Bea Hervella: «O segredo de divertirte é saber doutras moitas cousas, para poder mesturalas e aplicalas no que fas»

Bea Hervella foi a muller do tempo da canle autonómica e converteuse nunha das caras máis populares de Galicia. Con todo, é moito máis que iso: física, meteoróloga, emprendedora, escritora… Unha muller excepcional, cunha carreira profesional tremendamente interesante e cunha visión da meteoroloxía e a divulgación científica do máis orixinal.

Estudaches a carreira de física, que che levou a escollela?

A min sempre me gustou todo, recoñezo que cando estudaba tamén. Enseguida me gustan as cousas e tiña claro que non me importaba facer calquera cousa excepto unha profesión biosanitaria, porque son moi aprensiva, esa era unha cuestión vital e non podía ser, pero do resto dábame igual… A decisión estivo máis ben condicionada polas miñas amigas, que se decidiron case todas elas a estudar física e eu con elas. Podía ser algo entre física e matemáticas, porque me parecía que non eran tan restritivas como outras opcións de ciencias. Parecíame que me ían a dar unha base, unha linguaxe para despois desenvolverme noutras cousas, non como unha enxeñaría, que me ía dar unha visión moito máis reducida, pero dábame un pouco igual. Mesmo se tivese que cambiar e facer xornalismo ou calquera outra cousa non me importaba. Foi, máis ben, unha cuestión de azar. Despois especialiceime en física de partículas porque tamén elas facían física de partículas, pero bueno… Isto si que me gustaba máis, porque como era a conexión coa parte máis teórica, máis de aprender unha linguaxe, empecei con física de partículas. No último ano da carreira tiñamos que escoller materias optativas e podían ser optativas que non eran da especialidade. Entón collín unha que se chamaba física de fluídos (que non tiña que ver coa especialidade de física teórica) que me gustou moitísimo e nela dábanse as bases, moi pouquiño, moi de lonxe, da meteoroloxía e entón dixen: “Esta é a miña”.

Ademais, como sacara boas notas pensei, vou tentar quedarme neste departamento para tratar de profundizar e facer unha tese. E perfecto, dixéronme que si, fixen a tesina e cando estaba a terminar a tesina (que xa a fixen cun modelo meteorolóxico) foi cando empezou a aparecer a idea no departamento de crear Meteogalicia.

Eramos moi pouquiños, eramos seis persoas máis ou menos, e digamos que con ese grupo, no que eu era a máis nova, a idea era crear Meteogalicia. Pola miña banda, díxenlles que si encantada, pero comenteille ao xefe de departamento que eu quería facer algo máis creativo, que despois de estar a estudar tanto tempo con cuestións teóricas e facer a tesina necesitaba facer algo creativo, que eu o quería facer era páxinas web, explorar outras opcións.

Necesitaba facer algo creativo, que eu o que quería facer era páxinas web, explorar outras opcións.

De que ano estamos a falar máis ou menos?

Estamos a falar do ano 2000.

Daquela facer páxinas web non era algo tan común como hoxe en día…

Seguro que me equivoco, pero as primeiras webs eu creo que eran do 97 ou 98… Eu aprendín de forma autosuficiente, perralleiro total…  estabamos outro compañeiro e eu… Porque Meteogalicia dividiuse, fixemos diferentes departamentos. Estaban os compañeiros que facían a predición operativa, os que traballabamos con parte da web e bases de datos e logo estaba toda a parte que levaba os modelos meteorolóxicos, etc.,  pero como eramos moi pouquiños todos tiñamos que saber de todo.

Eu seguía traballando con modelos meteorolóxicos, porque eu seguía coa miña investigación. Xa fixera a tesina pero quería facer a miña tese e estaba empezando a traballar nun proxecto que se chamaba Medex. Era para coordinar todos os centros meteorolóxicos no Mediterráneo, para predicir fenómenos adversos tipo gota fría ou medicane (Mediterranean Hurricane), que son como pequenos furacáns no Mediterráneo. De Galicia ía eu para alí, aínda que é un pouco raro porque eu era atlántica pero bueno…

A miña tese era sobre modelos meteorolóxicos por unha banda, e axudaba de cando en vez a facer previsión e seguía coas bases de datos, pero bo si que foi moi multidisciplinar en realidade… Digamos que ese é o meu patrón. Cando vexo atrás vexo como un patrón e é que non son capaz de traballar moito tempo seguido na mesma cousa (ou a vida levoume a iso) e traballei en moitas cousas distintas, tamén ao mesmo tempo. Porque a todo isto engadímoslle que arrincou Meteogalicia a finais do 2000, principios do 2001 e que ademais fose aquel ano que choveu tanto, tanto, tanto… Un temporal cada semana… e en xullo de 2001 foi cando chamou a Televisión de Galicia dicindo que quería facer un casting dentro de Meteogalicia para contratar a alguén para dar o tempo. Colléronnos a María Soto e a min.

Parece que non son capaz de traballar moito tempo seguido na mesma cousa e traballei en moitas cousas distintas, tamén ao mesmo tempo.

 

Escóllenvos porque vos presentades a ese casting, é dicir, ti decides ir…

Si, e querían facelo entre o persoal que había en Meteogalicia, querían a alguén de alí e quería a unha muller naquel momento. Aínda que os mozos tamén fixeron algúns a proba, eramos naquel momento catro mozas.

Ti non o pensas e lánzaste á tele 🙂

Si, dixen si, si vou, pero foi algo no que nunca na miña vida pensara. Eu traballaba en meteoroloxía, pero como sempre estás na universidade, alí no teu cubículo no teu centro meteorolóxico, non estás a pensar na televisión… Non sei, pero eu encantada. De feito estabamos un pouco fartos de falar na televisión, porque neses primeiros momentos si que viñan de cadeas nacionais. Naquel momento Aemet non facía declaracións, entón atoparon un filón aquí. Atoparon un centro meteorolóxico que lles falaba en calquera momento. Estabamos afeitos aos medios de comunicación. Cando fixemos a proba e colléronnos, empezamos a alternar Meteogalicia e Televisión de Galicia. Eu na Televisión de Galicia xa preparaba a previsión directamente e ademais presentaba o prognóstico e axudaba na redacción das noticias.

Chegou un momento en que era moito traballo, seis días á semana e descansaba só o luns e o luns eu non podía facer investigación, porque xa non me daba… Entón deixei un pouco de lado a partir de 2005 o concepto da tese, porque foi como “non podo máis”. A partir do 2006 xa foi practicamente todo Televisión de Galicia e foi ademais cando collemos todos os espazos do tempo practicamente, menos o da noite no que seguía Pemán, pero chegou un momento no que cubriamos todos os espazos.

Aos dous anos de entrar nós, collemos a Martín, para compensar porque eramos só María e máis eu. A partir do 2006 empezamos a traballar a xornada completa. E en 2012 chega o momento no que nos despiden da Televisión de Galicia e tamén de Meteogalicia…  Carlos e eu quedámonos na rúa e entón pensamos que podiamos montar un proxecto vinculado á meteoroloxía, pero estruturado de forma completamente distinta ao que estabamos afeitos a ver, polo menos en España ou en Galicia.

Nós tiñamos a experiencia do centro meteorolóxico e tiñamos a experiencia do medio de comunicación. Eu deime de conta de que en España non había empresas que unificasen esas dúas cousas (si noutros países como Estados Unidos), tentando ser prescriptores como os medios de comunicación e ser divulgadores, sendo ao mesmo tempo rigorosos e poder facer consultoría ambiental coma se foses un centro meteorolóxico… Entón dixemos “Imos facer algo así” e entón foi cando pensamos fundar 4Gotas. Eramos catro e organizamos toda esa estrutura de 4Gotas.

Eu tiña claro que non quería volver traballar no mesmo que levaba traballando tantos anos. O que quería era seguir vinculada á meteoroloxía pero darlle un aire distinto, porque senón para min non tiña ningún sentido.

E é que cando ti estás a traballar ben e de súpeto es despedida, pero non porque o fagas mal senón por outro tipo de cuestións que non veñen a conto, o que parece un pouco frustrante é que ti repitas e sigas facendo o mesmo… Entón eu si que o que tiña claro era que tiña que haber un xiro. Estivemos a preparar o proxecto durante practicamente un ano ou ano e pico.

Había cousas que tiña moi claro que quería levar a ese proxecto e que saíron adiante. Eu por exemplo tiña moi claro que quería facer Whatoweather, que é a aplicación que mestura meteoroloxía e moda, e tiña moi claro que quería facer un videoblog de divulgación. De feito, cando estabamos os catro reunidos neses primeiros meses (creo que empezamos a reunirnos en marzo ou en abril de 2012) e eu lles ensinei o primeiro videoblog aos outros tres compañeiros morrían coa risa… Ao final fíxenos noutro ton,  pero eu de feito quería ser un pouco máis extrema, quería facer algo de humor neses videoblogs para comentar a meteoroloxía. Quizais era un pouco arriscado e eles botáronme para atrás e bueno… hai algunhas cousas que se me quedaron no tinteiro.

Tamén quería sacar adiante cousas de biometeoroloxía, mesturar enfermidades con cuestións meteorolóxicas e máis ideas que despois apareceron… como “10segundos”, “A que praia”… Sacamos adiante moitas cousas, que para min si que eran como unha espiniña que eu tiña e que non podía sacar adiante porque estaba limitada tanto cando estaba Meteogalicia (porque non me deixaban desenvolver iso) como cando estaba na Televisión de Galicia, onde tampouco me daban moita cancha.

Tiña moi claro que quería facer Whatoweather

 

Pero cando chegades á tele e tiañdes esta posibilidade de dar o tempo, pasas por algunha etapa de formación, a nivel comunicación? Como te adaptas a este cambio, como foi o proceso? 

Foi un proceso difícil, a pesar de que xa tiñamos táboas porque xa pasaban moitas televisións facer entrevistas naquel momento, unha cousa é facer unha entrevista e explicar algo diante da cámara e outra moi diferente é asumir ese espazo, coa complexidade técnica que iso supón. Non é só porse diante da cámara, senón tamén é idear unha chea de cousas ás que non estabamos afeitos. E o proceso foi moi, moi, moi rápido desde que nos dixeron que nos collían ata que saímos en pantalla…. pasaron sete días.

Desde que nos dixeron que nos collían ata que saímos en pantalla…. pasaron sete días

Entendo que vós preparabades todo o que está detrás, todo o parte e toda a  previsión

Si, si. O problema engadido é que eu empecei traballando en fin de semana e en Meteogalicia non había previsión de fin de semana… durante a semana eles facían a previsión e vale, tiñas con quen comparar a túa previsión pero eu cheguei o sábado e o domingo… A do sábado estaba feita do venres, pero non tiña con quen comparar… estabas soa ante o perigo, facendo a previsión e aínda encima despois presentándoa… Entón tiñas moito respecto, foron días, meses de moitos nervios.

Sobre todo porque ensaiamos nos cinco días previos, fixemos probas cinco días e despois tocounos saír para adiante. Por suposto, a partir de aí si que tratamos de formarnos ao máximo, de feito temos un máster da Universidade de Santiago de Compostela para ser «experto en lingua oral para os medios de comunicación» da Facultade de Filoloxía. Despois fixemos formación, cursos de ortofonía, de dicción, de directos… Pero o primeiro momento foi practicamente a pelo.

Houbo alguén que vos botase unha man alí?

Bueno… (silencio) Ao comezo axudounos un pouco Pemán pero en canto se deu conta que el non ía ser o noso xefe deixou de facelo…Foron 5 días de ensaios cun equipo de grabación da galega encantadores pero digamos que comezamos prácticamente a pelo.

 

E na casa? Foi unha sorpresa? Sabía a familia que lles podía saír unha filla que acabaría na tele?

Para eles non foi unha sorpresa no sentido de que a min sempre me gustou o teatro, por exemplo. Fixen teatro no colexio e no instituto, no colexio levámonos algún premio… É dicir, sempre me gustou esa parte. E sempre houbo esa coña, de se Bea é súper expresiva, comunicativa… non foi unha sorpresa que eu terminase facendo algo vinculado a comunicación. Non tanto ao teatro, que iso é un exemplo, pero o que quero dicir é que aínda que era física eu xa sabía que tiña que terminar nalgún momento facendo algo de comunicación, porque era o que me pedía o corpo.

Sabía que tiña que terminar nalgún momento facendo algo de comunicación, porque era o que me pedía o corpo.

Normalmente non se adoita dar este perfil, que na mesma persoa esperte unha vocación científica e unha vocación tan comunicativa. Hai casos escasos e en mulleres menos aínda, que teñen moita menos visibilidade.

Xa, porque as mulleres nos autocensuramos en moitísimas cousas para non levarnos paus. Eu penso que no futuro a divulgación vai estar máis vinculada ás carreiras de ciencias, porque é algo que se vai a explotar e que vai levar a propia formación, que van ir as cousas por aí porque agora se trata de vender o que fas, os teus descubrimentos científicos… E para vendelo hai que divulgalo.

No meu caso, nalgún momento algo tiña que saír por aí. De feito polo medio, cando estaba en física, pensei en deixar a carreira para estudar algo tipo fotografa e tal, pero foi terrible porque na miña casa foi como… a ver, a moza que saca sobresaínte en todo vai deixar física para facer fotografía? Pero sempre tiven un pouco esa idea. Eu necesito contar as miñas cousas, con imaxes ou como sexa… Ou sexa, que non foi ningunha sorpresa.

 

E lembras algún momento especialmente glamuroso do teu paso pola tele?

Cando estás dentro descobres que as cousas non son moi glamurosas… Que son moi normais pero a ver, déixame pensar… Presentar os Mestre Mateo foi o máis. Pero despois tamén te dás de conta de que os actores como colectivo tamén son iguais que os meteorólogos e iguais que calquera outro profesional. En realidade un se afai a todo e non atopo a tele excesivamente glamurosa nese sentido.

 

E notaches a fama nesa época?

Si, si, si, un pouco agobio. Explícome. É un pouco máis para as mulleres, penso eu, porque te expós e ás mulleres é moi fácil xulgalas polo seu físico, independentemente do que fagan. Entón claro, saía á rúa e dicíanme “aaaay pero se es moito máis delgada do que parece na tele” ou “es máis baixa”… Sempre a mesma cantilena. Claro que despois che dicían: “Ai encántame o prognóstico” Pero iso era o de menos, o primeiro era o físico. Entón chegou un momento no que me angustiei un pouquiño porque pensaba “non podo saír de casa en chandal, terei que saír un pouco arreglada!” ou “Ai deus, non vou saír cos pelos sen arranxar!” Sempre estás tan xulgada… Entón si que ten un punto non gracioso, de presión.

As mulleres nos autocensuramos en moitísimas cousas para non levar paus

 

E notabas se a xente se enfadaba contigo cando fallaba o prognóstico?  Preguntábanche moito polo prognóstico na rúa?

Si, si, pero esa era parte final, pero xa como de broma. Non creas que iso pasaba moito. Co paso do tempo creo que xa se perdeu iso de que o meteorólogo nunca acerta… E tamén como nós nos queixamos cando vén mal tempo e sempre terminamos dicindo “oes, que eu tamén son de deus e eu tamén quero que faga bo tempo, que eu tamén quero ir á praia en semana santa, eu que culpa teño! Non matedes o mensaxeiro!” Creo que a mensaxe foi calando, non había moitas queixas nese sentido.  E por suposto se había un erro moi destacado non tiña problemas en recoñecelo. Lembro unha ou dúas veces nas que tiven que recoñecer a cámara que o prognóstico non saíra do todo ben, pero gústame explicar por que. Ás veces o modelo non tiña ben situada a borrasca e por tanto a evolución que nos daba non tiña nada que ver… e entón si saiamos, lamentando que non se acertase de todo. Forma parte do oficio e eu persoalmente prefiro dar a cara e non pasar por alto estas situacións.

Tamén hai que dicir que a día de hoxe saber se vai chover ao día seguinte ten un 90% de acerto, é dicir, que de dez veces acertas nove.

E lembras con agarimo ou nostalxia esa etapa ou estás en certo modo contenta de que pasase?

Unha cousa que teño é que ao principio se cadra non me apetece cambiar. Por exemplo, non quería subir á televisión e cando pasou o tempo en 2006 había que decidir se pasabamos a xornada completa.  Eu prefería quedarme en Meteogalicia, prefería non estar tan exposta e tal… pero eu son unha persoa que despois dun mes xa estou de novo feliz en calquera sitio. Despois paréceme o máis marabilloso do mundo o que estou a facer… Recordo con moitísimo agarimo toda esa época, sobre todo como sempre como pasa en todas partes, pola xente que coñeces, pola experiencia, etcétera, pero tampouco o boto de menos en exceso estou moi ben agora como estou.

 

E naceu aí a túa inquietude e o teu gusto pola moda? Porque ti es unha muller con moito estilo e creache unha aplicación relacionada con iso? Naceu dalgunha maneira con esa obriga que expuñas de ir sempre “divina de la muerte” ou xa estaba latente antes?

Fai xa bastante tempo compraba moito por internet e claro, había moita xente que me preguntaba pola miña roupa. Gustábame facelo porque me gustaba moito o estilo de Londres, que era máis rompedor, como máis kinky… estamos a falar xa de hai moitos anos. Hoxe en día estamos moito máis uniformados, pero no 2006 aínda non había unha opción dun estilo máis transgresor aquí. Eu púñame a miña roupa, un pouco máis diferente, e se cadra chegaba á tele e empezaban todos “Ai, que mono, encántame!” e tal e eu contáballes que o comprara por internet e tal. Entón igual chegaba un día e dicíanme que tiñan que ir algún evento, unha voda, un compromiso e pedíanme que lles buscase algo chulo por internet, nesas páxinas que eu vía… E ao mesmo tempo, como estaba a dar o tempo preguntábanme se tiñan que levar chaqueta… e eu pensaba “J***! xuntamos isto así nun momentiño! Esa mestura…” É certo que a min me gustaba a moda e todo coincidiu no momento perfecto, porque tamén lle gustaba a outra xente e o tema vaise retroalimentando, porque queren saber se teñen que levar algo de abrigo… E foi o xerme de Whatoweather.

A día de hoxe saber se vai chover ao día seguinte ten un 90% de acerto

 

Pero logo tardou un pouco en saír, cara ao 2013, non?

Si. Aínda que os meus compañeiros tamén crían na aplicación, cando fixemos a orde de prioridades non quedou moi alta, críase que había un risco. Decidiuse empezar pola web, o cal xa supuxo certo investimento. Entón foise atrasando, atrasando e eu estaba co corazón nun puño… en plan “Por deus, que non a saque ninguén antes!”

Entón chegou un momento no que dixen “Mozos, ou a sacamos ou me tiro pola ventá!” E ao final sacámola! 4Gotas empezou en 2013 e Whatoweather en 2014, un ano despois. No encontro de Divulgacción de xuño na Coruña foi a primeira vez que se falou dela, ata ese entón era todo segredo de sumario.

 

No caso da web e as apps, con ese carácter inquieto que tes, están feitas por ti directamente da túa man ou decidistes encargalo fóra?

Nós somos catro e foi un pouco entre todos, aínda que a programación a subcontramos á Navalla Suíza e para as apps a unha empresa de Ourense. Se tivésemos tempo, a pesar de que era unha programación extensiva, poderiamos tela feito nós, pero se nos escapaba o tempo, non podiamos pornos coa web, as apps e outras cousas, entón decidimos subcontratalo. A Navalla Suíza déronnos moitos e bos consellos para completar as nosas ideas, eles completábanas, redondeábanas. Escapábasenos o tempo e non era funcional facelo todo nós.

E agora en que momento estás? Porque me comentabas que ti o aparcaches un pouco, que ías ser menos activa en 4Gotas para volver facer un cambio de actividade…

Si, 4Gotas está a crecer. A situación está complicada, os proxectos están a atrasarse e entón crece lentamente, pero todo funciona, todo está no seu sitio e persoalmente as ideas que xa tiña, o que che contaba, xa as saquei adiante. Por tanto, penso que agora é un bo momento para parar, despois de 4 anos, tomar un respiro, osixenarme un pouco, porque se non é imposible ter boas ideas… Desvincularme un pouco máis na parte activa, darme un tempo. Apetéceme buscar novos proxectos, 4Gotas está a rodar e pode funcionar á perfección sen min.

Apetécenme novas opcións e tamén teño un libro que quero terminar, con Angel Rivera, un meteorólogo cunha traxectoria impresionante da axencia estatal de meteoroloxía, que traballou con Mariano Medina… el está xa xubilado. Foi portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía e sabe moitísimo. Coñecino tamén nunha destas charlas reunións que facemos os divulgadores de meteoroloxía de España. Coñeceume e chamoume por teléfono e eu estaba súper emocionada! Díxome “Bea eu quería escribir un libro contigo porque me pareces moi creativa e penso que nos podemos complementar moi ben” El sabe moito a meteoroloxía e ten unha visión moi extensa e dicíame que eu teño unha visión moi clara do futuro, “creo que nos podemos compenetrar”. E entón estamos a preparar un libro, estamos xa no último capítulo.

O libro explica a evolución da meteoroloxía en distintos ítems, como unha conversación. É case coma se fosen epistolares, porque en realidade eu escribo unha cousa e o mando por e-mail e el contéstame e así imos evolucionando a historia da meteoroloxía. Coa súa visión e coa miña imos vendo puntos débiles, puntos fortes…  bueno, a ver que tal 🙂 Entón apetéceme tamén ter un pouco de tempo para pechar ese libro… En fin, hai que probar cousas distintas.

Teño que empezar agora a pensar máis cousas. Necesito, como diría o meu irmán, descomprimir un pouco para poder ter unha visión máis lixeira. Eu son consciente, por exemplo, de que para ser creativa necesito pasalo ben. Para ter boas ideas é necesario pasalo ben e ter un pouco de tempo para ti mesma. Necesito iso, dedicarme un pouco de tempo a min mesma para poder gozar e ter boas ideas e volver empezar en calquera outra opción.

Apetécenme novas opcións e tamén teño un libro que quero rematar

 

E o videoblog?

O videoblog leva parado xa unha tempada, porque xa non me daba o tempo para todo. Tamén temos WhatoWeather, que temos que ver como o imos continuar.

 

En WhatoWeather falades con marcas e con tendas de roupa, como percibides a resposta?

Bueno, o modelo de negocio é bo, no sentido de que ao usuario non lle cargamos nada, senón que llo cargamos ás tendas se conseguimos vender algo. É interesante porque moitas apps con moitos usuarios non teñen modelo de negocio definido. Nós temos o contrario, porque non investimos ese millón de euros en publicidade, polo que a masa crítica de usarios non dá para ter eses beneficios impresionantes… pero si temos boas respostas das marcas. Non só de marcas tipo TopShop ou Zalando, que esas por suposto, senón que tamén temos colaboracións con marcas máis pequenas, máis artesanais. De súpeto podemos axudar nunha campaña e metemos uns conxuntos como impulso. E tamén funciona moi ben… de feito por exemplo con By Antía, que é unha moza que fai zapatos artesanais e coa que e colaboramos varias veces (creo que é a cuarta colaboración), cada vez que saca unha colección sempre traballa connosco. Está moi ben. Sendo críticos, o que si que necesitamos é un bo investimento en publicidade para realmente despuntar, porque é un modelo de negocio que existe, así que se algún business angel está a ler esta entrevista e está interesado, por favor que se poña en contacto comigo (ri).

 

Seguro que si

Perfecto! Aquí estamos!

Tampouco descartaría traballar en algo de biometeoroloxía, que é un terreo moi pouco traballado en España. Si se toca máis en Alemaña e en Xapón. Nós, que conseguimos facer ese prognóstico biometeorolóxico, esa operativa que é pioneira en España e en moitos países do mundo, paréceme moi interesante que sigamos profundizando, xa que conseguimos sacalo… O que pasa é que quizais chegou demasiado pronto. Igual nuns anos funcionará algo mellor… Si que me gustaría darlle unha volta.

Eu xa presentei a operativa nun congreso de medicamento e empezamos a colaborar co hospital para ver se había feedback de datos para validala, pero as cousas paráronse. Gustaríame tentar explorar para seguir traballando niso, paréceme moi interesante e daríame pena separarme diso porque creo que ten un futuro prometedor por diante.

Eu se o penso flipo, porque neste catro anos fun a congresos de moda, congresos de medicina… Na miña vida! É flipante.

 

É realmente algo que soa interesante e diferente

Si, sobre todo é que eu estou segura de que vai ser unha disciplina xa, agora. O que pasa é que chegamos demasiado pronto. Agora estanse empezando a facer congresos de biometeoroloxía e noutros países, por exemplo en Alemaña, algúns xornais ao lado da previsión meteorolóxica poñen o prognóstico. Fanno por cores, por exemplo: en vermello porque hai máis risco de accidente cardiovascular… cousas así. E en Xapón tamén.

 

E aquí non cala?

Primeiro porque non hai medios nin tampouco estudos e segundo porque está a empezar a ser agora o momento. Quero dicir, para traballar niso tamén necesitas datos de hospitais para contrastar, unha boa interacción… Os hospitais estarían interesados pero ás veces as entidades grandes son moi difíciles de mover, os grandes dinosauros van moi lentos e aínda que estean interesados atópanse con dificultades administrativas. Vai un pouquiño lento, pero vai ser desde o meu punto de vista unha disciplina, unha que xa está a empezar a xurdir e que será interesante nos próximos anos, seguro

E como funciona esta sección na web de 4Gotas? Tiña moitas visitas? 

Si, si, tiña moitas visitas e nos medios de comunicación interesábanse por ela.

Unha vez viñeron os da Sexta facerme unha entrevista sobre ela.. Tamén tiña visitas o tema de meteoroloxía espacial que tamén me parece súper interesante! En 2011, un dos primeiros videoblogs era sobre iso e aínda que saíu en 2013 (sobre treboadas xeomagnéticas, treboadas solares…) é algo do que agora por fin falamos e se considera importante, pero sobre o que hai catro anos non había case nada… E eu xa empecei a falar diso e xa quería falar diso hai seis anos… Agora por fin se decidiron a crear en España un centro de estudos de meteoroloxía espacial… que pensas “Mimadriña! Menos mal!” Son cousas que ti ves que van xurdindo pero que necesitan o seu tempo… é que me apetecen tantas cousas! Pero teño que centrarme, coma sempre.

 

Claro, claro, é que vas moi por diante, Bea!

É que ás veces aínda que o vexas vir e traballes niso hai que pensar como sacarlle rendemento, buscar un modelo de negocio, buscarlle a pasta, que é o máis difícil. Nós tampouco somos especialistas en administración de empresas… somos físicos, matemáticos… Entón sempre é todo un pouco máis complicado

 

Dá gusto oírte falar de toda esta evolución, pareces entusiasmada e encantada de ir coñecendo cousas diferentes e de ir cambiando…

Como che dicía, ao final gústame todo o que fago. Si é certo que estou nunha etapa máis tranquila, unha etapa na que seguramente estarei encantada de estar. Porque todo iso ten un custo… É dicir, púxenlle moita paixón e iso tamén chegou un momento en que sentín que me baleirou un pouco. Ser emprendedor é moi duro. Estou encantada, si, pero é moi duro. Cando ás veces, sobre todo agora, parece que a sociedade di “emprende, emprende”… E  para emprender… hai que pensalo moi ben, porque é moi duro e moi sacrificado. É certo que estás a facer o que queres, pero tamén hai espazo e tempo que lle tes que asignar a cousas que non queres facer… é dicir non é todo bonito. É moi duro. Eu estou contenta, si por suposto, pero todo isto ten un custo.

Estou nunha etapa máis tranquila

No que ti coñeces, hai outros proxectos en España sobre meteoroloxía e a súa divulgación que sexan para ti innovadores? Porque eu vexo que 4Gotas é moi diferente a todo o que había, pero dígoo sen coñecer o sector, véndoo desde fóra como público xeneral. Vese que ten un punto diferenciador, co parte que me di se me vai a doer a cabeza, os videoblogs e demais… Coñeces outras iniciativas do estilo en Galicia ou en España?

Agora mesmo as referencias a nivel divulgación é difícil atopalas na tele, porque as teles son conservadoras en si mesmas. Por moi disruptivas que pretendan, ser é moi difícil… quizá as cousas máis innovadoras están en plataformas alternativas nas que a xente pode facer o que quere, sen ter que dar explicacións.

A min encántame un divulgador a través de Youtube, que é na plataforma a que atopo as cousas máis interesantes. Chámase Climate Adam, está en inglés e é súper, súper divertido. O que fai é contar en pílulas cortiñas de tres minutos algo vinculado ao clima ou ao cambio climático, pero faino desde a perspectiva do humor. Se cadra se traviste de muller e organiza como unha cita entre el mesmo vestido de home e el vestido de muller nun plano secuencia para falar das consecuencias do cambio climático. E o guión está súper ben enlazado. E eu vexo iso, que me lembra a miña etapa inicial en 4Gotas, na que eu quería facer algo máis vinculado ao humor para falar de cambio climático… E cando o vexo… bueno, morro de ilusión e me derrito totalmente. Entón para min é o mellor, é un referente, tampouco ten tantos seguidores, pero a min paréceme o máximo. En España non atopo cousas máis frikis ou disruptivas. Si que hai xente que fai divulgación boísima, como Angel Rivera, José Miguel Viñas… Que son moi bos, pero é a divulgación de sempre e este Climate Adam é un humor un pouco friki, pero eu morro coa risa.

Como proxectos de meteoroloxía… están a empezar agora a crearse moitas empresas, pero non vin nada especial… Hai dous ou tres anos, cando estaba a pensar ideas (agora estou algo menos pendente) tampouco atopaba nada especial. É verdade que hai cousas puntuais e onde se ve máis creatividade é en gadgets meteorolóxicos, de como combinar a internet das cousas. De como todos estes aparellos van estar conectados, aí si que vexo moita creatividade! Desde a torradora que está conectada por wifi e recibe o prognóstico meteorolóxico e cando fas a torrada sáenche pintadas a temperatura máxima e mínima. Ou unha pasta de dentes que teñen no MIT, que o que fai é que cando te vas a lavar os dentes recibe o prognóstico por WiFi: se sabe a canela é que vai ser un día máis quente que ao anterior, se sabe a menta é que vai ser un día máis frío… Ou se sae con cores é que vai chover! Aí si que a xente me está deixando moito máis impresionada. Esa parte si que é súper guay.

Si, quen pode pensar en pasta de dentes que che di o tempo?!

É que de aquí a pouco a previsión vai estar en todas partes. Antes existían cabinas de teléfono. Agora levas no móbil a hora… Pois eu creo que cando saias de casa xa sabes o tempo, xa cho tería dito a torrada, a pasta de dentes…

A meteoroloxía vaise a ter que reciclar. 4Gotas é un pouco esa idea. Falar no idioma da xente e explicarlles non que vén un anticiclón, senón que mañá pode pór a lavadora ou pode ir á praia. A meteoroloxía tense que reciclar xa. Adaptarse ao que necesita o usuario xa non é suficiente na nosa disciplina, hai que adiantarse. Traballar máis con big data, que xa se está facendo (en meteoroloxía é xa moi usado, como en Bolsa).

Temos que predicir o comportamento do consumidor en base a patróns meteorolóxicos. Por exemplo, en Estados Unidos e en Inglaterra nos supermercados xa se traballa moito con iso. Xa saben que produtos teñen que pór diante se vai haber xeadas… Saben que se vai haber fortes nevadas vai haber moita demanda de comida de mascotas, de gatos e cans, co cal o pon moito máis accesible. Tamén saben que lles funciona moi ben a sopa. Á xente éntralle o pánico. Coa comida de animais supoño que pensarán “eu podo estar un par de días sen comer, pero ao gato a ver como o explico”.

Está a funcionar moi ben e en moitos negocios si que xa o están usando. Existen tamén seguros meteorolóxicos para protexerse, por se o ano non é bo. Úsanos por exemplo agricultores, resorts de esquí… Para todo! Mesmo para os pubs en Londres, que poden facerse un seguro, por se a temperatura máxima no verán non supera os 21 ou 22 graos, xa que consideran que por encima desa temperatura terán moitos máis beneficios porque a xente vai ás terrazas… Hai seguros para todo, o factor meteorolóxico interesa.

 

Si, pero canta impredecibilidade hai niso?

Hai bastante. A predición estacional preto do ecuador funciona bastante ben e na nosa latitude funciona… non moi ben. Pero si que hai anos, como cando pasan cousas como o fenómeno El Niño ou o fenómeno La Niña, nos que é máis fácil axustalo, pero claro, aí está a graza. Por iso hai xente que aposta. É dicir, se eu vendo este seguro e os outros o compran… se fose facilmente predicible ninguén querería apostar.

 

En realidade, moitas cousas da meteoroloxía son confusas para o público e aparecen novas palabras e novas expresións, como pode ser a cicloxénese explosiva da que tanto falamos agora. Moitas veces salta unha alerta de “coidado, que chega un grandísimo temporal” E resulta que ese grandísimo temporal chegou onte e desde hoxe todo foi a mellor… E acabas por non fiarte de todo desas alertas.

Non é xusta esa desconfianza. Nós somos un instrumento. Cantos informativos deciden levar a información do tempo porque consideran que é interesante e dá espectacularidade? Ou porque consideran que é preferible usala como cortina de fume ante outras cousas? Ás veces é moi difícil como meteorólogo controlar a información que dá toda a cadea e moitas veces váiseche das mans. E non é por nada, pero incluso seccións como a de deportes encántalles ser súper sensacionalistas, son os que máis, e collen fenómenos metereolóxicos para levalos á súa linguaxe habitual: as “bombas meteorolóxicas, cicloxéneses explosivas”… hainas máis en deportes que na sección da previsión do tempo. Cando empezas a abusar dun termo e o sacas fóra do seu contexto é unha m***** . Os meteorólogos, por máis que nos matemos a explicar que é unha cicloxénese explosiva (que non é máis que unha borrasca profundándose moito en pouco tempo, non é máis que iso),  se os de deportes o usan como sinónimo de cataclismo…

 

Ao longo da túa carreira notaches algunha vez que axudara ou prexudicara o feito de ser muller? Notáchelo en ciencia, na tele, no mundo da empresa?

En todo, todo moi complicado. Fatal, en todos os ámbitos. É un tema co que estou agora súper concienciada, porque xa estou moi molesta e moi farta da nosa situación en xeral. Porque tiven problemas na tele, tiven problemas antes de estar na tele, tiven problemas agora despois da tele… non sei… alucino mandarinas. Que che podo contar, … por exemplo que unha vez o que daquelas era o meu xefe falou comigo para explicarme que non me ia ofrecer un posto de traballo porque nesa empresa traballan todos homes e el pensaba que non ia estar cómoda alí e ofreceullo a un compañeiro meu (xa sabes, ese paternalismo condescendente mal entendido, no que o ser que se considera superior toma as decisións por ti e faite de menos), ou cando chegou un directivo da Xunta a MeteoGalicia para analizar un desenvolvemento feito e o meu xefe presentoulle a todos os que estaban no despacho (todos homes) menos a min, cando fora eu a que desenvolvera o traballo que o directivo viña a ver; ou ir a algunha reunión a explicar eu o proxecto a medias co meu compañeiro, e ao rematar esa reunión a persoa coa que te viches publica un tuit no que felicita con énfase ao meu socio como único creador do proxecto e eu coma se non existise, coma se non estivese alí (e iso que me tiña a min e non a el localizada en redes sociais previamente)… e esta é unha historia de mil. Pero tiven problemas máis graves e máis serios que preferiría non contar.

Outro caso. Non sei se viches algún vídeoblogue meu…  Pois un día un xornalista, nunha entrevista en directo, díxome “Parabén por eses blogs tan sensuais”, así en antena. E eu flipando… Claro, quedei taaaan cortada. O normal sería cortalo, pero rin, porque quedei tan cortada dicindo “Bueno home, sensuais non son, que eu falo de física e das formigas voadoras” E quédaste pensando que podería telos definido como divertidos, ou como aburridos, como un coñazo, pero… sensuais? Entón falei cos meus compañeiros, para ver un pouco como se percibían… e os meus compañeiros dixéronme pois si, si que son sensuais. Flipei.

Cando empecei a publicar os videoblogs, todo o mundo comentaba o tema físico. Que se que guapa, e ti dis “xa, vale, pero interésache o que conto?”. Pois ao final tiven que rebaixar o ton. É dicir, xa antes non saía nada espectacular pero estaba tan mosqueada que non sei… pensei “voume por máis fea”, que tampouco era iso, pero decidín cambiar o tipo de roupa, a maquillaxe… E non é que antes fose moi arreglada nin sexy nin nada! De feito, pódense ver todos os vídeos, ía moi normal. Pero é certo que houbo un antes e un despois daquilo.

E que triste, foi man de santo. Empezaron a falar máis do contido dos vídeos. É algo que falo cos meus amigos moitas veces. E moita xente non o entende. A vida é así de dura…

Xa estou moi molesta e moi farta da situación das mulleres, en xeral

Ás veces, se non es unha muller, hai cousas que non entendes e que non percibes. Hai moitas cousas que vivimos no día a día e que, ao non vivilo en primeira persoa, non son conscientes e non lle dan máis valor. Non se dan conta se quera de que sucede.

É así. Es ti coas túas paranoias e as túas movidas. Hai que cambiar isto. Todas as mulleres tivemos problemas. Desde que nos pregunten polo xefe cando somos nós, o ninguneo, os comentarios, o ser xulgadas unicamente polo noso aspecto… Aínda que te relaciones con xente culta, con formación? Atópaste con cousas así. Estou súper cansa do tema.

Antes non era así, non o vía desta maneira. Cando estaba no colexio ou no instituto non vía o problema, non sei, teño a sensación de que estaba nunha contorna máis xusta. Foi todo ao chegar á facultade e á contorna de traballo.

 

 

Fíxate que eu teño a mesma sensación e moitas mulleres coas que falo deste tema coméntanme o mesmo. É a sensación de crecer nunha contorna segura e de igualdade nese sentido. Pensaba “estas feministas, como esaxeran, se xa está todo ben, logramos a igualdade” Logo salgues do instituto e vaste dando golpes coa realidade… e pensas pero por que me pasa isto? Vas atando cabos… E logo dinche que es unha histérica. En fin, queda moito por facer.

 

[Neste tramo final, comentamos micro machismos e machismos menos micro que vivimos. A conclusión? Estamos fartas e non calamos.]

 

A última pregunta é a que lle fago a todos os entrevistados: de todo o vivido ata agora, con todos estes cambios e todas estas aventuras nas que te embarcaches, que lle contarías aos teus netos? De que estás máis orgullosa?

Sentinme moi contenta moitas veces, non sei, non podería escoller algo en concreto, non se me ocorre. Máis ben daríalle un consello, máis que contarlle a miña vida. diríalle que tente facer cousas que non o limiten, sobre todo cando teña dúbidas. As miñas amigas aínda se parten de risa lembrando cando cheguei a xunto delas e díxenlles “Vou ser meteoróloga”. Elas saben que eu tomo as decisións moi por instinto, que decido facer algo e fágoo. Igual que cando lles dixen “vou facer unha aplicación de móbil” e ao pouco xa a tiña feita.

Cando un non está seguro, hai que intentar facer cousas que non te limiten

Pero cando non teñas clara a decisión hai que escoller sempre as opcións que menos te limiten. É dicir, quedarte coas que che dean máis ferramentas e as que che permitan ver desde máis arriba toda a imaxe, que non che leven a caixas pequeniñas senón que che dean máis visión.

Se tes moi claro que queres meterte nalgo súper especializado, aínda así hai que tentar ter visión, estudar máis cousas e non perder nunca a curiosidade. E sobre todo, traballes no que traballes, segue aprendendo outras cousas. Paréceme que o segredo de divertirte é saber doutras moitas cousas, para poder mesturalas e aplicalas no que fas para poder traer o teu lecer o teu traballo. Creo que lle daría un consello dese estilo… bueno, quizais tamén por iso si que estou orgullosa porque en 4Gotas si que conseguín levar as cousas que máis me apetecían ao traballo.

 

Paréceme moi bo consello. Moitas grazas Bea por recibirme. Espero que o libro sexa un éxito, do mesmo xeito que os novos retos que afrontes.

 

 

 

Leave a Reply

*