Alberto Abal: «O inicio, a creación de todo isto… non o cambio por nada»

Se soñamos cun mundo diferente, cunha realidade alternativa podemos deixar traballar a nosa creatividade e escribir un libro. Podemos ademais debuxar un cómic. Ou facer unha película ou unha obra de teatro. Os fundadores de Corvus Belli tiñan todo un universo na súa cabeza e tivérono claro: querían o seu propio xogo de rol de miniaturas.

Corvus Belli é a empresa galega creadora de Infinity, o wargame que triunfa en medio mundo. Falamos con Alberto Abal, un dos socios e director do departamento de deseño gráfico, para coñecer un pouco mellor como nace e como traballa unha empresa tan especial, unha empresa única que desde Galicia se relaciona e planta cara ás líderes do sector a nivel mundial.

InfinityFlat

 

Galería de Imaxes

 

Talento Galego: Que é Corvus Belli e como nace a idea? Como logrades facela realidade?

Alberto Abal: Corvus Belli nace máis ou menos en 2001 e os fundadores nese momento foron Carlos Torres, Fernando Liste e Pilar Rivero. Nese momento eles acabaron as súas carreiras e estaban a buscar meterse no mundo laboral. Co difícil que estaba conseguir choio nese momento, pensaron que montar un traballo que fose o que a eles realmente lles gustaba facer sería o ideal, así que se empezaron a mover no mundo da escultura de 15mm, que foron as primeiras gamas que sacaron. Fer (Fernando Liste) estudou empresas, así que xa tiñan tamén o coñecemento suficiente como para que, como facemos todos, se tratase da montaxe dunha empresa sen saber realmente o que é unha empresa, facendo as cousas co espírito de sacalo para adiante pero que non sempre sae ben. Neste caso si había unha sólida base sobre a que construír. 

Había unha sólida base sobre a que construír.

Carlos (Carlos Torres) encargábase da escultura xunto con Fer, que tamén é escultor, e empezaron a sacar unha gama de miniaturas de 15mm, moi pequeniñas, como unha falanxe do dedo pequeno.

Eran de exércitos históricos, soldados e guerreiros que existiron nalgún momento da nosa historia. Non tiñan un xogo que sacasen para darlle base a esas figuras senón que sacaban figuras para xogos de terceiros, algo que se estilaba bastante nese momento. Os que sacaban xogos, sacaban únicamente un manual de xogos e os que sacaban miniaturas, sacaban únicamente miniaturas.

Logo foron medrando un pouquiño e empezaron a sacar miniaturas de fantasía sen estar asociadas a ningún xogo, quizáis máis con vista a metelas nalgún xogo de rol, nos que en ocasións se utilizan tamén miniaturas para xogar. E pasado un pouco máis de tempo chegaría Infinity, que é realmente a gran franquicia de Corvus Belli, a que a día de hoxe dános de comer.

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-18

Infinity chega coa incorporación de Gutier Lusquiños e miña, que entramos como socios e en 2005 sacamos Infinity ao mercado. Nós xogabamos a rol, eramos un grupo que faciamos as nosas propias historias, para xogar as nosas propias aventuras do que nos molaba, baseado na ciencia ficción que liamos, en cómics, en novelas, o que viamos en pelis, etc.
Pasado un tempo Gutier e eu tentamos preparar guión para facer un cómic. Desenvolvemos todo o que era o mundo baseado nas partidas de rol que xogabamos… E cando Fer e Carlos, que eran parte dese grupo de xogo, plantexaron sacar un xogo desde dentro da empresa e buscaron os nichos nos que había de posibilidades. Unha das opcións era aumentar a súa gama de fantasía e darlle o apoio dun xogo. A outra era entrar na ciencia ficción, un nicho de mercado que estaba menos ocupado. Vimos que aí había un maior oco e empezamos o proxecto do que hoxe en día é Infinity.

Iso levounos dous anos de desenvolvemento antes de sacalo ao mercado en 2005. Practicamente, desde o día un, permitiunos a todos os empregados da empresa ter un salario correcto e que non pasase como ocorre moitas veces cando se empeza cunha empresa, que os salarios son a metade do que podes, se é que podes… Corvus Belli xa tiña un nome dentro do mundo das miniaturas e o produto que nós preparamos funcionou. Efectivamente había ese oco de mercado que nós viramos e desde o día un permitiunos poder vivir diso. A día de hoxe somos 55 persoas na empresa, así que crecemos moito.

A día de hoxe somos 55 persoas na empresa

 

TG: E o financiamento inicial?

A.A. : Cando eles montaron a empresa no seu momento creo que obtiveron algunha pequena subvención das que había para creación de sociedades limitadas laborais e demais. Foi a única. Todo o demais foi sempre do noso esforzo, de autofinanciación, de reinversión das ganancias da empresa. Sempre funcionamos así.

 

TG: Tedes 55 empregados en plantel, pero tedes colaboradores externos?

A.A: Si, sobre todo para a ilustración. A ilustración sacámola toda fóra, fana freelances. Contactamos con eles a través de diferentes webs dedicadas a mover o traballo de ilustradores como pode ser DevianArt. Escultores temos dous en plantilla, pero tamén traballamos con algúns escultores freelance, que todos os meses teñen a axenda ocupada connosco

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-03

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-09TG: E o persoal é da zona ou os ides fichando por todo o mundo?

A.A.: En xeral son de preto, sendo preto un termo amplo: temos xente de Vigo, de Pontevedra e un volume bastante grande que é de Cangas, porque nós tivemos até fai relativamente pouco (nin un ano) a sede en Cangas e queiras que non era máis fácil tirar de xente que xa está alí, de xente que non se tiña que desprazar. Pero aínda así temos xente de Granada, de Cataluña… xente de toda España que terminou aquí.

 

TG: E os fundadores?

De Cangas son Fer e Bego [Begoña Liste] (Pilar Rivero saíu da sociedade en certo momento), Gutier vivía en Pontevedra, Carlos e eu, tamén en Pontevedra… Por que Cangas? Sinxelo, porque eles tiñan un local da súa familia que lles permitía montar as súas primeiras instalacións. Cando empezas todo é bo. Empezouse aí e creceuse. A día de hoxe podendo moverte e tendo aquí dentro á maior parte do persoal de Cangas, de Moaña e de aquí de Bueu non ten sentido largarte a Pontevedra ou a Vigo, porque a maior parte do persoal tería que desprazarse. Algúns facemos desprazamentos, pero trasladarse non parecía a mellor solución.

Alberto Abal e Gutier Lusquiños

Alberto Abal e Gutier Lusquiños

 

TG: A cantos países estades a vender actualmente?

A.A.: A moitos! A practicamente a todo o mundo, alí onde se xogue a miniaturas: en Australia, en Nova Zelandia, en Xapón, todo o sur de China, Estados Unidos, Sudamérica menos pero tamén, Europa practicamente toda, a África enviamos, a Israel, a Palestina… pero son cousas máis puntuais, non son grandes mercados.

Vendemos a practicamente a todo o mundo, alí onde se xogue a miniaturas

TG: Vendedes por internet, pero hai algo en tendas?

A.A.: Nós temos unha tenda online, pero é o mínimo dos nosos ingresos. Vendemos a distribuidores ou a tendas. O produto véndese fisicamente en tendas e moitos dos nosos clientes son tendas online. Vendemos a distribución na medida do posible. Hai lugares onde non hai distribuidores en todo o país ou na zona e cómprannos directamente a nós. Algúns clientes non teñen máis opción que ir ás tendas online, por iso temos o servizo.

 

TG: En que países triunfa máis?

Estados Unidos é o gran mercado. O mundo anglosaxón, obviamente, por extensión únese ao de Estados Unidos, pero España é o cuarto dos nosos mercados. Estados Unidos é o primeiro, Reino Unido, Alemaña e España, creo que a orde é así… pero por exemplo a día hoxe en Australia véndese moitísimo, que é un mercado que para o lonxe que está ten entidade, non é tan puntual como pode ser Xapón, que é regular pero é moi pequeno.

 

TG: Sabes cantas miniaturas se fixeron desde o principio dos tempos?

A.A.: É imposible sabelo! Bueno, si é posible, poderíase ir ao Excell e ver a cifra, pero non o sei. A día de hoxe, só de Infinity, deixando á marxe o resto de gamas, raiamos as 700 referencias. E 700 referencias non significa 700 miniaturas, porque hai caixas de dúas, hai caixas de 4, hai blisters de 2, de 3… entón tampouco podemos facer un multiplicador, pero o dobre é seguro, así que unhas 1400 diferentes como mínimo. E son máis, seguro!

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-04

TG: En canto á forma de traballo, cóntame que perfís profesionais están involucrados?

A.A.: Temos desde creativos para a parte de escritura, como sería Gutier (aínda que practicamente fai el todo o traballo), perfís de comunicación para traballo de mercadotecnia, como o community manager, etc. Temos xente que entrou na empresa única e exclusivamente a probar o xogo, a facer o labor de play testing, aínda que logo quedaron e pasaron a facer outros labores a maiores. Temos perfís de deseñador gráfico, de deseñador conceptual, ilustrador, escultores… e como en toda empresa fan falta perfís administrativos de moitos niveis diferentes, tamén na parte directiva e logo perfís máis técnicos, como a xente de moldes, fundición, corte e empaquetado, que son non cualificados, por dicilo así, porque non hai unha formación específica para iso e que en realidade calquera persoa pode abordar. Reciben a formación aquí, porque é moi específica e non hai maneira de adquirila noutro lado, excepto traballando noutra empresa que se dedique ao mesmo… E por aquí non hai ningunha preto.

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-07

TG: Non hai ningunha en Galicia?

A.A.: En Galicia que eu saiba non hai ningunha. En España hai algunha marca, pero non hai ningunha que teña a entidade que temos nós a día de hoxe. Probablemente sexamos, do sector, a empresa máis grande, pero hai outras máis pequenas que viven diso.

En España hai algunha marca, pero ningunha que teña a entidade que temos nós a día de hoxe

TG: Ou sexa, que os vosos competidores en realidade quen serían?

A.A.: Os nosos competidores son as grandes marcas de fóra. Hai unha marca inglesa que é Games Workshop que son a nosa competencia, ou nós a deles en realidade. Pero eles xogan nunha liga onde están eles sós… É fórmula Workshop. Todos os demais estamos de aí para abaixo. É moi difícil valorar onde estamos situados porque ninguén ten as cifras dos demais, cada un ten as da súa empresa. Por sensacións, falando con distribuidores, clientela e demais, a nivel mundial debemos estar a ser probablemente a terceira marca empatada con outra e a nivel europeo probablemente a segunda marca. É dicir, que a nivel europeo estariamos xusto debaixo de GamesWorkshop. A nivel mundial hai outras dúas marcas, unha está por encima nosa porque en Estados Unidos vende o que non está escrito. A terceira, que vende tamén sobre todo alí, en Europa vende moito menos… Así que estamos ao seu nivel, o cal é…

 

TG: Fantástico

A.A.: Fantástico 🙂 En realidade non hai moitas máis marcas con entidade, hai moitísimas marcas moi pequeniñas, que teñen gamas pequeniñas, non orientadas a xogo senón por exemplo destinadas a pintores. Hai moito mercado para o mundo das miniaturas, pero empresas que teñan certa entidade, saquen o seu propio xogo, que teñan as súas propias gamas de miniaturas somos pouquiñas, así que non é difícil estar neses postos do ranking. Pero é importante ser un deles, iso está claro.

 

TG: Que crees que é o que marca a diferenza entre unhas e outras? Onde crees que está a clave para que vós vos convertirades nunha desas marcas grandes e non nunha máis das pequenas?

A.A: Supoño que apostamos sobre todo por unha calidade moi grande en todos os pasos que levan ao que acaba sendo a miniatura. O cliente xeralmente ve a miniatura ou, se chega a través do xogo, ve o xogo e a miniatura e nós buscamos a calidade en todas as vertentes. A nosa ilustración a buscamos desde o principio que fose boa, a maquetación do libro que fose elegante, chula e futurista, porque vendemos un xogo de futuro, os argumentos e o transfondo que contamos que sexa realista… Que poidan empatizar os clientes non só coa parte de guerra, que ao final é ao que xogan, senón con todo o que hai detrás e que poidan chegar por motivos un pouquiño máis paralelos que non directamente o xogo de guerra.

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-02

Apostamos sobre todo por unha calidade moi grande en todos os pasos

TG: E hai libros de exército ou só hai manual?

A.A.: Nós non sacamos libros de exército. Nos manuais abordamos todas as faccións, en ocasións incorporamos novas, pero todo o que necesitas está aí. Sexas da facción que sexas só vas ter que mercar un único manual e todo o que necesitas está aí.

Nós preferimos alimentar a todos os gustos de maneira simultánea, do mesmo xeito cando sacamos novidades. Sacamos novidades todos os meses, non para todos os exércitos porque a día de hoxe son 9 e non todas as tendas e distribuidores poden asumir tanto volume de novidades, pero si nun bloque de dous meses saen para todas. Sempre hai produto para todos os clientes. Hai moitos clientes que xogan a varias faccións, o noso produto é o suficientemente accesible e sae o suficientemente a miúdo como para que realmente non te quedes sen novidades. Por exemplo, se eu xogo con Panoceanía e vexo que este mes non me sae nada, pois aproveito para empezar estoutro que me gusta que é Aleph. Próboo, como un mes sae dunha e outro doutra, permíteme ir variando sen meterme nun lío ou que non saian novidades para o meu exército, como pasa con outras marcas. Non sacan máis nada que durante 4 meses e en 4 meses tes que comprar todo o que saia, que é moitísimo volume. Nós temos repartido doutra maneira o tema, procurando sempre que todo o mundo teña novidade, material que comprar e sen grandes investimentos.

 

TG: E como nace un exército? Quen dá o primeiro paso, a persoa que lle dá transfondo? Alguén que di “encantaríame facer un con esta estética, imos darlle transfondo”?

A.A.: Hai unha especie de pasos previos que xa demos no pasado, en realidade xa temos a urdimbre completa de todo o que é o universo. Xa máis ou menos definiramos as faccións que ía haber, por onde ía crecer… desenvolveuse moitísimo ao principio. Non se fixo foco nalgúns deles pero si son fíos para ir sacando máis no futuro. Establecéronse as bases de como van ser, se son alieníxenas, a súa maneira de pensar, se van ser prol-humanidade ou contra humanidade… todas esas cousas xa están fiadas. Logo si que pasa ao traballo de Gutier que vai empezando a encargarse do transfondo, pero tamén haberá outras persoas implicadas, que non só o vexan desde o punto de vista de crear un mundo senón tamén de crear un produto, como van funcionar, se van ir en caixas, en blíster, se van ser moitas miniaturas, se van levar robots grandes… Van os procesos en paralelo, para que non desenvolvamos algo moi rico que logo non teñamos capacidade de darllo ao cliente como algo útil para xogar.

Así se dan os primeiros pasos, tamén pensando en algo que o cliente a poida manexar.

 

TG: En canto á promoción, teño visto que tedes canle de YouTube, presenza en redes sociais, nas tendas? En base ao voso perfil de xogador, como elixides as canles de comunicación?

A.A.: En realidade os xogadores deste mundo búscanse a vida. As nosas principais canles para darnos a coñecer son as propias comunidades de xogadores de miniaturas. A xente non adoita xogar só a un xogo, adoitan xogar a varias cousas. Así, unha comunidade dunha tenda adoita estar vinculada ao tendeiro, pero as que nacen alleas ás tendas decátanse por internet de que hai un xogo novo, cómprano e próbano cos seus amigos e se lles mola van influír noutro grupo de xogo e iso vaise transmitindo.

Na tenda nós presentamos un produto moi bo en canto a calidade e que xa é realmente sólido. Nas tendas xa ven que estamos perfectamente instalados no mercado e non adoitan ter moitas dúbidas para elixir o noso produto. Ao mesmo tempo, unha tenda que ten Infinity xa xera unha comunidade.

Infinity-Corvus-Belli-Talento-Galego_18

Interplanetario 2016, celebrado en Vigo este mes de agosto.

Por outro, lado hai xente que non ten acceso a nada diso, que está na súa casa e navegan por internet. Se fan unha procura de miniaturas de ciencia ficción, nós imos saír aí arriba, porque a día de hoxe é onde nos movemos. Procuramos movernos moito en redes, manter Facebook e Twitter sempre activos, publicamos artigos na nosa propia web para que tamén se manteña a lectura dentro da nosa web… Ademais, hai grandes canles de YouTube, como pode ser Beasts of War que é a canle anglosaxoa que máis move o mundo das minis. Con eles ás veces facemos semanas de Infinity. Falamos con eles e chegamos a un acordo para que nos dediquen unha semana na que só se fale de nós. Iso dános unha visibilidade moi grande. Tamén asistimos a eventos organizados polos nosos clientes para fidelizar aos xogadores. Acudimos a eventos e temos unha gran liga de torneos. Cando unha tenda monta un e dinos “vídesvos até aquí e asinades libros?” Sempre que podemos e nos é posible acudimos, porque é algo que fideliza moito. Ao fan mólalle ter contacto con quen foron os creadores de algo que lle apaixona. Tamén imos a feiras moi grandes, como GenCon en Estados Unidos, que sería o equivalente ao Cómic Con, e alí montamos a nosa caseta. Se non estás alí é que non es alguén no mundo e aínda que é un desembolso moi grande para nós o mover a 3 persoas até alí, mandar o material e contratar a xente de alí para que nos axude cos labores (é unha pasta que non vexas) paga a pena, porque ao final as vendas que se producen alí son o suficientemente interesantes para que saia. En realidade, o que de verdade importa é que ti estás no meollo, que todo o mundo te ve e a xente pode dicir que Infinity é unha empresa que xa está instalada. Os distribuidores, tendas e demais non van ter nunca a dúbida de que es unha marca de primeiro nivel.

Acudimos a eventos e temos unha gran liga de torneos

Infinity-Corvus-Belli-Talento-Galego_19

Interplanetario 2016, celebrado en Vigo este mes de agosto.

TG: E podedes saber cantos xogadores hai? Aproximadamente?

A.A: Non, sabemos cantos xogan por exemplo ao noso ITS (Infinity Tournament System) . O ITS é un dos nosos medidores de cantos xogadores activos hai, pero é unha parte moi pequena, porque hai moitos que non xogan a liga, que non xogan torneos. Ou xogan torneos que non son oficiais, que organizan eles ou que xogan en casa en cidades máis pequeñas… Por exemplo, se en Marín hai 4 que xogan, reúnense en casa dun e xogan partidas. Nós non somos conscientes de cantos pode haber. Tería que mirar as cifras, pero superamos os 8.000 en ITS, que é a punta do iceberg. Tamén temos unha parte da clientela que non é xogadora, que é unicamente coleccionista de miniaturas. Só compran. Outros son pintores, cómpranas para pintar, xerar os seus dioramas e xa está.

En realidade unha saída grande dun produto novo, como a preventa do libro novo, por exemplo, se cadra rolda os 10.000 exemplares. Sabemos que o día un en todo o mundo 10.000 persoas farán unha reserva do produto. Ese é o número mínimo, logo chegarán outras compras, pero sabemos que chegamos a 10.000 como mínimo o primeiro día. É unha cifra medidora.

Se lle conto a moitos amigos que se dedican ao cómic, que só venden en España, que o noso libro vendeu dez mil unidades, asinan eles por vender dez mil unidades do seu cómic. En publicacións pequeniñas, claro. Logo en novela de xente de renome, como un Reverte, van vender outras cifras ás que nós non chegaremos, pero nun mundo tan miúdo como é o noso, de acceso de culto e bastante separado do que é “o común dos mortais”, 10.000 é un número bonito (sorrí).

Superamos os 8.000 xogadores en ITS, que é a punta do iceberg

TG: E en Galicia funciona ou non hai tradición deste tipo de xogos?

A.A.: Si, si que hai, hai comunidade en Vigo, hai comunidade en Coruña, hai unha pequeniña en Pontevedra… Si que hai xogadores. Hai xogadores en Lugo e en Ourense en toda Galicia hai xogadores! Non son grandes comunidades porque as cidades aquí tampouco son especialmente grandes. As comunidades adoitan crecer moito en cidades tirando a grandes. Madrid e Barcelona teñen comunidades bastante grandes. O resto das cidades que son mais pequenas é un pouco máis difícil. Pero si, vendemos en Galicia.

 

TG: E a liga que me comentabas, como funciona?

A.A.: Os torneos dependen do tamaño que lle queira dar o organizador, pero adoitan comporse dunha serie de partidas, 3 ou 4 partidas nas que se sortearán os emparellamentos das primeiras partidas (porque non haberá puntos cos que organizarse). Repartiranse polas mesas e xogarán un contra un, é dicir en cada mesa só xogarán dous xogadores, e a medida que acaba a primeira rolda entón si xa se irán emparellando segundo os resultados que tivesen, nun sistema suízo, pero non hai por así dicilo unha semifinal e unha final. Eles xogarán cada un deles 4 partidas se é a 4 partidas, cos compañeiros que lle toque en cada momento. Dependendo do que gañen ou perdan terán unha serie de puntos e iso dirá quen é o gañador do torneo. Iso xera ademais unha serie de puntuacións que nós mantemos nun ranking mundial que temos onde hai como tres divisións, que serían España, Estados Unidos, polo grande deses mercados, e logo o resto do mundo. Logo hai un tío que é o que gaña a nivel de puntos a todos os demais, pero saen como tres gañadores das tres “ligas”. Unha cousa como o sistema Costa Leste – Costa Oeste que hai no baloncesto en Estados Unidos, algo similar. Daquela esa xente recibe un premio especial.

Nós organizamos un torneo moi grande, o máis grande que se celebra do noso, en agosto en Vigo. O ano pasado estaban os tres campións do tres áreas, o cal é case como o campionato mundial, en realidade. O noso anhelo é que se termine convertendo ese evento na fase final dun mundial, onde veñan xogar os xogadores que conseguisen a praza ao longo do mundo. O ano pasado xogaron 80 persoas, veu xente de todo o mundo. Veu un hawaiano! Un hawaiano sen praza! É dicir, as prazas acabáronse en 20 minutos e ese mozo veu igual. Ninguén sabía que ía vir nin nada, porque tivésemos buscado a maneira… pero non… chegou e dicía “dáme igual, eu vin e se consigo xogar…” porque sempre hai mesas que se poden quedar libres, ou os días previos nos que as mesas xa están montadas e se pode xogar. E el buscouse adversarios cos que baterse o día antes, pero o día do torneo non xogou, estivo a se pasear por alí pero sen xogar e veu desde Hawai, que está… moi lonxe!

Infinity-Corvus-Belli-Talento-Galego_03

Interplanetario 2016, celebrado en Vigo este mes de agosto.

TG: E como empeza un a xogar a isto? Hai un pack de principiante, onde teñas o básico? Que investimento hai que facer?

A.A.: Pódeste achegar de dúas maneiras principais, agora temos unhas caixas de inicio que iniciarían a dous xogadores, porque trae dous exércitos, unhas regras resumidas e que ademais funcionan como un tutorial porque van incrementando as partidas que se ensinan a xogar, o número de miniaturas que se ven involucradas e a cantidade de regras que necesitas. Esa caixa é a ideal para empezar. O mellor é empezar cun compañeiro, porque o ideal é xogar de dous en dous e [as caixas] están preparadas para iso. Logo hai outra maneira: se eu estou no mundillo, fun a unha tenda e alí ensináronme a xogar, non necesito unha caixa de inicio, aínda que é unha compra moi boa sobre todo se a compro cun compañeiro, porque xa traen suficientes miniaturas. Pero temos outra opción, unhas caixas tamén de inicio pero orientadas unicamente un exército. Esas non veñen acompañadas de nada máis, son as miniaturas, pero son para alguén que se inicia no xogo non desde o peixe total, senón xa sabendo ou mesmo para empezar unha nova facción. Se levo xogando un tempo con Nómades e considero que lles saquei todo o partido e quero navegar por outros mares… xeralmente o primeiro produto para empezar é o Starter pack.

O mellor é empezar cun compañeiro, porque o ideal é xogar de dous en dous

TG: E a escenografía, compraríase aparte?

A.A.: Si, hai dúas opcións. Hai moita xente que prefire fabricarse as súas mesas, porque son manitas, mólalles o tema do maquetismo, que é algo moi próximo ao noso mundo, e prepárannas eles. Outra xente non ten pasta ou non quere investir niso usan libros, paquetes de tabaco, dous bolsos dados a volta e así montan a súa mesa… Pero gústanos dicir que en canto ao mundo da escenografía para wargames, nós fixemos que se desenvolvese un mercado que estaba moi, moi pouco desenvolvido. Unha chea de marcas animáronse a sacar escenografía e o noso xogo necesita moita, fronte a outros xogos da competencia que apenas necesitan. Animáronse a sacar edificios chulos… Antes todo eran ruínas, outeiros e árbores. Para o noso xogo fan falta edificios completos, con aspecto de cidade moderna ou máis antiga ou colonia mineira nun asteroide… hai moitos lugares que simular, entón as empresas de escenografía lanzáronse a xerar material para nós. A día de hoxe, é máis fácil que facelo un, sobre todo se non é moi ducho niso, buscar unha desas empresas que faga o máis acorde ao que a ti che mole, compras e móntaste a mesa. Á parte, nos nosos packs, nas caixas de Inicio, veñen recortables de cartón que xa che permiten montar unha mesa lixeiriña e tamén vendemos eses mesmos packs por separado por se queres completar. Tes unha escenografía de cartón chula, que loce na mesa e coa escenografía dos nosos partners queda moi, moi chulo.

 

Infinity-Corvus-Belli-Talento-Galego_07

Interplanetario 2016, celebrado en Vigo este mes de agosto.

 

 

TG: E as pinturas? Hai que pintar con pinturas especiais? Tedes algún partner para isto?

A.A.: De momento non. Angel Giráldez fixo un libro de como pintar miniaturas, as de Infinity, porque é o pintor da casa, e pinta sobre todo con pinturas da marca Vallejo. É a máis próxima a nós, non hai unhas concretas, pero xa veremos se chegamos a concretar algo por aí…

Escenografia-infinity

Un momento do Interplanetario 2016, celebrado en Vigo este mes de agosto.

TG: Ben, pois xa temos as miniaturas, a pintura, as mesas con escenografía? E os dados , as regras…?

A.A.: En canto ás regras podes comprar os libros de regras, que traen o transfondo e as regras para xogar, pero nós de todos os xeitos, toda a parte que son regras dámolas gratuítas a través da rede. Se queres probar o xogo non imos impedir que probes o xogo a fondo. Se queres probalo, tes o 100%, as estatísticas das tropas para poder xogar… non sabes se esa mini che interesará mercala ou non porque non sabes como xogala? Telo en internet. Se che gusta, vas comprar a miniatura. Pero non é só iso, terminan mercando o libro. Facemos un produto que é un luxo a todos os niveis, está moi coidado e é moi bonito. E aínda que ás partidas adoitan levar o libreto que se descargaron con todo impreso en casa e cunha espiral, (porque para as partidas é máis cómodo que estragar o libro) prefiren ter en casa o libro, para ver o transfondo ou o que sexa. Sacámoslle partido aínda que o deamos gratuitamente. Sabemos que é un acicate para tamén mercalo.

Toda a parte que son regras dámolas gratuítas a través da rede

TG: Falemos de ti… Dime quen es, como vives esta aventura e que esperas de aquí a un par de anos, da empresa e da túa vida nela?

A.A.: Son Alberto Abal, son deseñador gráfico, formeime na facultade de Belas Artes en Pontevedra e sempre fun afeccionado a estas historias. A miña afección principal son os cómics, pero sempre xoguei a rol, a miniaturas e cando chegou o momento de incorporarme á vida laboral (aínda que xa tivera a miña propia empresa de deseño que non chegou a moi bo porto) involucreime neste proxecto a tope porque realmente era algo que me satisfacía. O inicio da creación de todo isto, para a xente que nos gusta o tema creativo e todos estes mundos fantásticos de ciencia ficción foi… que non o cambio por ningunha outra cousa. Foi un luxo poder desenvolver todo isto. Ademais somos un grupo que nos levamos moi ben entre nós, xa eramos amigos previamente e todo foi sinxelo. Houbo moitas discusións, pero sempre logrando avanzar e chegando a sitios que dicías “Pero como mola! Desenvolvemos isto ou aquilo, fixádevos que entidade gañou isto, isto ten consistencia e funciona politicamente, non só é os que van de azul gañan ás veces e os de laranxa perden as outras…” Non, todo tiña fío condutor, era como estar a facer ese cómic que tentamos facer no seu momento, pero moito máis alá, preparando as bases dunha cousa moi grande. Foi moi divertido. A día de hoxe xa non estou tan involucrado nese proceso de creación, porque o meu traballo lévame por outros lados e xa non teño horas que poder dedicarlle como nese momento, que era inmersión absoluta, brutal. Pero ten outras satisfaccións. Ves que a empresa medra. Eramos 6-7 cando empezamos e hoxe somos 55… O que tamén xera unha chea de medos… onde imos terminar… Hai 50 familias aí fóra que dependen de que a nós non se nos vaia a pinza e se nos dea por crear elfos espidos e terminemos con todo isto feito un cristo. Cambiaron un pouco as emocións que tes da empresa, pero sempre é súper positivo, poder ver que todo o que estás a facer, todo o que invistes, discutes e demais sempre chega a novas cotas, por sorte, até agora… por sorte e tamén polo noso bo facer, hai que dicilo porque non imos dicir que o facemos todo fatal e que todo isto é sorte. Non, isto non é así. Sempre fomos crecendo como empresa, en vendas, en xente traballando, en cotas de calidade… Iso é… éncheo a un por dentro moitísimo.

Houbo moitas discusións, pero sempre logrando avanzar e chegando a sitios que dicías “Pero como mola!»

Que espero nun par de anos? Que sigamos crecendo, como mínimo e poder volver involucrarnos no desenvolvemento desde o principio de novos produtos, de volver a ese momento de creatividade total, cando era só iso, crear cousas, sen medo a soltar e poñelo enriba da mesa. Logo xa se metería a tesoira e encaixaría dentro diso que realmente o público quere comprar.

Talento-galego-Infinity-Corvus-Belli-12

Ese neno fíxome a min sentirme Bruce Springsteen. Iso non é pagable con cartos.

TG: Cóntame unha cousa da que esteas especialmente orgulloso. Algo que para ti, para dentro, digas: isto contareillo aos meus netos.

A.A.: Moitas cousas en realidade. Adoito ir á maior parte dos eventos, procuro ir. Cando ven un dos fans e che fala desa parte do libro ou esa tropa en concreto… E encima esa parte deseñáchela ti… e diche “é que é a miña preferida, porque puxeches isto, puxeches aquilo… e sei que ti les aqueles mesmos cómics que leo eu” Cando se establecen todo ese tipo de conexión… iso apértalle a un a pataca, non cabe dúbida. Ou estás nun evento e atopas a un tipo disfrazado dunha tropa que deseñaches ti. Esas cousas… fanche sentir moi orgulloso do que fas. Quedas cos teus amigos e dinche “Pero ti que fas?” “Eu fago bonecos” E todos “Jajaja” e digo, “Non, ja-ja-ja non, algún de vós algunha vez tivo a un pai dicíndolle ao seu meniño: Este tío fai iso que tanto che mola a ti!” Iso non é fácil. Eu estudiei no Garaxe Hermético até hai pouco, porque aínda que sei que non vou exercer de profesional dos cómics gústame o mundo e seguir formándome. A un dos chavales que estaba alí moláballe mogollón o que facemos e Kiko [Dasilva] dixo “Tráelle un día o libro de arte” e ves que ese neno fai [gesticula]… como cando te ves diante de… non sei… como se foras a un concerto de Bruce Springsteen e resulta que podes entrar no backstage. Ese neno fíxome a min sentirme Bruce Springsteen. Iso non é pagable con cartos. Pois iso é o máis chulo de todo.

Infinity the game está en Facebook, Twitter, Youtube, Instagram, Pinterest e Google Plus.

Se queres empezar a xogar podes mercar na súa tenda online.

 

 

 

 

2 Comments

  1. Boísima entrevista. Da gosto ver a unha entrevistadora que realmente pareza interesada por entender o mundo que o entrevistado lle presentes e ao mesmo tempo ver como o entrevistado pode explicarse e contar o que lle apetece. Parabéns a ambos.

    • lparcero

      Grazas! A entrevistadora non só «parece» interesada, é un interese sincero. Doutro xeito non faría a entrevista. Grazas por ler 🙂

Leave a Reply

*