosa vida. Antes era máis fácil, antes da crise.

Con artesanía fixemos feiras fóra de España e aprendemos como funciona unha marca, e fomos aprendendo todo sobre a marcha.

Naquela época estudar moda en Galicia era case inviable. Agora coa ESDEMGA hai máis posibilidades, pero antes a alternativa era ir a unha escola de corte e confección.

 

TG: E a parte de aprender a levar un negocio?

Olalla: Ui, aínda nos falta moito para aprender a levar un negocio. Ademais agora mesmo compaxinando tenda con taller é máis difícil. Ao principio pensaba, “fas a produción e o que sobra valo vendendo”. Pero de súpeto entra xente con certas necesidades e ti quéreslles dar respostas. Traballas e buscas solución.

Sara: A contabilidade lévanola unha xestoría, é o único que se fai fóra. E a xestionar aínda estamos a aprender. A relación coas tendas, por experiencia, si que a temos máis clara, aínda que tampouco temos un comercial, que vaia ensinando a colección. Agora mesmo é inviable, porque non podemos mandar o da primavera na primavera. O labor comercial ten que ser moito antes.

 

TG: E nestes momentos, onde hai tendas que vendan as vosas pezas?

Sara: Chegamos a ter máis de 30 tendas cos nosos bolsos e complementos, pero coa roupa baixou a cifra… e tamén coa crise.

Olalla: Moitas das tendas ás que vendíamos pecharon coa crise. Directamente. Entón quedámonos nun punto difícil. Agora xurdiron novas tendas, pero a xente é moi reticente a comprar a primeira vista e máis por internet, que é como vendemos nós. Queren ver os vestidos, ver as pezas, tocalas, ver os acabados, se están ben… E é máis difícil. Si que hai certos puntos de venda cos que seguimos traballando, pero claro, a cousa cambiou un pouco.

Sara: Antes só eramos marca e dependiamos das tendas, agora temos tamén a nosa propia tenda. Se nos piden información mandámola e se nos sae un pedido é ben recibido, pero estamos centradas en subsistir aquí ben e ter certa tranquilidade.

Olalla: Queremos ter a nosa tenda variada.

Imaxe promocional da exitosa obra "Amitos ata a morte", con Ledicia Sola vestida de La Böcöque, tamén na xira.

Imaxe promocional da exitosa obra «Amitos ata a morte», con Ledicia Sola vestida de La Böcöque, tamén na xira.

TG: E que tal funcionan as vendas por internet? Estades facendo envíos fóra de España?

Sara: Si, a Estados Unidos e a Europa (Bélxica, Suíza, Francia, Suecia ou Alemaña), pedidos que veñen sobre todo cando as nosas pezas saen nalgún blog de moda potente

 

TG: Polo tema das blogueiras quería precisamente preguntarvos. De verdade teñen tanto poder? Moven tanto? (merecen todo o que cobran?)

Olalla: Realmente nós non pagamos ás blogueiras coas que colaboramos, facémolo a modo de intercambio e a nós vainos xenial, porque é unha visibilidade que non teriamos doutra maneira. Por exemplo, a nós énos moi difícil chegar a Barcelona e se unha bloguera pon un vestido dános moita difusión e notámolo nas vendas.

Sara: É verdade que non con todas suben as vendas, pero cando ves as súas estatísticas asustan. Hai picos de visitas na tenda. Pero depende moito dos anos que leven elas, porque os seguidores son moi fieis e agora hai moito onde elixir. E si que funciona. O ano pasado por exemplo unha bloqueira con moitísimos seguidores sacou unha peza, unha camisola e esgotamos a tea.

 

TG: Vós lles facedes chegar a peza.

Sara: Mandamos a cada unha as pezas que pensamos que lle poden gustar e temos relación con elas, porque as coñecemos por diferentes vías. Tratamos de manter unha relación estreita, non meramente comercial.

Olalla: Ás veces algunha blogueira interésanos porque nos gusta o seu estilo ou o seu estilo de vida (e non só polos seus seguidores) e contactamos con ela, para chegar ao seu público aínda que non nos xere vendas, porque o que queremos é crear unha imaxe e que se nos identifique cun determinado estilo. Nós contactamos e se nos din que lles gustan as pezas, mandámosllas. É así de fácil.

A pagar aínda non chegamos. Probamos unha vez e non foi boa experiencia. Pero chegáronnos a pedir moitos cartos. Algunha mándanche directamente a táboa de tarifas e teñen representantes ou axencias que lles levan estes temas.

Sara: É unha profesión nova, que xurdiu da nada! Nós coas que máis relación temos é porque estaban aí de antes do boom. Conseguimos ter unha relación con elas. Algunhas mesmo compraron as nosas pezas sen nós saber que eran blogueiras. Abriuse unha nova vía e é moi cómodo, porque no propio post sáeche a ligazón á tenda. É tan directo! Non é como un anuncio doutro tipo, non tes que acordarte ao chegar a casa. A compra por impulso funciona moi ben, está todo moi propicio para iso.

Nós mpezamos antes da crise, nunha época de bonanza económica (…) pero chegou a crise e foi todo morte e destrución

TG: Sabedes cantas prendas levades fabricadas?

As dúas: Non!

Sara: Comezamos a facer inventario do que producimos cando abrimos a tenda, pero non temos datos anteriores. O noso máximo de prendas producidas foron algo máis de cincuenta nun mes.

Olalla: E ao seguinte mes resulta que sacas 19 e te preguntas, que pasou? (as dúas rin)

 

TG: Todos os negocios teñen subidas e baixadas.

Olalla: O que nos pasou é que empezamos antes da crise, nunha época moi fácil e de bonanza económica, na que viaxamos a outros países, iamos a moitas feiras, vendíase fácilmente… pero chegou a crise e foi todo morte e destrución. Acabáronse as feiras, acabáronse as tendas e acabouse todo. E houbo que reconverterse.

Sara: O cambio máis grande foi que antes nos centrabamos en atender a tendas e cando pecharon todas pasamos a tratar de chegar directamente ao cliente vendendo por internet, porque toda a estructura de tendas pechou e as que quedaron só queren vender unha serie de marcas grandes e estables. Realmente quedan tres marcas (que todo o mundo coñece) que están en todas as tendas e en todos os pobos e entrar coa túa marca máis pequena, cun proxecto tan persoal é moi difícil. En consecuencia, decidimos centrarnos no cliente final.

 

TG: E cando abristes a tenda, por que vos decidistes por Cangas?

Olalla: O que nos pasou foi que atopamos este baixo, que é enorme e permítenos ter tenda e taller. Fixemos algunha reforma, pero o que nos motivou foi atopar o local perfecto.

O que está moi ben é que Cangas ten un circuíto de comercio local moi definido, a xente callejea moito, non é perezosa á hora de moverse, gústalle mirar e é curiosa, non lle importa vir ver o que temos, tocar, interacturar, preguntarche e coñecer. Iso é moi propicio para montar un negocio.

Sara: Antes había unha barreira, estabamos nunha entreplanta e agora ao estar a pé de rúa esa barreira desaparece. Nunca pensamos en ir a Vigo, nin a outra cidade grande porque están xa colapsadas polas cadeas, os centros comerciais.

Moita xente nos dicía “abride en Vigo que hai máis xente!”, pero en realidade se te vas Vigo vaste limitar á xente dunha rúa, porque se van ao centro comercial. Hai dinámicas moi difíciles de romper.

Olalla: A nós en realidade gústanos estar aquí, crear algo local e contribuír a que os pobos non queden nunha morea de baixos sen alugar. Todo baleiro.

gústanos estar aquí, crear algo local e contribuír a que os pobos non queden nunha morea de baixos sen alugar (…) E percibimos que hai ganas de cousas diferentes

Sara: Tamén nos influíu que antes de abrir fixeramos un mercado no Lolo’s (enlace) e a xente viña encantada, viron algo novo e viñeron encantados. Vimos que había ganas de ver cousas diferentes. Iso deunos boas sensacións.

Olalla: Aquí é todo moi positivo. Quedan contentos e vén outra persoa á que lle recomendaron a tenda as amigas. O boca a boca inflúe de maneira moi positiva.

Sara: De cara a apertura, tiñamos pensado facer máis publicidade, flyers… e ao final non nos deu tempo, pero a xente veu igual. E vai aumentando de maneira natural, a través dun proceso que un llo conta a outro.

Olalla: O mesmo pásanos coas noivas, que queren levar algo diferente e unhas recoméndanllo a outras.

Sara: O primeiro cando nolo pediron [un vestido de noiva] foi como “Mimadriña!” Pero a esa clienta fixerámoslle xa vestidos, era unha moza que se fixo vestidos de invitada e agora o que quería tampouco era un vestido de noiva ao uso, senón dúas pezas, saia e vestido. Fixemos ese e moi ben. Logo Olalla fixo o dunha amiga, de noiva noiva, con encaixes e todo o que levan os vestidos de noiva. E entón saíron máis.

Olalla: O dos vestidos de noiva é un traballo moi chulo, unha peza moi especial á que a noiva lle dá moita importancia. É verdade que nos leva máis tempo do que poderiamos investir, é un proceso moi longo con moitos retoques. Pero é bonito e moi agradecido. Cando ves á noiva é xenial. E é un traballo a medias con outra persoa, ela achega as súas ideas, ti as túas… É un departamento que para La Böcöque está aínda en proceso. Temos que facer que sexa rendible.

 

TG: Algunha vez, nun mal momento, pensastes en buscar traballo noutra empresa de moda, pensastes “ata aquí chegamos”?

Olalla: Moitas veces! Porque ás veces pasas épocas malas. E dis, podería deixar de tratar de crear algo e porme a traballar como todo o mundo! Pero sería o fácil.

Sara: Chega un punto en que estás tan implicado que chegas a pensar que é un erro. Porque te entregas e dálo todo e implicas tamén á túa familia, porque un autónomo moitas veces non pode subsistir por si mesmo e vivir feliz. As condicións en España non son moi propicias a non ser que factures moitos miles de euros. Para conseguir un salario que se achegue aos mil euros todos os meses hai que facturar moito, moito.

Olalla: E hai meses que se che xunta todo! Meses malos de entretempo, coma este ano, que tiñamos a roupa de verán pero facía frío e a xente non compraba e chéganche os impostos… É moi difícil e quen estea nesa situación compréndeo.

Sara: Dáche rabia moitas veces. E antes de pór a tenda foi un punto de inflexión. Dixemos: ou arriscamos ou pechamos.

antes de pór a tenda foi un punto de inflexión. Dixemos: ou arriscamos ou pechamos

TG: E decidistes arriscar

Sara: É que atopamos este local! E estamos moi contentas, máis que antes.

Olalla: E buscando sempre maneiras de mellorar! Mellorar a produción, a rede de distribución…

Sara: Foi un gran cambio. Estabamos soas traballando no taller, sen practicamente contacto exterior. Cos clientes aliméntaste das súas ideas, danche pistas do que queren.

Olalla: Si, ves cousas. Por exemplo, antes faciamos os vestidos moi cortiños e o noso público non os leva tan curtos. O noso público son mulleres a partir de vintetantos, moitas teñen fillos e móvense moito, mulleres que traballan… Adaptas o teu estilo ás necesidades.

Sara: Outra cousa que nos pasaba era que se tiñas un día malo no taller comíalo ti soa. Aquí pode pasar que teñas un día malo e de súpeto entre alguén na tenda e che diga: “Todo é xenial, gústame todo!” e pensas “Que guay!” E alégrache o día.

Olalla: Aquí vén xente marabillosa. Mira, hai pouco veu unha moza que nos dixo “Veño desde Marín e quero comprar e quero comprar do voso, porque estou cansa do de sempre. Quero roupa deseñada e feita aquí” Un público así de receptivo é xenial.

Sara: Tamén nos pasou con vendas online, de facer o envío e recibir emails marabillosos de “Encántame a roupa! É xenial!” E claro, tamén hai casos contrarios, claro, pero polo xeral non nos pasa. O cambio a tenda foi bo en todos os aspectos. Incluso o sicolóxico, sobre todo o sicolóxico. E tes unha visión máis ampla. Todo positivo.

 

TG: Hai moitas marcas como vós en Galicia?

Sara: En xeral están máis centradas en festa.

Olalla: Hai un pouco de todo, vese movemento, a xente quere crear algo desde aquí a pequena escala e o público está receptivo.

Sara: E tamén notas que van crecendo! Yin Larouge, por exemplo. Está nun punto no que nos encantaría estar nós. Outras mozas fan festa… Hai moitas iniciativas.

A nós o que nos “retrasa” é que non temos costureiras externas, facemos todo aquí. Houbo un momento no que tivemos, pero a experiencia foi moi mala. Non atopamos un taller que cumprise prazos, que mandase a roupa en boas condicións e se fixese con agarimo.

É unha pena o que pasou en Galicia. Había unha rede enorme, pero centráronse en Inditex e desatenderon ás outras marcas. Despois Inditex levouse todo e esa rede, toda a estructura de talleres desapareceu, tiveron que pechar.

Agora hai algunha cooperativa, pero é moi difícil atopalos. Algúns que funcionan non poden coller máis produción porque son catro traballadores e non poden contratar a máis. Hai outros que son enormes, pero a eses unha marca pequena non ten acceso.

Gustaríanos escoller un, e pronto! Pero ese salto é moi complicado.

Olalla: É que nós nos autofinanciamos, nin bancos nin familia e tes que asumir que os teus avances, os teus pasos, son máis curtos que os doutras empresas que poden abarcar máis.

E nós non damos abasto! Facía frío pero de súpeto chegou a calor e veu todo o mundo á vez, tamén buscando vestidos de festa. Se tivésemos adiantada a produción poderiamos responder a toda esa demanda. É frustrante.

Sara: Ao final te ves limitado pola falta de financiamento.

Olalla: As axudas públicas están máis orientadas ao I+D+i.

 

TG: E pola vía da artesanía, non atopades máis apoio público?

Olalla: Antes eramos consideradas artesanía e si que atopabamos algún apoio. Empezamos como artesáns e seguimos sendo artesáns, porque todo é feito a man e aquí pero despois eliminaron o epígrafe de costureiros e deixamos de lado ese mundo.

Sara: Temos a carta de artesáns, para o ganchillo e calceta. Pero temos que centrarnos no noso proxecto e non queremos que nos etiqueten.

En Galicia a artesanía é un concepto moi marcado, cerámica, coiro… Nós tivemos moitas dificultades para que nos desen postos en feiras de artesanía en Galicia cando fóra si que nolos daban, porque non eras o tradicional, así que ao final o tema da artesanía xogou contra nós.

Olalla: Aquí a palabra artesán está asociada só a certos oficios e non se soubo adaptar aos cambios.

Sara: Hai moito deseño en Galicia boísimo e ninguén o considera artesanía só polos materiais que utilizan, pero as técnicas son máis artesás que as dun xoieiro, que utiliza máquinas.

Olalla: En París tiñan unha sección de artesáns de Francia e era impresionante. Alí a palabra artesanía ten un valor enorme e había xoiaría pero tamén roupa, mobles…

Sara: En Galicia non saes do sota, cabalo, rei e nós non nos enmarcamos en algo tan pechado. Eles son outro sector.

Ao principio axudábache para ir a feiras, subvencionábanche unha porcentaxe da caseta. Algunha vez fomos pagando o 100% nós e era moi pouco rendible. Ao noso lado estaban as grandes marcas con stands enormes e preciosos. Coa artesanía estaba ben porque ía por bloques e levábanche as cousas. Iso todo desapareceu, a crise comeuno todo.

As feiras de aquí perderon moito, porque son moi moi caras e quedan os de sempre, os máis grandes. Vaise deslucindo todo e deprimíndose.

No Feito a Man hai non tantos anos había colas! E agora pasas de longo porque sempre é o mesmo, a mesma xente de sempre co tipo de produtos de sempre. Dáche pena porque fóra de España é outro mundo.

Olalla: E iso que aquí hai canteira de moitísimas disciplinas, pero non está representada.

hai canteira de moitísimas disciplinas, pero non está representada nos eventos

Sara: Este ano fomos ao showroom do Mercadot de Vigo e era xenial. Un edificio antigo con diferentes zonas e quedou pequeno. Veu moitísima xente, dabas unha volta e había cousas incribles, non só roupa. Mobles, cerámica, complementos, lentes… marcas pequenas e de artesanía de vangarda. Daba gusto. Dá moita pena que todo iso non poida ir adiante, pois atópanse coas mesmas dificultades que nós.

Dá a sensación de que non hai creatividade, de que non se evolucionou, pero hai moitas cousas innovadoras. Pero os de sempre parecen estar moi acomodados e de aí non os moves. Coa xente da artesanía tivemos moitas conversas nese sentido. Si é verdade que nos sentimos máis apoiadas pola Fundación de Artesanía de Galicia, que teñen unha revisa, investigan, descobren proxectos novos… porque ten unha parte pública e a xente que traballa alí está súper implicada, nótase. Non teñen intereses persoais, teñen interese en mostrar o bo de Galicia, que existen creadores.

En canto a téxtil, en Portugal están á vangarda, por diante de nós.

queremos que La Bocoque creza aquí

TG: Se viaxamos no tempo e vos atopades falando cos vosos netos, que cousa lle contariades deste proxecto da que esteades máis orgullosas a nivel persoal.

Olalla: Esa é unha pregunta para pensar un intre, pero eu do que máis orgullosa me sinto é de estar a sobrevivir todo isto, sufrir as condicións que temos o autónomos e saír adiante. Ter o punto de mira cara adiante.

Sara: Si, para min tamén. Chegar a un punto no que vexo que é viable, teño algo ao que agarrarme. Levantarme cada día e dicir “vou loitar por isto”. O que che fai sentir mellor non é ver a esta ou a aquela co teu vestido nun súper evento, é ver que o teu proxecto, que a túa creación é unha realidade, que saíu de dentro de ti. Sentir que merece a pena vir todos os días.

Olalla: Si. A min persoalmente tamén me enche moito estar a facelo aquí. Podería ter marchado a facer entrevistas a Madrid ou Barcelona, cidades máis propicias para a moda, pero queremos que La Bocoque creza aquí. Levamos coa marca sete anos, pero a idea é máis antiga. Queremos vela medrar en Cangas, en Galicia.

E nós tamén! Moitas grazas rapazas por este ratiño tan agradable.

Máis cousiñas de La Böcöque:

Este é o blogue de La bocoque e esta é a súa tenda online.

Tamén están en Facebook, en Twitter, en Instagram e en Pinterest.

Tódalas imaxes da vista de Talento Galego nesta galería:

Leave a Reply

*